Comunicado internacional: 75º Aniversario da Vitoria sobre o nazi-fascismo


En nome da liberdade, da paz e da verdade, contra o fascismo e a guerra


A vitoria sobre o nazi-fascismo na Segunda Guerra Mundial, constitúe un acontecemento álxido da Historia, cuxa memoria é necesario preservar e defender ante reiterados intentos de falsificación histórica, que o que perseguen é que se esqueza o papel determinante que desempeñaron a Unión de Repúblicas Socialistas Soviéticas, os comunistas e antifascistas de todo o mundo.

Xerado polo capitalismo, o nazi-fascismo foi a expresión máis terrorista do capital monopolista. Foi responsable polo desencadeamento desa guerra de agresión e rapina que provocou preto de 75 millóns de mortos, dos cales case 27 millóns de cidadáns soviéticos, numerosos sufrimentos e o horror dos campos de concentración nazis. Os pobos non poden igualmente esquecer, páxinas negras como os bombardeos atómicos de Hiroshima e Nagasaki por parte da EE. UU., sen xustificación militar, que representaron unha demostración do seu poderío e obxectivos hexemónicos a nivel mundial.

A Segunda Guerra Mundial (1939-1945), foi o resultado do agravamento das contradicións inter-imperialistas e, simultaneamente, do obxectivo de destrución do primeiro Estado socialista, a URSS, expresado, particularmente, no apoio e connivencia do Reino Unido, Francia e EE. UU. co rearmamento e ambición expansionista da Alemaña nazi.

Celebrando o 75º Aniversario da Vitoria no histórico día 9 de Maio de 1945, os partidos comunistas e obreiros que asinan este documento, convencidos de que interpretan os sentimentos e desexos dos traballadores e dos pobos do mundo:

-          Renden homenaxe a todos os que entregaron a súa vida nos campos de batalla contra as hordas nazi-fascistas e especialmente aos heroicos resistentes e combatentes antifascistas e aos heroicos pobo soviético e Exército Vermello, dirixidos polo Partido Comunista, cuxa participación, escrita en páxinas heroicas como as batallas de Moscova, Leningrado ou Stalingrado, foi decisiva para a Vitoria sobre a barbarie.

-          Consideran que a Vitoria sobre a Alemaña nazi e os seus aliados do Pacto Anti-Komintern, foi acadada grazas á contribución decisiva da URSS, á natureza de clase do poder soviético, coa participación das masas populares, ao papel dirixente do Partido Comunista, á superioridade demostrada polo sistema socialista. Esta vitoria constitúe un enorme legado histórico do movemento revolucionario.

-          Valoran os avances extraordinarios no proceso de emancipación social e nacional dos traballadores e dos pobos que a Vitoria e o avance das forzas de progreso social e da paz posibilitaron, co alongamento do campo dos países socialistas a Europa, Asia e América Latina, as conquistas do movemento obreiro nos países capitalistas, o impetuoso desenvolvemento do movemento de liberación nacional e a consecuente liquidación dos imperios coloniais.

-          Denuncian e condenan as campañas que tentan diminuír, distorsionar e negar o papel da URSS e dos comunistas na derrota do nazi-fascismo e, ademais, mesmo culpar inxusta e falsamente á Unión Soviética polo inicio da Segunda Guerra Mundial, apagar as responsabilidades do gran capital (e dos gobernos ao seu servizo), na promoción e ascensión do fascismo e no desencadear da guerra, e blanquear e rehabilitar o fascismo, ao mesmo tempo que destrúen os monumentos e a memoria do Exército soviético liberador, promoven o anticomunismo e criminalizan aos comunistas e a outros antifascistas.

-          Denuncian e condenan as resolucións anticomunistas da UE e o intento de falsificación histórica e calumniosa de equiparar o socialismo ao monstro do fascismo.

