Declaración do CN do PCTG



Diante da situación na que a xestión da crise sanitaria está a deixar en Galiza un regueiro de mortes, empobrecemento e desemprego masivos, o Comité Nacional do PCTG quere declarar o seguinte.

A presente crise non nos debe facer esquecer que, xa antes dela, milleiros de traballadores galegos non daban chegado a fin de mes. Milleiros de familias do noso país malvivían dunha pensión. Ducias de empresas industriais eran pechadas ou estaban en vías de desaparecer, e o  panorama era de desindustrialización, terciarización da economía, destrución dos principais sectores produtivos, desemprego, emigración forzosa e despoboamento. Iso, tras 5 anos de “crecemento económico” capitalista, nos que o único que se recuperou foron os beneficios das grandes empresas. No que respecta á clase traballadora, non demos recuperadas as condicións de vida e traballo anteriores á crise do 2008-2014, que xa eran malas.

O impacto da presente crise económica capitalista cuxo detonante foi o estoupido da crise sanitaria, dáse sobre o panorama antes descrito.

E á cabeza da xestión desta crise, as traballadoras e os traballadores  galegos  atopamos o goberno da Xunta do PP, o principal  responsable e executor desde  o 2009 dos recortes e da privatización da Sanidade. Eliminación de camas, peche de servizos, recortes de persoal, desmantelamento da Atención Primaria,  foron decisións da Xunta que hoxe están a cobrarse moitas vidas humanas.

Mandar o persoal sanitario ao matadoiro sen tests nin equipamentos de protección, despedir sanitarias en plena pandemia, despedir o persoal infectado de coronavirus na área sanitaria de Compostela, gardar un silencio cómplice e criminal sobre o número de falecidos e as condicións terroríficas existentes nas residencias de maiores propiedade privada da Igrexa e das empresas “amigas”, son as puntas máis visibles do iceberg das políticas do Executivo do PP encabezado por  Núñez Feijóo, inimigo dos traballadores, das traballadoras e do pobo galego.

A traxedia sanitaria é aproveitada para endurecer a represión sobre o pobo e as súas organizacións. Sindicalistas da CIG son  identificados e sancionados pola policía e a caravana de coches proposta pola CUT para o 1 de Maio prohibida en nome do “dereito á vida”, mentres os traballadores somos forzados a traballar sen EPIs, sen inspeccións, e o incumprimento reiterado das medidas de seguridade nos “lugares de culto” permanece impune.

Chegamos á “desescalada” con máis de 35.000 ERTEs (veremos se temporais moitos deles) que afectan a 224.600 traballadoras e traballadores, que ven os seus ingresos drasticamente recortados mentres as empresas aforran en cotizacións. Por volta dun terzo da poboación activa galega atópase nesta altura no desemprego ou sometida a un ERTE.

Avecíñanse tempos durísimos nos que a gran patronal e os xestores dos seus intereses vannos facer pagar moi cara a súa crise, se non llo impedimos.  Vannos seguir sacrificando para preservar as súas fortunas e as súas ganancias.

Empobrecemento xeneralizado, ataque aos nosos salarios, maior destrución aínda do emprego e dos servizos públicos, encarecemento dos produtos de primeira necesidade, recorte das nosas liberdades e vulneración dos nosos dereitos laborais, sociais e políticos é o que nos agarda se non loitamos.

Por iso, hoxe, no inmediato, chamamos a afrontar o novo ciclo de loitas que vén, coas seguintes prioridades:

  •     Paralización da produción nos centros de traballo en que non se garanta a seguridade e a saúde do persoal.
  •     Nulidade de todos os despedimentos desde o 1 de marzo, con obriga de readmisión e pago dos salarios de tramitación.
  •     Prestación indefinida de desemprego a todos os demandantes de emprego pola contía máxima, dedicando a iso as partidas destinadas a financiar os custos empresariais por ERTE.
  •     Plan Urxente para garantir a saúde do pobo. Expropiación sen indemnización da sanidade privada, das residencias xeriátricas e de todos os centros de asistencia social.
  •    Plan de Desenvolvemento do sector público industrial que garanta as subministracións básicas en materia sanitaria e en materia enerxética.
  •     Ampliación de persoal en sanidade e solución inmediata da precariedade no sector. Garantías de protección da saúde do persoal sanitario.
  •     Expropiación de vivendas en mans de empresas e “grandes posuidores”.
  •     Oposición a toda medida laboral de flexibilidade interna nas empresas: nin ERTEs, nin EREs.
  •     Oposición á nova reforma laboral que se está a impor a través das medidas de excepción e derrogación inmediata das reformas laborais.


Estas medidas son necesarias para repeler os primeiros ataques dos capitalistas e os seus gobernos, pero é esencial formular un modelo económico e social que priorice os dereitos da maioría obreira e popular.

Cómpre desenvolver a organización, a unidade e a forza da clase obreira nos nosos centros de traballo, nas nosas organizacións sindicais, co noso Partido de clase, para facer fronte á tremenda ofensiva do capital contra o traballo que imos vivir nos vindeiros meses.



Galiza, 11 de maio 2020.

Comité Nacional do PCTG