Resolución do Buró Político do PCTE


O Buró Político do Partido Comunista dos Traballadores de España (PCTE), tras a reunión do seu IX Pleno, emite a seguinte resolución:

A perda de velocidade do ciclo de crecemento capitalista que seguiu á última crise é unha realidade incontestable. A pesar de que os portavoces dos organismos e gobernos capitalistas se esforzan en afirmar que a actual situación de “desaceleración” non corre o risco de converterse nunha crise, os datos macroeconómicos que se van coñecendo expresan cada vez con maior claridade que o crecemento capitalista é sumamente débil e que existen multitude de factores que poderían acelerar o estalido dunha nova crise nos próximos anos. 

Mentres as taxas de crecemento do PIB mundial están a ter un menor incremento que nos períodos posteriores ás crises previas á de 2008, os Índices de Produción Industrial seguen a súa paulatina caída en potencias como EE.UU., China ou Alemaña. Tamén en España, onde os continuos recortes nas expectativas de crecemento para 2019 e 2020 súmanse ao anuncio dunha constante caída tanto no investimento como no gasto públicos para ese período, acompañados por unha significativa suba dos prezos prevista para 2020.

As bases para unha nova crise de sobreprodución e sobreacumulación, que se comezou a xestar desde o momento en que finalizou a crise anterior, están dadas. Aínda que é cedo para afirmar con rotundidade que o actual “arrefriamento”vaia derivar a partir de 2021 nunha aberta crise capitalista, un dos factores que poden facer que unha ralentización no crecemento do PIB mundial derive con rapidez cara a unha crise en toda regra é a inestabilidade que caracteriza a esta etapa do desenvolvemento capitalista.

A xestión do Brexit, as guerras comerciais, as continuas manobras de desestabilización en países de distintos continentes - particularmente neste período na América Latina (Bolivia e Venezuela), que coinciden no tempo coa violenta represión contra as mobilizacións dos pobos chileno, haitiano e colombiano - son algúns dos síntomas desta inestabilidade, que é expresión dunha agudización na confrontación inter-imperialista e das contradicións xeradas polo propio capitalismo ao longo e largo do planeta. 

Neste contexto, os datos económicos xa están a ser utilizados pola patronal, organismos internacionais e entidades supervisoras para lanzar unha nova vaga de esixencias de ”reformas estruturais”, maior flexibilidade laboral, maior contención fiscal e maior apertura do sector público aos capitais privados. A agudización na confrontación inter-imperialista vén acompañada dunha radicalización de certos sectores burgueses que, cada vez máis abertamente, sitúan o seu programa de máximos, pretendendo penetrar en sectores obreiros e populares axitando as bandeiras nacionalistas e tratando de presentarse como opositores a unhas “elites globais” que non son outra cousa que os sectores burgueses que se viron máis beneficiados pola supresión das barreiras para a circulación do capital a nivel mundial. 

Unha vez máis, compróbase que as pugnas entre distintos sectores da burguesía e os seus intereses poden atrapar a maioría traballadora en falsos dilemas, e conducila a canellóns sen saída, se non existe un Partido Comunista forte e independente, capaz de articular unha alternativa radical ao modelo capitalista en todas as súas expresións. A resposta ao programa de máximos dos capitalistas non pode ser outro programa capitalista, aínda sendo menos agresivo para a maioría traballadora, baixo o argumento do mal menor. Neste sentido, a insistencia en culpabilizar de todas as agresións que sofren a clase obreira e os pobos do mundo a un ”capitalismo neoliberal” non fai máis que promover a confianza dos traballadores e traballadoras en solucións dentro dos parámetros capitalistas, alterando como moito algunhas políticas e formas de xestión, pero deixando intacto o núcleo esencial da explotación capitalista. Fronte á radicalización da patronal só cabe a radicalización da clase obreira. 

O Partido Comunista, independentemente da correlación de forzas existente en cada momento ou de quen xestione o capitalismo a través do Goberno en cada momento, debe manter a súa plena independencia política, ideolóxica e organizativa. Esa é a única garantía para que se poida levantar unha alternativa de clase que rache realmente co capitalismo. 

Baixo estas premisas é como analizamos a posibilidade de que o capitalismo español vaia ser xestionado por un Goberno de coalición socialdemócrata entre PSOE e UP co apoio de forzas rexionalistas e nacionalistas periféricas.

É unha realidade que os sectores obreiros e populares do noso país saíron fortemente debilitados da crise anterior. A causa foron as medidas aplicadas tanto polo Goberno do PSOE como polo posterior do PP para satisfacer os intereses da patronal. A maioría traballadora do noso país, a pesar das continuas alegacións sobre o crecemento económico que se veñen dando a partir de 2014, non mellorou as súas condicións de vida e traballo.

A redución das cifras do paro no último período non pode ocultar que tres de cada catro familias españolas teñen dificultades para chegar a fin de mes ou que o 30% dos fogares españois viven grazas a unha pensión. Iso mentres a fenda económica se agranda, xa que nos últimos 9 anos multiplicouse o número de millonarios no noso país.

