Este Maio é noso

Ástor García. Secretario Xeral do PCTE


Non nos roubarán o Primeiro de Maio nin nas peores condicións posibles. A crise sanitaria, a crise económica e o confinamento non van impedir que conmemoremos o Día Internacional da Clase Obreira nin que expresemos con orgullo que pertencemos á clase social que xera toda a riqueza do noso país.

Pasar en confinamento unha data tan sinalada como esta, mentres moitos dos nosos irmáns e irmás seguen facendo fronte ao virus nos centros sanitarios e séguense xogando a saúde nos seus centros de traballo ou no desprazamento diario aos mesmos, é motivo máis que suficiente para lembrar aquel poema de Maiakovski e para desexar, con el e con todos, que o seguinte Primeiro de Maio nos atope coas costas cargadas de traballo e coa voz entrelazada de cancións.

Veñen momentos duros para os traballadores e traballadoras. Veñen tempos nos que todos imos volver  comprobar como as gasta a patronal cando os seus diñeiros están en perigo. En realidade, todo traballador sabe ben como as gasta a patronal, pero nesta ocasión, como ocorreu a partir de 2008, non vai ser algo que quede de portas adentro da empresa, ou de portas adentro do xulgado do social onde se substancie a reclamación por un despedimento. Vai ser algo masivo, público, notorio, con titulares e con apertura de telexornais. 

Millóns de traballadores e traballadoras imos ver como nos propoñen cambiar as condicións do noso contrato baixo a ameaza do peche ou o despedimento e baixo o argumento da supervivencia das empresas “ante a difícil situación”. Os que hoxe están afectados por un ERTE poden atoparse nunhas semanas coa proposta patronal de mantelo indefinidamente, ou de transformalo nun expediente de extinción, ou nun endurecemento significativo das condicións laborais. As últimas reformas laborais permiten todo iso e moito máis, e non hai dúbida de que todas esas medidas anti-obreiras van ser amplamente utilizadas no período que vén. 

Todo o que xa vivimos entre 2008 e 2014 ímolo  volver vivir, pero corrixido e aumentado no noso prexuízo. Para os capitalistas xa non se trata só de remontar unha crise económica de grandes dimensións á conta de quen xeramos a riqueza co noso traballo, senón de implantar un modelo de explotación moito máis refinado e moito máis axustado aos intereses da patronal.

Que ninguén se chame a engano, os capitalistas son conscientes de que necesitan dar unha volta de porca ao modelo de explotación para seguir mantendo a súa rendibilidade. Demostrouse suficientemente ao longo dos dous últimos séculos que o  beneficio do patrón vén determinado fundamentalmente polo grao de explotación ao que somete aos traballadores e traballadoras da súa empresa. Poderannos falar de vendas, de mercadotecnia ou da internacionalización dos mercados, pero a realidade pura e dura segue a ser que a base de todo beneficio empresarial é a plusvalía extraída aos traballadores.

Como na crise anterior, os capitalistas e os seus gobernos presentarán unha proposta de solución baseada en pagar menos ao persoal ou en facer que o persoal traballe máis polo mesmo diñeiro, ou o mesmo por menos diñeiro. A forma relativamente nova de facelo será tratando de xeneralizar un modelo que xa coñecemos pero que aínda está limitado: o do traballo a demanda, que tan ben exemplifican modelos como o de Uber, Cabify, Deliveroo, Glovo ou as distribucións de Amazon.
En realidade este modelo non é novo. Estaba a se introducir aos poucos a través do que se coñecen como medidas de “flexibilidade interna” en beneficio da patronal. As bolsas de horas, as xornadas irregulares ou o recurso á subcontratación ou ás empresas de traballo temporal non son outra cousa que mecanismos que permiten que as empresas dispoñan da forza de traballo cando lles interese, cando lles veña ben para a produción, sen verse obrigados a asumir custos salariais cando a produción diminúe ou se resente pola razón que sexa.

O modelo ao que nos van querer levar é un choio para a patronal. Libéranse de responsabilidades e custos a cambio de dispor en todo momento dunha forza de traballo á que, entre chamada e chamada para traballar, o Estado garanta un mínimo ingreso para que non morra de fame e estea en condicións de ser vampirizada en calquera momento, á vez que mantén unha capacidade de consumo suficiente para non paralizar a circulación de capital, asegurándose así que os capitalistas non perdan.

