Traballadoras e saúde mental: cuestión de prioridades

por Cristina González

“Es unha esaxerada, son imaxinacións túas”. “Se deixas de pensar niso, seguro que  che pasa”. “Se tes de todo na túa vida, Como vas estar deprimida ou ter ansiedade?”. “Non chores, que non solucionas nada”.

Miles de mulleres, a diario, teñen que soportar ese tipo de expresións tanto desde fóra como do seu círculo máis íntimo. Porque se tes traballo, fillos e parella, debes ser feliz por enriba de todas as cousas, sen importar o que hai máis aló.

As mulleres traballadoras somos as que máis sufrimos trastornos de saúde mental. Case un 20% das mulleres vive con este obstáculo, fronte a un 14% dos homes. Entre os 35 e os 64 anos, unha de cada dez mulleres toma ansiolíticos a diario.

Nunha sociedade como na que vivimos non é de estrañar que as traballadoras sexamos propensas a ter este tipo de problemas. O sistema capitalista, co seu afán por xerar o máximo beneficio posible, róubanos mesmo a saúde. Un sistema competitivo, sen empatía e que o único que busca é o seu propio interese, deixa á clase obreira desamparada e en especial, ás mulleres traballadoras.

Pero por que somos as traballadoras quen máis padecemos este tipo de problemas? A desigualdade que se vive no mercado laboral, coa fenda salarial como unha das súas máximas expresións, a precarización do emprego e a inexistencia de conciliación laboral e familiar, fan que as traballadoras cheguen a xerar unha forte carga mental que recae sobre a propia saúde.

Non só hai que facer fronte á xornada laboral, senón que, ademais, cando se chega á casa, gran parte do traballo reprodutivo botámonolo ás costas. Se non se pode con todo, fracasamos na nosa vida, somos unhas “brandas”. Esas “súper mulleres” que tentan vendernos non existen: son as mulleres da burguesía, que nos contratan para coidar aos seus fillos, aos seus maiores, para limpar e cociñar. Esas “súper mulleres” non son máis que unha clase privilexiada que ten todos os medios no seu poder, e mesmo dispoñen de nosas propias vidas.

Mentres tanto, as mulleres traballadoras, debemos soportar unha gran carga de traballo fóra e dentro de casa, non temos tempo para adicar á nosa familia, amizades ou a cultivar as nosas afeccións. Mentres tanto, as traballadoras debemos seguir tomando ansiolíticos para soportar día tras día o que o sistema capitalista nos impón.

O desmantelamento da sanidade pública e os seus procesos de privatización expulsaron a miles de profesionais da saúde mental do sistema público de sanidade. Isto leva a que miles de traballadoras teñan que ser atendidas polos seus médicos de cabeceira, os cales non teñen unha especialización en saúde mental, e a única solución que ofrecen é a medicación. As que menos, van a clínicas ou consultas privadas, deixando parte do seu salario, para ser atendidas por profesionais.

A socialdemocracia empéñase en pór parches e en insistir na liberdade persoal e individual das persoas. As comunistas reivindicamos a importancia do colectivo: un sistema de saúde como prioridade nacional e cun programa específico de saúde mental, onde se teña en conta a incidencia destes trastornos na clase obreira en xeral, e nas mulleres traballadoras en particular.

Non é a nosa culpa non poder chegar a todo o que se supón que debemos chegar. Non é o noso problema que algo se deixe para o día seguinte no traballo porque non dá tempo. Non somos responsables de que os pratos da casa queden sen fregar. O culpable é o sistema capitalista.

Hoxe máis que nunca, faise necesario elixir o necesario. Pola nosa saúde, pola dos nosos fillos e fillas, a das nosas parellas, as nosas familias. Elixir o necesario significa optar pola nosa clase, significa loitar pola nosa saúde e polo noso benestar. Elixir o necesario significa escoller un cambio de sistema onde non teñamos que deixarnos a saúde e mesmo a vida para seguir enriquecendo aos mesmos de sempre. Elixir o necesario significa tomar partido.