O Presidente do Goberno e a ‘Coalición Progresista’ deben actuar contra a guerra imperialista



O asasinato do xeneral iraniano Qasem Soleimani por parte dos Estados Unidos, nun acto de terrorismo de Estado ordenado por Donald Trump, foi respondido esta madrugada co bombardeo iraniano das bases militares de Ain Assad e Erbil, nas que operan forzas militares estadounidenses. Esta escalada coloca o mundo ante o risco dunha nova guerra imperialista xeneralizada con epicentro en Oriente Medio.

O sistema imperialista mundial, ameazado por unha nova crise económica, tende á reacción en todos os terreos. A guerra imperialista é a continuación por medios militares da política seguida polas potencias imperialistas. O movemento obreiro e popular é o primeiro interesado en deter a guerra imperialista, loitando unido contra os seus preparativos e primeiras manifestacións.

O Buró Político do PCTE esíxelle ao Presidente do Goberno e ás forzas da “coalición de progreso” que conformarán o próximo goberno español que, máis alá de declaracións retóricas sobre a paz, adopten pasos decididos na súa defensa:

·         Retirada unilateral da OTAN.
·         Denuncia dos tratados bilaterais con EEUU.
·         Clausura das bases militares estadounidenses no noso solo.
·         Prohibición de uso do noso espazo aéreo, marítimo e terrestre con fins bélicos.
·     Retirada e volta a casa dos soldados españois que cumpren misións imperialistas fóra das nosas fronteiras.

O noso Partido chamou a non depositar ningunha confianza no novo goberno. Non somos inxenuos, as medidas ao alcance da “coalición de goberno” non pasarán do simbólico. Será necesaria unha loita decidida en defensa da paz e contra a guerra imperialista para que as medidas que propoñemos se fagan efectivas. Chamamos á clase obreira, á mocidade, a todos os sectores populares que viven do seu traballo e nada teñen que gañar cunha nova guerra, a estar alerta e a secundar cada mobilización contra a guerra imperialista que se convoque.

Nin terra, nin mar, nin aire para os imperialistas!
Proletarios de todos os países, unídevos!

Buró Político do PCTE
Madrid, 8 de xaneiro de 2020