-          Alertan que o imperialismo aposta cada vez máis polo fascismo e pola guerra como “saída” para a profundización da crise do sistema capitalista, cuxo carácter inhumano se volve particularmente evidente cando, ante o gravísimo brote epidémico do Covid-19, o imperialismo, os EE. UU., a OTAN, a UE e potencias capitalistas aliadas súas, continúan cunha criminal política de bloqueos e agresións contra países e pobos.

-          Consideran que a loita pola paz, polo progreso social e polo socialismo son inseparables; e comprométense a contribuír para o fortalecemento da acción común da clase obreira, dos traballadores e dos pobos de todo o mundo, das forzas políticas interesadas en parar o camiño ao fascismo e na loita contra o imperialismo, as agresións imperialistas e unha nova guerra de tráxicas proporcións.

A situación coa que os traballadores e os pobos do mundo se enfrontan, salienta a importancia de reforzar a loita antiimperialista, pola soberanía dos pobos e a independencia dos Estados, polos dereitos dos traballadores e dos pobos, no camiño da superación revolucionaria do sistema capitalista, que xera o fascismo, a guerra, inxustizas, perigos e contradicións na actualidade. Tal e como sucedeu hai 75 anos atrás, é a loita dos comunistas e de todos os que enfrontan a explotación e opresión capitalistas a que abrirá camiños de futuro para a Humanidade.


LISTA ACTUALIZADA DE PARTIDOS QUE SUBSCRIBEN

Partido Comunista de Armenia
Partido Comunista de Australia
Partido do Traballo de Austria
Partido Comunista de Bangladés
Partido Comunista de Bielorrusia
Partido Comunista de Bélxica
Partido Comunista do Brasil
Partido Comunista de Gran Bretaña
Novo Partido Comunista de Gran Bretaña
Partido Comunista de Canadá 
Partido Comunista de Chile
Partido Comunista Colombiano
Partido Socialista Obreiro de Croacia
Partido Comunista de Cuba
Partido Comunista de Bohemia e Moravia
Partido Progresista do Pobo Traballador - AKEL
Partido Comunista en Dinamarca
Partido Comunista Exipcio
Partido Comunista de Finlandia
Partido Comunista Francés
Polo de Renacemento Comunista en Francia
Partido Comunista Unificado de Xeorxia
Partido Comunista Alemán
Partido Comunista de Grecia
Partido Obreiro Húngaro
Partido Comunista de India (Marxista)
Partido Comunista de India
Partido Tudeh de Irán
Partido Comunista Iraquí
Partido Comunista de Irlanda
Partido Comunista de Israel
Partido Comunista Italiano
Partido da Refundación Comunista - Esquerda Europea (Italia)
Partido do Traballo de Corea
Partido Comunista de Luxemburgo
Partido Comunista de Malta
Partido Popular Socialista - Asociación Política Nacional (México)
Partido Comunista de México
Novo Partido Comunista dos Países Baixos
Novo Partido Comunista de Aotearoa (Nova Zelandia)
Partido Comunista de Macedonia
Partido Comunista de Noruega
Partido Comunista de Paquistán
Partido Comunista Palestino
Partido Comunista Paraguaio
Partido Comunista Peruano
Partido Comunista Filipino (PKP - 1930)
Partido Comunista Portugués
Partido Comunista da Federación Rusa
Unión de Partidos Comunistas - PCUS
Partido Comunista da Unión Soviética
Novo Partido Comunista de Iugoslavia
Comunistas de Serbia
Partido Comunista Surafricano
Partido Comunista de España
Partido Comunista dos Pobos de España
Comunistes de Catalunya
Unión do Povo Galego
Partido Comunista dos Traballadores de España
Bloque Nacionalista Galego
Partido Comunista de Sri Lanka
Partido Comunista Sudanés
Partido Comunista de Suazilandia
Partido Comunista (Suíza)
Partido Comunista Sirio
Partido Comunista de Turquía
Partido Comunista de Ucraína
Partido Comunista da EE.UU.
Partido Comunista de Venezuela