ALU IBÉRICA / ALCOA, non se pechan!!

POLA REINDUSTRIALIZACIÓN !!
NACIONALIZACIÓN BAIXO CONTROL OBREIRO DOS SECTORES ESTRATÉXICOS!!


Desde o Comité Nacional do Partido Comunista dos Traballadores da Galiza (PCTG) e dos Colectivos da Mocidade Comunista (CMC) queremos expresar o noso decidido apoio e solidariedade á loita dos obreiros de Alu Ibérica, de Alcoa e das auxiliares, ás súas organizacións sindicais de clase, e ao conxunto do pobo traballador das comarcas afectadas, que se xogan a supervivencia de milleiros de familias.

Os traballadores de Alu Ibérica están hoxe confrontados a un episodio máis desa chantaxe  do capital que consiste en xogar coa permanente ameaza sobre a actividade produtiva e o futuro dos empregos, coa única finalidade de garantir o máximo beneficio, o máximo rendemento para o capital e os especuladores de todo tipo.

Durante dous anos, o Goberno, a Xunta e os empresarios estiveron mareando os traballadores e enganando o pobo, vendidos por Alcoa a Parter, vendidos logo por Parter a Grupo Riesgo. Vanse sucedendo á cabeza das empresas puros delincuentes de traxe e garabata especializados no saqueo dos recursos públicos e na explotación da clase obreira. Subsidios no prezo da electricidade, axudas fiscais de todo tipo, en resumo, miles de millóns de euros saídos do peto dos traballadores para engrosar directamente as contas bancarias dos accionistas.

Confrontado hoxe a unha crise de sobreprodución, que non é causada pola pandemia, senón polo seu afán de lucro, o Capital pretende que a clase obreira, que todo o produce co seu traballo, pague os pratos rotos. Aproveitando a situación de debilidade creada pola emerxencia sanitaria e as limitacións físicas propias do Estado de Alarma, a patronal trata de impoñer máis precariedade laboral, peores condicións de traballo e salarios máis baixos. A destrución do emprego industrial responde a esa intención. O goberno socialdemócrata da coalición PSOE-UP/Podemos e a Xunta do PP asubían mirando para outro lado, mentres a ministra repite sen rubor: prohibido despedir.

A clase obreira non debe consentir este novo paso no proceso de desertización industrial da Galiza. Precisamos defender as capacidades produtivas da nosa industria para cubrir as necesidades do pobo e o seu dereito a unha vida digna, sen carencias, e con pleno emprego para todos e todas. O traballo debe servir para termos unha vida mellor e segura, non para enriquecer obscenamente un puñado de multimillonarios.

Mentres os traballadores non tomemos o control do que é seu, non haberá solución definitiva aos nosos problemas. Debemos, desde xa, reclamar o que é noso, porque foi construído co noso traballo, para deixar de ser vítimas dos caprichos do capital.

Esiximos a NACIONALIZACIÓN DE ALU IBÉRICA E DE ALCOA, baixo control obreiro, porque son partes dunha mesma loita en defensa do emprego industrial e dun mesmo proceso produtivo. Esiximos así mesmo a nacionalización do sector enerxético e de todos os sectores estratéxicos. A enerxía que emprega o sistema produtivo, do que dependen o progreso e o desenvolvemento social, non pode estar nas mans dos intereses do capital privado.

O PCTG chama o conxunto da clase obreira e do pobo traballador galego a defender a permanencia das industrias e dos postos de traballo que deben asegurar un futuro económico e produtivo en Galiza, para que a nosa mocidade non siga a emigrar.

Chamamos a prestar a máxima solidariedade á loita e ás mobilizacións dos traballadores de ALU IBÉRICA, de ALCOA, e das auxiliares que, defendendo o seu emprego, defenden o noso porvir.


ALU IBÉRICA NON SE PECHA !!  ALCOA NON SE PECHA !!
REINDUSTRIALIZACIÓN !!
NACIONALIZACIÓN E CONTROL OBREIRO !!
Galiza para a clase obreira!


Galiza, 6 de xuño 2020.
Comité Nacional do Partido Comunista dos Traballadores da Galiza (PCTG)
Comité Nacional dos Colectivos da Mocidade Comunista (CMC)