O peor servizo de Renfe en plena pandemia

por Álvaro Luque

“Non podo parar de chorar”, isa é a situación dunha dos miles de traballadores e traballadoras de Ferrovial que se ven na rúa. Renfe suspendeu o servizo de cafetaría nos AVE e Longa Distancia, polo tanto, centos de traballadores quedan na casa de maneira definitiva. Estaban afectados por un ERTE desde o inicio da crise, máis dun mes. Son 2000 familias que saíron a aplaudir, que aguantaron entre catro paredes as restricións e que ergueron esa empresa durante moitos anos. Agora, sen ningún tipo de rubor e coa economía como escusa, sofren a outra pandemia, a que sofres ti e os teus, o paro e o desprezo.

Foron a cara de RENFE durante moitos anos. As que servían o café, axudaban a dependentes, ían dun lado ao outro do vagón facendo que todo fose posible. As que con paciencia e boas formas aguantaban todo, se un pasaxeiro era engreído e arrogante, se ía bebido ou se directamente lle apetecía falar. Fixeron posible que viaxar non fose simplemente subir ao tren, senón viaxar en tren, algo agradable. Que tí gozases da paisaxe, dun libro ou un café, que estiveses cómodo era algo que non estaba nas tarefas prioritarias dos executivos, senón dos que corrían dun lado a outro de vagón en vagón. Unha tarefa que parece invisible pero que é a que fai que todo funcione, que todo sexa posible, algo esencial. Madrid, Valencia, Barcelona, Sevilla, Xixón, Alacante... Un día tras outro, a través de camiños de ferro de punta a punta do país, a golpe de zapato e tacón, con boa cara para que o AVE funcionase.

Renfe decide pagar a súa entrega como o fan as grandes empresas nos momentos difíciles, baixándoos do tren e mostrándolles a porta de saída cun simple ”grazas polos seus servizos”.

As bágoas é o que queda, son da rabia despois de 12 anos sacrificando todo por Ferrovial e Renfe. Se colles unha quenda ou o outra, se vives aquí ou alá, cando tes fillos, redución de xornada ou non, madrugóns, festivos, nadal, veráns, calor, frío, neve... Unha loita hora a hora, quilómetro a quilómetro, folga a folga, para poder construír un soño sinxelo compartido por toda familia traballadora, un futuro con dignidade. Nada do outro mundo, simplemente ter emprego e dereitos. Vivir.

Renfe, como miles de empresas millonarias, crearon toda unha maraña de contratas e subcontratas para facer posible o seu soño e facer imposible o teu. «Non é un despedimento», din, simplemente a finalización do contrato das cafetarías, “non depende de nós senón de Ferrovial”. A realidade é que no andén quedan 2.000 familias e estas xa teñen claro que se se recupera o servizo de aquí a 6 meses, farano en peores condicións. A peaxe será moi dura.

Dixéronnos que estaba prohibido despedir, aquí temos a realidade a golpe de cifra e de historia real. A clase dos empresarios leva dándose unha enchente de dereitos durante máis dun mes co Covid-19 como prato principal do menú e todos nós de camareiros. En poucas semanas están a engulir todos os nosos dereitos e, de momento, ninguén pon freo. Ao contrario, todo son sorrisos e ofrecer máis pratos, café, puro, sobremesa. Un non parar.

Howard Zinn dixo que ninguén é neutral nun tren en marcha. É imposible atopar mellor descrición para este drama. No tren da clase obreira non hai neutralidade que valla, non vale saír a aplaudir e logo mirar a outro lado ou simplemente agachar a cabeza cando despiden aos teus. Esas 2000 familias teñen que saber que non estan soas e os outros deben saber que o pagarán.