Manifesto do PCTE ante o 1º de Maio


Traballadores e traballadoras, pensionistas e xubilados, estudantes, traballadores e traballadoras autónomas, a loita de clases non se detivo durante a crise sanitaria e debemos estar preparados para novos ataques contra os nosos dereitos e condicións de vida.

Neste 1º de Maio queremos saudar especialmente todos os sectores da nosa clase que, durante estas semanas, estiveron en primeira liña da loita contra a pandemia -nomeadamente o persoal sanitario, que tantos ataques sufriu nos últimos anos- e todos aqueles que foron obrigados a manter a súa actividade laboral sen cumprirse as condicións mínimas de seguridade e protección.

Igualmente queremos expresar as nosas condolencias a todas as familias que  perderon algún dos seus membros durante esta grave crise sanitaria, así como expresar a nosa profunda indignación pola particular situación vivida en centos de residencias xeriátricas, a maioría privadas ou concertadas, onde faleceron miles de persoas debido á falta de medios e equipamento.

Este 1º de Maio conmemórase nunhas condicións moi especiais debido ao confinamento derivado da pandemia da Covid-19. Esta situación fixo que as habituais manifestacións, concentracións e actos organizados para celebrar o Día Internacional da Clase Obreira muden de formato, pero esta excepcionalidade non supón ningún cambio na orientación de loita desta xornada e na necesidade de colocar no debate público, que a clase obreira é a xeradora de toda a riqueza social do noso país.

A terrible crise económica que puxo ao descuberto a pandemia é unha nova mostra da bancarrota do capitalismo, en España e no mundo enteiro. Non hai precedentes recentes dunha crise económica tan sumamente grave e profunda, e xa estamos a ver como son postas en marcha as primeiras medidas destinadas a que sexamos os traballadores e as traballadoras, as clases populares do noso país, quen a volvamos pagar.

Até o momento, o Goberno de coalición socialdemócrata levou a cabo unha xestión da crise sanitaria que deixa moi claro cales son os intereses que defende prioritariamente: os intereses dos monopolios, dos grandes capitalistas. Nada fai pensar que, na xestión da gravísima crise económica que se desatou, as súas medidas vaian ser de natureza distinta.

A sociedade enteira foi testemuña de que, cando hai que elixir entre a saúde e a vida dos traballadores e traballadoras ou o mantemento da produción para beneficio da patronal, a elección dos partidos capitalistas sempre é a favor dos capitalistas.

O Goberno socialdemócrata colocouse ao lado dos intereses patronais, priorizando o mantemento da produción capitalista a pesar de non cumprirse as condicións sanitarias e de seguridade recomendadas para outras esferas da vida social. Cando a burguesía aperta, os gobernos capitalistas axeónllanse.

As primeiras medidas económicas e laborais adoptadas para xestionar as consecuencias da crise sanitaria protexeron os intereses dos grandes monopolios, asumindo o Estado unha grandísima parte dos seus custos e convertendo boa parte da débeda empresarial en débeda pública.

Posteriormente, as medidas que pretendidamente tiñan un “carácter social” demostráronse tremendamente limitadas e insuficientes. Pero, ademais, como recoñeceu o propio Goberno, o seu obxectivo real é procurar que as familias traballadoras poidan manter uns niveis mínimos de consumo que permitan dar saída á enorme cantidade de mercadorías que se acumulan nos almacéns.

O pomposamente denominado “escudo social” é un paquete de medidas destinado, esencialmente, a tratar de limitar o impacto da crise de sobreprodución e sobreacumulación sobre os capitalistas, non a protexer e garantir a vida e a saúde da maioría obreira e popular. Preténdese que non se paralice a circulación de capital, quérese favorecer que as mercadorías acumuladas retornen en forma de diñeiro ao capitalista para poder reiniciar o ciclo de acumulación.

Ese, e non outro, é o obxectivo fundamental das medidas adoptadas até o momento para, supostamente, axudar a que a maioría obreira e popular supere a crise sanitaria. E así, e non doutra maneira, será como o Goberno de coalición socialdemócrata pretenda superar a primeira fase da crise económica xeneralizada.

Esta situación non é nova, a socialdemocracia está a xogar o mesmo papel que xa tentou na primeira fase da crise de 2008. Agora pretenden volver aplicar as mesmas ferramentas que xa se demostraron erradas entón, xa que non conciben ningunha medida de protección dos traballadores e traballadoras que non pase pola salvación dos capitalistas.

No futuro inmediato imos asistir a un fortalecemento do papel do Estado na economía, pero advertimos de que esta maior intervención estatal irá encamiñada a salvar os intereses monopolistas. Imos ser testemuñas da nacionalización de empresas en quebra ou en risco de quebra, imos escoitar propostas sobre supostos plans de reindustrialización. O caso de Bankia demostra como entenden as nacionalizacións os gobernos capitalistas: pásanse a mans públicas as empresas para socializar as perdas e, unha vez saneadas, son obsequiadas ao capital privado.

