[8M] Traballadora: elixe o necesario.


Nos últimos tempos, tivemos que facer fronte á ofensiva da reacción que trata de desandar o pouco andado en materia de igualdade, dereitos sexuais e reprodutivos, prevención e protección fronte á violencia que padecemos as mulleres no sistema capitalista. Temos que combater a ofensiva reaccionaria da extrema dereita, pero tendo claro que, no capitalismo e na nova crise capitalista que se aveciña, for quen for quen a xestione, farao contra as condicións de vida e traballo das mulleres traballadoras.

Non podemos apostar polo mal menor e dar por bo o programa da socialdemocracia para as mulleres traballadoras.

Un programa que non aborda a necesaria socialización das tarefas reprodutivas, que fala de conciliación pero non de redución de xornada sen redución salarial, que reduce a igualdade salarial a unha cuestión formal e legal sen resolver as causas de fondo de que as mulleres traballemos a tempo parcial, en categorías laborais inferiores e en traballos máis precarios e peor pagos, que abordando retoricamente a cuestión do aborto, non reverte a degradación e privatización do sistema sanitario, convertendo a nosa saúde sexual e reprodutiva en negocio para as clínicas privadas e en inaccesible para as mulleres da clase traballadora. Un programa que, dicindo promover a “educación para a igualdade”, non elimina a relixión da escola pública. Un programa que non sitúa ilegalizar a prostitución, como se de verdade milleiros de mulleres e rapazas en condicións de extrema vulnerabilidade puidesen elixir libremente non prostituírse en España, onde as mafias converten no seu mellor negocio a entrada a Europa de milleiros de mulleres e nenas que veñen fuxindo da fame e da guerra imperialista. Un programa que non aborda as terribles violencias que padecemos máis que desde unha perspectiva xudicial e individual, formulando unha reforma do Código Penal que só servirá para afiar as ferramentas represivas do Estado, sen resolver a violencia contra as mulleres, que non pode entenderse nin combaterse separadamente do resto de violencias que emanan da dominación capitalista.

A crise capitalista que se aveciña afondará a división sexual do traballo, privatizará aínda máis os coidados no marco das familias, aumentará a carga de traballo para as mulleres e a deterioración das súas condicións laborais.

A quen nos di que este é o único programa posible, digámoslles que non é o programa necesario. No capitalismo, o xestione quen o xestione, non conquistaremos unha vida digna para nós e para os nosos fillos e fillas. Saiamos á rúa este 8 de Marzo a mobilizarnos polo programa necesario. Organicémonos arredor do programa independente da clase obreira para construír unha sociedade libre de todas as formas da violencia, a explotación e a opresión.

Muller, fortalece as organizacións sindicais da clase traballadora e do estudantado de extracción popular; organízate no Partido da Clase Obreira. Elixe o necesario.