Resolución do PCTE ante a investidura de Pedro Sánchez e o Goberno PSOE-UP


Tras máis de oito meses de bloqueo, con dous procesos electorais por medio, o candidato do Partido Socialista Obrero Español, Pedro Sánchez, resultou investido Presidente do Goberno. Fíxoo en segunda votación e pola mínima marxe, co apoio fundamental de Unidas Podemos e de organizacións rexionalistas e nacionalistas periféricas. A presente lexislatura será a primeira na historia de España tras a Transición que conforme un Goberno de coalición entre varias forzas políticas. A novidade pon de manifesto a necesidade e recursos de modernización e posta a punto do capitalismo español ante un escenario de ampla inestabilidade, tanto política como económica.

O autodenominado Goberno de “Coalición Progresista” entre o PSOE e Unidas Podemos nace fortemente condicionado pola súa debilidade parlamentaria e polo complicado equilibrio de poderes no seu seo. Pero os seus problemas van máis aló: trátase dun Goberno dependente para aprobar calquera iniciativa –a comezar polos Orzamentos Xerais do Estado- dunha ampla e complexa amálgama de forzas políticas, con intereses dispares; e que terá que facer fronte a unha oposición alentada polos sectores máis reaccionarios e radicalizados da burguesía española. Este complexo panorama reflicte unha das chaves importantes para entender o actual momento político en España: a pugna entre diferentes sectores da burguesía do país.

Neste contexto, é preciso comprender que ningún parche socialdemócrata ten a capacidade de impedir o que é unha dinámica propia do capitalismo: seguir enriquecendo aos máis poderosos á conta dos máis débiles. O único que está en cuestión é o ritmo ao que isto se fai.

Tendo en conta estas premisas, o novo Goberno de coalición socialdemócrata non vai facer outra cousa que xestionar a explotación capitalista, sen cuestionar nin un só dos elementos fundamentais do sistema. No contexto de desaceleración e dunha próxima crise económica, o Goberno de PSOE e UP verase obrigado a reforzar o carácter simbólico dalgunhas medidas, ante o máis que posible recorte de dereitos e do retroceso en históricas conquistas sociais.

Desta maneira, unha das tarefas fundamentais do novo Goberno será conter a mobilización de masas, baixo unha retórica grandilocuente de defensa da democracia e de responsabilidade antifascista. A defensa e a esixencia de confianza na institucionalidade do Estado por parte de PSOE e UP vai contribuír, non obstante, ao fortalecemento das posicións máis reaccionarias. O apontoamento do capitalismo en momentos de crises ou inestabilidade, no canto do seu derrocamento, serve para que as opcións máis violentas de xestión capitalista tomen o relevo.

Se as posicións máis reaccionarias da burguesía española seguen a medrar, será pola trampa da ilusión e a confianza nunha determinada xestión do capitalismo. E tanto o PSOE como Unidas Podemos serán responsables da devandita situación.

O PCTE reafirma o seu compromiso por construír urxentemente a forza independente que a clase obreira deste país require, un forte e organizado Partido Comunista. En tempos convulsos, pasos firmes á fronte.

Ningunha confianza no Goberno da socialdemocracia.
A única maneira de frear a extrema dereita é fortalecer o Partido Comunista.

Máis Partido Comunista. Máis PCTE.

Buró Político do PCTE
7 de xaneiro, 2020