A crise que vén

por Sergio Saenz

Diariamente escoitamos pomposas promesas de recuperación, lemas como «eu quedo na casa» e chamadas a que se cumpran as medidas que este goberno deseñou. Superamos os dous millóns e medio de afectados por ERTE e superamos amplamente o millón de despedimentos. Sen ningún lugar a dúbidas estamos ante unha situación que será estudada no futuro como un dos momentos máis relevantes da década do vinte e posiblemente do século XXI.

Con todo, o máis significativo é a rápida adaptación que estamos a ter ante esta nova situación, sen valorar sequera as consecuencias que vai ter sobre as nosas vidas nun futuro próximo. O Homo homini lupus cae en todo o seu significado, para deixar paso a un homo oeconomicus displicente, que á súa vez se converte en homo, ser humano, que volve a mirada á súa tribo. Somos seres sociais e, como tales, buscamos a solución aos nosos medos na propia sociedade. No entanto, esa displicencia deixa clara cal é a realidade ante eses medos. Esta, a nosa sociedade, pode deixarnos atrás. Vímolo anteriormente.

Para o pensamento económico dominante, a economía actual é un sistema autosuficiente, que se autorregula e é capaz de chegar á perfección mediante o mercado. Esta é a opinión da maior parte da prensa e de institucións como o Banco de España, o BCE ou o FMI. Esta opinión resulta válida para a economía de bens de consumo, para o mercado de traballo, os mercados financeiros ou mesmo para os servizos públicos. O problema desta opinión é, por suposto, que é unha opinión que se basea nun modelo puramente teórico.

Volvendo á crise actual, o que determinou o tempo político foi a excepcionalidade e a urxencia das medidas. Cambiouse de rumbo constantemente, nun dialogo nada inocente entre o goberno e os poderes económicos. A afirmación «a crise vai acabar» fundaméntase nunha fe case cega na economía. O normal é o crecemento, o anormal, os períodos de crises. Nun momento histórico como o actual, falar de volta á normalidade é pecar de optimismo e inxenuidade.

Historicamente, a chave dos programas socialdemócratas foi emprego, cidadanía e propiedade pública. Ante a renuncia a conquistar o poder económico só queda paliar as súas consecuencias e mellorar as condicións laborais, todo iso na senda do pleno emprego, pero renunciando a intervir na contratación. A cidadanía e a propiedade pública son conceptos entendidos e relacionados co estado do benestar e os seus servizos públicos.

O que coñecemos por políticas de emprego non son políticas enfocadas na creación de emprego. Son políticas dirixidas a precarizar as condicións de traballo. É este o motivo polo cal as prestacións de desemprego están condicionadas á procura dun emprego que é produto da chantaxe, cando non directamente da ameaza e a coacción. Non é o mesmo emprego que contratación e utilizar a maña de chamalo da mesma maneira é facer trampas. E isto queda meridianamente sinalado en todo tipo de movementos e loitas que a clase obreira leva adiante desde hai décadas. A socialdemocracia traslada a falsa idea duns servizos públicos para todos, cando é evidente que a renda determina o seu uso. O público non é parte dun proxecto anticapitalista e é parte dunha sociedade cunhas leis económicas concretas.

Levaron até a irrelevancia ás clases sociais, falando de cidadanía, sen ter en conta os límites e as delimitacións sociais que van determinadas polo acceso á renda mediante o emprego. A forma en que se produce e distribúe a riqueza da sociedade supedita calquera política deseñada aos intereses desa minoría que está perfectamente organizada como clase social.

Despois da alerta sanitaria chegará a crise económica. E esa crise será de consecuencias profundas e dolorosas porque o estado vaise  atopar en bancarrota. Volveremos aos paquetes de austeridade, a medidas que tenderán a garantir a medio prazo os intereses dos poderes económicos mediante reformas do mercado de traballo e o desmantelamento dos servizos públicos. O problema que se presenta, polo tanto, non é se vai existir ou non un conflito social. É case seguro que o haberá. O problema é que toda esa indignación se canalice polas canles políticas e parlamentarias actuais ou que se converta nun simple problema de orde pública que termine por reforzar as propias institucións. O reto está en que unha parte importante da clase obreira saiba e poida organizarse para artellar unha defensa ante a crise que vén. Porque se hai algo evidente é que o actual goberno manexou a situación coma se a posibilidade dunha crise económica non fose algo plausible. E non tomou ningunha medida para este suposto. As súas políticas de emprego van ter como consecuencia a precarización das condicións laborais e salariais cando millóns de parados demanden emprego.

A relación de forzas actual é francamente desfavorable. Partindo do nivel de sindicación, pasando polas liñas sindicais actuais, a competencia territorial e a confianza cega en certos actores políticos, o traballo de situar á clase obreira española en defensa dos seus propios intereses é de proporcións xigantescas. O reto, unha vez máis, está en ser capaces de explicar a necesidade de encadrarse en estruturas sindicais para que a clase obreira apareza na realidade laboral como un grupo social con intereses propios. Fronte ás políticas de emprego socialdemócratas, a defensa da renda é unha política de defensa do emprego desde estruturas sindicais. Esta é a primeira estación no camiño. É preciso explicar que a economía non está feita de consensos inquebrantables e de puntos de non retorno. O interese da clase obreira é, en primeira instancia, acceder á renda mediante o emprego. O que sucede despois coa riqueza xerada con ese emprego é outra cousa que tamén haberá que abordar e saber explicar.