Que existan empresas públicas sometidas ás regras do mercado capitalista e que compitan coas empresas privadas non soluciona os problemas do pobo. É necesario formular, como primeiro paso, que os sectores estratéxicos da economía non soamente estean exclusivamente en mans públicas, senón que ademais estean baixo control dos traballadores e traballadoras e a súa actividade sexa destinada á satisfacción das necesidades do pobo, sen estar suxeita aos criterios de competencia capitalista.

Coas propostas de industrialización, se non atenden a unha planificación integral destinada a cubrir as necesidades do pobo, acabaranse dando todas as facilidades aos monopolios, flexibilizando as condicións laborais principalmente, para que sigan a producir en función dos seus intereses privados e non dos intereses colectivos.

Este Goberno, como todos os partidos capitalistas, non pode asumir que a única clase esencial na sociedade é a clase obreira. Os traballadores e as traballadoras, os explotados. Demostrouse xa na Historia que é posible unha sociedade sen explotadores, pero xamais poderá sobrevivir unha sociedade sen traballadores.

Coas súas propostas para soster o capitalismo, sexan estas máis agresivas ou menos para a maioría obreira e popular, tanto as formacións da coalición de goberno como o resto de partidos capitalistas unen o seu destino ao de quen se enriquecen coa explotación do traballo alleo. Como xestores dos intereses dos capitalistas, deben ser considerados inimigos dos intereses dos traballadores. Non hai conciliación posible cando as contradicións da sociedade capitalista son máis evidentes que nunca e cando os seus esforzos son destinados a garantir que quen a superen sexan os que nos explotan cada día.

Eles lexislan para os donos das empresas, nós loitamos polos intereses dos que xeran toda a riqueza social.

Varias das medidas adoptadas para abordar a crise sanitaria, presentadas inicialmente como de carácter extraordinario, viñeron para quedar. Non só no terreo económico e laboral, senón tamén no que afecta os dereitos e liberdades públicas.

Nas próximas semanas e meses imos ver como moitos dos ERTEs aprobados neste período se amplían durante meses ou indefinidamente. Veremos como moitos se transforman en expedientes de extinción. Imos asistir a un proceso xeneralizado de desmantelamento dos convenios colectivos, deixándoos sen eficacia. Imos comprobar como se xeneraliza, máis aló do período de corentena, o teletraballo e como se avanza con rapidez cara a unha cada vez maior individualización das relacións laborais.

Goberno, oposición e patronal están de acordo en promover unha rápida flexibilización das condicións de traballo en beneficio dos empresarios. Apostan por un modelo que vai moito máis alá do actual pero que xa está anunciado nas últimas reformas laborais, que este Goberno non quere tocar máis que superficialmente.

A máxima flexibilidade interna nas empresas para beneficio patronal vén presentándose desde hai anos baixo o enganoso nome, apadriñado polas institucións da Unión Europea, de “flexiseguridade”. Até agora, estaba xa presente a través das “bolsas de horas”, das xornadas irregulares, do recurso a subcontratas e ETTs, das modificacións substanciais das condicións de traballo e de toda outra serie de medidas introducidas nas reformas laborais das últimas décadas.

Os sectores máis novos da nosa clase e do noso pobo sufrirán especialmente esta crise, como xa ocorreu en 2008. Eles son hoxe quen máis directamente coñecen o modelo de explotación que se quere xeneralizar: salarios de miseria, precariedade laboral permanente, contratos parciais e a demanda, proliferación de falsos autónomos e un longo etcétera.

Coa escusa da crise, os capitalistas aspiran a dar o paso cara á xeneralización do traballo a demanda; o modelo que se coñeceu como a “uberización” da economía, que vén acompañado dunha brutal campaña ideolóxica destinada a rachar a conciencia de clase e o carácter colectivo das relacións laborais, para o que é esencial a erosión do movemento sindical.

O papel das organizacións sindicais a diario nos centros de traballo é insubstituíble. Os centos de miles de sindicalistas que loitan nas empresas do país conforman a primeira liña na batalla que se está desenvolvendo, pero para loitar con efectividade necesitan unha dirixencia que non se aliñe coas teses socialdemócratas baixo o argumento do mal menor.

O modelo económico, social e laboral que se está a formular é o que necesitan os monopolios para garantir a rendibilidade do capital. A diferenza entre as propostas socialdemócratas e as liberais radica unicamente na rapidez e brutalidade da adopción das medidas. Non podemos elixir entre asasinos polo simple feito de que un nos diga que nos vai matar con menos dor.

A día de hoxe, os dereitos de reunión, manifestación e a liberdade de expresión foron limitados de facto baixo o argumento da protección da poboación fronte ao virus. Pero tamén se está a producir unha persecución de posturas que, supostamente, xeran un “clima contrario á xestión de crise”.