É o modelo que queren os capitalistas e, como máximo, os gobernos poderán aceleralo ou atrasalo, ser máis ou menos agresivos na súa implantación ou máis “xenerosos” nas medidas destinadas a garantir a reprodución da forza de traballo, pero esa será toda a diferenza entre xestores capitalistas liberais e xestores capitalistas socialdemócratas. Unha puñalada no corazón ou 20 puñaladas no estómago, elixa vostede como o asasino, cabaleiro.

A crise que está a empezar volverá demostrar que o capitalismo, calquera que sexa a súa forma de xestión, é incapaz de garantir unhas condicións de vida dignas para toda a poboación. Algúns teñen unhas condicións de vida excelentes e outros moitos téñenas miserables, por iso non nos vale analizar unha sociedade segundo como viven os máis ricos, senón segundo como viven os máis pobres. E en España cada vez hai máis pobres, mentres as condicións de vida de todos salvo uns poucos empeoran de maneira xeneralizada.

É isto o noso destino? Non cabe outra opción? Desde logo, os ideólogos capitalistas dedicáronse con esforzo a tratar de convencer á maioría social de que non hai alternativas ao modelo capitalista. Como máximo, aceptan que hai formas distintas de xestionar o capitalismo, pero sen saírse nunca das marxes marcadas con sangue que son a propiedade privada dos medios de produción e a xeración e apropiación de plusvalía. Aceptan mesmo sacrificalos parcial e coxunturalmente a condición de que non se poñan en dúbida con carácter xeral e esa renuncia parcial sirva para o seu posterior reforzamento e lexitimación cando chegan eses momentos nos que se ve con claridade que son unha condena para a humanidade.

Momentos como eses veñen agora. Por moito que se esforcen, se se suma o recordo colectivo dos efectos da crise anterior coas agresións que se están pondo en marcha xa, é imposible esconder que as sucesivas crises non xorden da nada, senón que son froito dunhas determinadas relacións económicas.
Por iso este Primeiro de Maio é especial, e non só porque sexa un Primeiro de Maio en confinamento. Este Primeiro de Maio vai abrir unha nova etapa na que, ademais de resistir fronte aos ataques anti-obreiros e anti-populares, será necesario colocar con claridade e firmeza no debate público a necesidade do socialismo-comunismo. Sobre todo cando se nos propoñan medidas de xestión capitalista menos lesivas, supostamente máis beneficiosas para a clase obreira e sectores populares.
Non, xa non é o momento de deixarse enganar por posibles solucións aos problemas da maioría traballadora dentro do capitalismo. Demostráronse erradas unha e outra vez, sinxelamente porque sempre son temporais, insuficientes e terminan arrasadas na seguinte crise capitalista.

Non valen xa argumentos como o mal menor. A teoría do mal menor serve cando non hai alternativa. Pero a realidade é que si a hai. A trampa está en crernos que só podemos optar entre un tipo ou outro de xestión capitalista, esquecendo que está a terceira posibilidade: loitar para derrocar o poder capitalista e aos seus gobernos e construír un país para a clase obreira, onde os medios de produción estean socializados, baixo control obreiro e sometidos a unha planificación económica que atenda ás necesidades da poboación e non ao fomento de intereses económicos privados.

No falso dilema que nos presenta a xestión capitalista eliximos o que nos plantexan outros. É hora de plantexar a nosa propia axenda, o noso propio programa e os nosos propios obxectivos, gusten ou non a políticos capitalistas, intelectuais orgánicos e aspirantes a burócratas. Que eles queden berrando en prazas baleiras as súas consignas destinadas a salvar o capitalismo. Nós dediquémonos a pór a punto as ferramentas que nos permitirán construír ese país do que tanto falamos. Desenvolvamos o Partido Comunista totalmente independente do poder capitalista no ideolóxico, no político e no organizativo. Practiquemos a unidade e o poder obreiro nos centros de traballo e nos barrios. Busquemos os puntos débiles dos capitalistas e presionemos sen descanso. Estudemos como manobra o inimigo ante cada vitoria nosa. Aprendamos a identificar os elementos que anuncian un novo ataque seu. 

Incrementemos a nosa presenza organizada en todos os puntos neurálxicos do país. Saibamos con claridade por que e para que loitamos. Identifiquemos aos inimigos, aos falsos amigos e aos posibles aliados. E demos o golpe definitivo cando teñamos posibilidades de vencer.

Esa é a única alternativa para os traballadores e traballadoras. O único camiño que se pode transitar se aspiramos a unha vida digna para todos e todas.  No noso país e en todos os países. Ninguén dixo que fose fácil, pero é a única alternativa que temos se queremos que todos os Maios sexan nosos.

Tradución: Revista FORXA