[10M] Toma partido por unha Galiza para a Clase Obreira



O Comité Nacional do PCTG saúda a clase obreira e o conxunto do pobo traballador galego con ocasión do Día da Clase Obreira Galega.

Vai para medio século que os obreiros da Bazán, Amador e Daniel, foron asasinados. Caeron baixo as balas da policía franquista ao servizo do capital, cando loitaban por un  convenio xusto e pola construción da ferramenta sindical de clase que os traballadores necesitaban para defender os seus dereitos fronte á rapacidade da gran patronal. Naquela altura, esa histórica loita saldouse con ducias de feridos, despedimento de máis de 40 traballadores e detención dos principais dirixentes, procesados e sometidos a consello de guerra e ao xuízo “dos 23 de Ferrol”. Non esquecemos a ningún deles.

Amador e Daniel morreron  loitando polos dereitos dos traballadores e as traballadoras. Hoxe estes dereitos que fomos conquistando palmo a palmo e batalla a batalla, fóronnolos  arrebatando un a un no contexto da derradeira -polo de agora- crise capitalista de sobreprodución e sobreacumulación, e non os demos recuperado nen de lonxe malia o breve ciclo de repunte da “economía”, é dicir, dos beneficios empresariais, que estivo a gozar a clase explotadora nos últimos 2 ou 3 anos. No punto de mira das reformas antiobreiras dos sucesivos gobernos, estiveron e están os contratos de longa duración, a seguridade no emprego, os salarios, as pensións gañadas durante vidas enteiras entregadas ao traballo, o emprego digno para a nosa mocidade ter futuro e non ter que emigrar.

Todo o emprego destruído foi o de xornada completa e contratos de longa duración, e o creado foi emprego lixo, altamente precario, a xornada parcial e con contratos temporais de curta duración (o 36% deles, de menos dunha semana).

Mentres a patronal despedía  e recortaba salarios e dereitos, os gobernos ao seu servizo lexislaron e executaron a liquidación das pensións, da saúde, da educación dos fillos e fillas da clase obreira. Cada día somos máis pobres e vivimos peor e menos anos. Milleiros de traballadores non dan chegado a fin de mes. Milleiros de familias do noso país malviven dunha pensión. Ducias de empresas industriais pecharon ou ameazan con desaparecer, deixando un regueiro de desemprego e emigración. Lembremos Poligal, Alcoa, Endesa, e tantísimas outras. E  xa os indicadores anuncian unha nova crise capitalista que terá nefastas consecuencias para a clase obreira e o pobo traballador galego. O novo goberno do capital vai seguer a facernos pagar as súas crises. O papel da socialdemocracia é de xestor dos intereses do capital e de apagalumes da loita de clases. Foi así históricamente e así é no presente, aquí, en Grecia ou en Francia.

Cómpre lembrar novamente que Amador e Daniel morreron loitando por un Convenio Xusto, hoxe que o capital está a asestar golpes de morte á Negociación Colectiva das condicións de traballo.

Cómpre lembrar que eran obreiros da construción naval, hoxe que este sector produtivo estratéxico practicamente agoniza na Galiza baixo a bota desindustrializadora da Unión Europea capitalista e imperialista que o novo goberno “progresista” non só non cuestiona, senón que expresa o seu compromiso cos seus ditados, obxectivos de déficit e transformacións estruturais do mercado de traballo aínda máis nefastas que as non derrogadas contrarreformas laborais de 2010 e 2012.

Non haberá mellora para a clase obreira e os sectores populares se non damos intensificado a loita de clases nun sentido revolucionario.

É necesario fortalecer as organizacións obreiras, reactivar a loita obreira e sindical, pular pola organización e a unidade da clase, avanzar na construción do Partido que reactive as loitas populares e  dote a estas de unidade estratéxica e de Programa revolucionario.

Amador e Daniel, presentes! Non esquecemos.
Viva a loita da clase obreira!

Galiza, 10 de marzo 2020.

Comité Nacional do PCTG.