O papel de partidos como o PP ou VOX e dos seus satélites está a ser clave no proceso de liquidación da liberdade de expresión: as difamacións, calumnias e mentiras fabricadas que estiveron difundindo desde que estalou a crise serven como escusa para lexitimar ante as masas medidas que se van adoptando, que se van manter no período que vén e que, sen dúbida, o PP e VOX utilizarán amplamente no momento que cheguen ao Goberno.

As medidas de control social a través da tecnoloxía compleméntanse con discursos cargados de referencias bélicas e apelacións á disciplina, ao sacrificio e á unidade interclasista. Se o país se atopase en condicións de enfrontamento militar, o clima sería moi similar, se non igual. O “inimigo” hoxe é un virus, pero en condicións de brutal crise económica o inimigo de mañá pode ser calquera outro país, calquera outra alianza de países cuxos monopolios teñan interese nos mesmos recursos ou nos mesmos mercados que os monopolios españois.

O Goberno, os partidos capitalistas e a patronal quérennos disciplinadamente detrás dos intereses da burguesía española para o futuro que vén. Quérennos defendendo os intereses dos empresarios en lugar de pelexando polos nosos propios intereses.

A nosa resposta é un rotundo NON. A nosa resposta é que se pode e se debe construír un país no que os intereses primordiais sexan os de quen producen a riqueza social co seu traballo, e non os dos seus explotadores.

Por iso, neste 1º de Maio, dicimos abertamente que o PCTE quere construír un país para a clase obreira.

Este novo país non se construirá só. Este novo país non vai nacer se non hai unha loita organizada e crecente contra os capitalistas e os seus gobernos. Este novo país non vai nacer se non hai millóns de traballadores e traballadoras que queiran poñer fin á explotación e que, recoñecéndose como a única clase esencial, queiran tomar as rendas do seu propio futuro.

As loitas que librará a clase no futuro inmediato serán determinantes. A defensa dos dereitos obreiros e populares é un primeiro paso. Exemplos como a folga convocada na Nissan e outras empresas ou as accións de protesta dos “riders” durante as últimas semanas son boa proba de que a loita de clases non se detivo. Pero a loita polos dereitos máis básicos da clase obreira nos centros de traballo debe ir acompañada dunha proposta política superior, encamiñada a ilustrar cal é o país que propoñemos os e as comunistas.

Por iso, hoxe, no inmediato, chamamos a afrontar o novo ciclo de loitas que vén coas seguintes prioridades.


  • Paralización da produción nos centros de traballo en que non se garanta a seguridade e a saúde do persoal.
  • Nulidade de todos os despedimentos desde o 1 de marzo, con obriga de readmisión e pago dos salarios de tramitación.
  • Prestación indefinida de desemprego a todos os demandantes de emprego pola contía máxima, dedicando a iso as partidas destinadas a financiar os custos empresariais por ERTE.
  • Plan Urxente para garantir a saúde do pobo. Expropiación sen indemnización da sanidade privada, das residencias xeriátricas e de todos os centros de asistencia social.
  • Plan de Desenvolvemento do sector público industrial que garanta as subministracións básicas en materia sanitaria e en materia enerxética.
  • Ampliación de persoal en sanidade e solución inmediata da precariedade no sector. Garantías de protección da saúde do persoal sanitario.
  • Expropiación de vivendas en mans de empresas e “grandes posuidores”.
  • Oposición a toda medida laboral de flexibilidade interna nas empresas: nin ERTEs, nin EREs.
  • Oposición á nova reforma laboral que se está a impor a través das medidas de excepción e derrogación inmediata das reformas laborais.


Estas medidas son necesarias para repeler os primeiros ataques dos capitalistas e os seus gobernos, pero é esencial formular un modelo económico e social que priorice os dereitos da maioría obreira e popular.

As medidas inmediatas que expón o PCTE deben integrarse nun proceso moito maior, de loita pola sociedade socialista-comunista, na que o Estado xa non sexa a ferramenta que garante a explotación da nosa clase, senón a ferramenta da nosa clase para poñer fin á explotación.

Queremos construír un país no que os sectores estratéxicos da economía estean socializados e baixo control obreiro, no que a economía planificada mostre a súa superioridade fronte á anarquía da produción reinante en todo país capitalista.

Un país no que a propiedade privada dos medios de produción concentrados non supoña unha condena a perder a saúde ou a vida para os millóns de traballadores e traballadoras que xeramos toda a riqueza social co noso traballo.

Para conseguir este país, para construír o noso propio país, é necesario reforzar as filas comunistas. É necesaria a máxima unidade da nosa clase e do noso pobo fronte aos explotadores e os seus gobernos. É necesario superar toda forma de división entre os traballadores e traballadoras que fomentan os capitalistas. É necesario ser conscientes de que só nós somos esenciais e que a nosa unidade é a garantía para vencer.

É a hora de organizarse de novo. É o momento de pisar as rúas novamente, para facelas nosas, para que este país funcione para quen o fai funcionar.

Só nós somos esenciais.
Viva a loita da clase obreira!
Viva o 1º de Maio!

  
Buró Político do PCTE
27 de abril de 2020