Declaración da ICE polo 150 aniversario do nacemento de V.I. Lenin



Este ano cúmprese o 150 aniversario do nacemento de Vladimir Ilich Lenin, o principal continuador das ensinanzas revolucionarias de Marx e Engels co seu ilustrado pensamento científico, o líder popular e ardente revolucionario, o fundador do Partido de Novo Tipo e do primeiro estado socialista no mundo. O gran líder do proletariado ruso que entregou toda a súa vida á loita pola liberación social da clase obreira e todas as masas oprimidas.

O Partido de Novo Tipo é o legado ideolóxico e político crucial de Lenin para a clase obreira de todo o mundo. Lenin foi o primeiro en diagnosticar e formular a necesidade dun partido revolucionario de novo tipo e coherente, equipado coa cosmovisión marxista sen a cal é imposible preparar e levar a cabo a revolución. A Historia, con Lenin á fronte, ensinounos que só o Partido de Novo Tipo, a sección de vangarda da clase obreira e a súa forma superior de organización, son capaces de organizar e guiar a loita da clase obreira para derrocar o capitalismo e construír o socialismo. Coas teses que expresou en abril de 1917, estableceu o obxectivo inmediato do poder obreiro, de forma que o Partido Bolxevique puidese preparar e levar a cabo con éxito a Revolución Socialista en Rusia.

Lenin desenvolveu e concretou aínda máis as partes constituíntes do marxismo; é dicir, a filosofía, a economía política e o comunismo científico.

Na súa polifacética obra teórica e práctica, Lenin iluminou grandes e complexos problemas teóricos da sociedade humana na era do imperialismo. Facendo uso das súas propias conclusións, sinalou o camiño e as condicións para a loita vitoriosa da clase obreira.

Os seus ensinos sobre o imperialismo, a revolución socialista e a ditadura do proletariado, o Partido dun novo tipo e os seus principios, a cuestión agraria e nacional, entre outras, son de incalculable valor, mentres que tamén desenvolveu as bases teóricas da construción da nova sociedade, é dicir, o socialismo. A súa obra é de gran importancia teórica e práctica, ao estudar o desenvolvemento do capitalismo no paso do século XIX ao século XX, ao atopar que pasara á súa etapa última e superior de desenvolvemento, isto é, o imperialismo, onde todos os seus contrastes se acentúan ao máximo. A importancia para a documentación ideolóxica e política do desenvolvemento económico e político desigual que crea a posibilidade de rachar a cadea do sistema imperialista internacional no seu elo máis débil é verdadeiramente especial.

A súa obra titulada “A Consigna dos Estados Unidos de Europa” é un valioso recurso atemporal para a loita dos comunistas en Europa, na que se salienta que baixo o réxime capitalista son ou ben imposibles ou ben reaccionarios. Esta conclusión foi xustificada e confirmada na realidade ao refutar tanto ás forzas oportunistas no tempo de Lenin así como aos apoloxistas da UE e das unións interestatais do capital do noso tempo. Lenin era contrario a calquera distorsión da teoría revolucionaria e consideraba a loita irrenunciable contra o oportunismo como unha das condicións máis básicas para a vitoria da revolución socialista.

A acción internacionalista coherente dos bolxeviques baixo a guía de Lenin e froito diso a fundación da Terceira Internacional Comunista son unha pedra angular do movemento comunista internacional, destacando a tarefa de separar ás forzas revolucionarias dos partidos oportunistas a nivel internacional e denunciando a posición traizoeira da Segunda Internacional que, apoiando á burguesía dos seus países, chamaron á clase obreira a ser conducida á morte polos intereses do capital.

Hoxe, a obra didáctica e atemporal de Lenin desenmascara a todos aqueles que tentan en balde calumniala ou ocultala. É unha espiña no costado da barbarie capitalista, que estamos a experimentar nestes días da pandemia coas tráxicas deficiencias no sector sanitario e a feroz competición dos monopolios que cargan sobre os pobos crises e guerras e os converten en refuxiados, salientando a necesidade do socialismo máis que nunca.

É unha resposta e unha guía para a acción contemporánea dos PPCC de todo o mundo e da loita da clase obreira e os seus aliados en cada país.

A Iniciativa Comunista Europea está inspirada e guiada pola obra de Lenin, está comprometida coa continuación infatigable do mesmo carreiro, defendendo o seu legado para acadar os nosos obxectivos revolucionarios.