O PCTG estará presente nas 4 circunscripcións o 5 de Abril



O Partido Comunista dos Traballadores da Galiza (PCTG) estará presente nas eleccións ao Parlamento de Galiza do 5 de abril concorrendo nas 4 circunscricións coas súas candidaturas, co obxectivo de ofrecer unha proposta política independente para a clase obreira, que responda aos intereses e necesidades de quen todo o produce e non recibe a cambio máis que explotación, salarios de miseria, precariedade, emigración e represión.

A presenza de candidaturas comunistas do PCTG, no conxunto de Galiza por primeira vez nunhas eleccións autonómicas, permitirá que a clase obreira e o pobo traballador poidan expresar nas urnas o seu rexeitamento á ofensiva do capital e da gran patronal contra os nosos dereitos e condicións de vida, e dar o seu apoio a un programa que sitúe a clase obreira e os traballadores á ofensiva:
• Pola recuperación dos dereitos arrebatados e a conquista de novos dereitos sociais, económicos, políticos e culturais.
• Polo pleno emprego, pola soberanía industrial, enerxética e agraria.
• Pola ruptura coas estruturas imperialistas e as alianzas monopolistas internacionais, económicas, políticas e militares.
• Por uns servizos públicos para o noso benestar e non para enriquecer as grandes empresas.
• Por unha vivenda digna.
• Pola recuperación da produción, do agro e a industria.
• Para que o noso país non siga a baleirarse e a nosa mocidade non siga a emigrar.
• Pola defensa da nosa lingua e da cultura galega obreira e popular.
• Pola nacionalización dos sectores estratéxicos da economía.
• Por unha economía planificada para satisfacer as necesidades do pobo traballador.
• Polo poder para quen producimos toda a riqueza e aseguramos co noso traballo todos os servizos.

O PCTG defende o programa necesario para a clase obreira, o programa que representa os nosos intereses tanto inmediatos como futuros. Porque xa estamos vendo que rápido as promesas de cambio e de progreso que nos vendían uns e outros se converten en papel mollado, e as ilusións en enganos, precisamos canto antes dotarnos dunha forza política que dea poder e organización á clase obreira.

A campaña electoral que se abrirá o 20 de marzo será unha nova oportunidade para dar a coñecer a nosa proposta política e  fortalecer as fileiras do Partido Comunista diante das importantes loitas que se aveciñan.

Galiza para a Clase Obreira!!

Comité Nacional do PCTG.
Galiza, 4 de marzo 2020.