Se esta situación se xerou tras un lustro de crecemento económico, as expectativas de maior empobrecemento e perda de máis dereitos no contexto dunha desaceleración ou dunha nova crise son absolutamente aterradoras. Ante esta situación, a coalición socialdemócrata PSOE-UP acordou un primeiro documento no que non se cuestiona ningún dos mecanismos económicos e financeiros que agravaron a crise anterior en España. Confírmase a aceptación do pacto de estabilidade e fíase toda a política social á hipótese dunha subida de impostos, deixando inalteradas as bases da explotación capitalista en España e, con iso, condenando calquera hipotética medida social favorable ás clases populares á súa liquidación en canto a situación económica se agrave. 

O futuro Goberno non vai levar a cabo ningún cambio drástico a mellor nas condicións de vida e traballo da clase obreira e os sectores populares. Cando remate a lexislatura, a clase obreira e os sectores populares van  estar en peores condicións do que hoxe. O futuro Goberno de coalición non vai alterar de ningún xeito as bases sobre as que se sustenta a explotación no noso país, pero tampouco vai poder levar a cabo políticas expansivas a gran escala, dadas as previsións económicas que hai encima da mesa. O futuro Goberno, independentemente da verborrea que o acompañe, vai xestionar os intereses dos capitalistas españois, tratando de conter calquera mobilización de masas mediante o recurso a medidas simbólicas que distraian da incontestable realidade: a inviolabilidade das bases capitalistas do noso país. 

O futuro Goberno, do mesmo xeito que fixo Pedro Sánchez tras a moción de censura de 2018, recorrerá a unha política planificada de xestos cara a certos sectores sociais -tamén sindicais - durante o primeiro período do seu mandato. Renunciará á derrogación das reformas laborais, pero, a cambio, modificará aspectos da reforma de 2012 para tratar de silenciar ao movemento sindical mentres mantén o groso das medidas anti-obreiras – e as actualiza-  nun novo Estatuto dos Traballadores que legalizará as formas de explotación que xeneralizaron os modelos Uber e Deliveroo.

A promoción do capitalismo verde será o outro sinal de identidade do futuro Goberno. A coalición socialdemócrata fala de “transición enerxética” para camuflar o que non é outra cousa que a promoción e defensa dos intereses dos monopolios privados do sector enerxético que invisten en enerxías renovables. Paralelamente, seguirán impulsando campañas propagandísticas encamiñadas a atribuír a responsabilidade sobre calquera problema ambiental ás familias traballadoras e non ás grandes empresas. 

Por outra banda, a debilidade parlamentaria da coalición socialdemócrata, así como as distintas estratexias dos seus membros, non agoiran un Goberno estable nin duradeiro. Vai rachar cando algún dos socios principais ou dos seus aliados considere que as súas expectativas electorais melloran e que a súa vinculación á coalición xa non lle achega réditos políticos. 

Hoxe, calquera crítica á coalición socialdemócrata pretende acalarse recorrendo ao argumento do mal menor. Preséntase ante a clase obreira e o pobo traballador unha situación na que semella que a única posibilidade de conter a chularía de certos sectores da burguesía española, expresado no crecemento de VOX, pasa por apoiar un Goberno PSOE-UP. Pero a coalición socialdemócrata ten que saber xa que a xestión capitalista que veu prometendo nos últimos tempos vai chocar cunha dinámica capitalista que non se pode rachar se non é de forma radical, rachando co capitalismo como un todo, e non cunha concreta xestión do capitalismo. 

As limitacións do futuro Goberno serán evidentes aos ollos das masas con rapidez, e a súa frustración pode conducir a fenómenos de radicalización nun sentido reaccionario. Sobre todo, se non existe un proceso acelerado de fortalecemento dun Partido Comunista independente de toda forza capitalista no político, no ideolóxico e no organizativo.

O PCTE non oculta que aspira a ser ese Partido Comunista, aínda que aínda estamos lonxe de conseguilo. En 8 meses baixo esta denominación amosamos o rápido que avanzan as nosas capacidades organizativas, estendéndonos territorialmente e ampliando os nosos contactos coa clase e o pobo traballador, pero ningún avance será suficiente se a clase obreira non deixa de confiar maioritariamente nas forzas socialdemócratas que permanentemente traizoan as falsas ilusións que elas mesmas crean.

Durante o próximo período, por tanto, os nosos esforzos seguiranse centrando en desenvolver a nosa presenza nos centros de traballo e nos barrios obreiros, explicando incansablemente, con datos e con feitos, as limitacións e as falsas ilusións sementadas pola coalición socialdemócrata, así como o sentido das medidas anti-obreiras que esta aprobará. Explicando tamén que ningún goberno capitalista pode resolver de forma definitiva os problemas básicos da maioría obreira e popular e que todo avance económico ou social que se poida conseguir só poderá ser defendido se hai mobilización de masas que confíe nas súas propias forzas e non en ningún goberno capitalista. Explicaremos que a nosa clase e o noso pobo non deben renunciar a ningún dereito conquistado, nin deixarse enganar nin manipular por ningún goberno ou forza defensora do capitalismo, sexa da cor que sexa. 

O PCTE seguirá pelexando por derrogar as dúas últimas reformas laborais, como elemento aglutinador inmediato das loitas obreiras que se desenvolven no noso país. Seguiremos denunciando o papel da Unión Europea e da OTAN, de quen a coalición socialdemócrata seguirá sendo socio, e seguiremos acumulando forzas no campo obreiro e popular que sexan capaces de aproveitar a experiencia práctica na loita política diaria nos centros de traballo e nos barrios para organizar o contraataque definitivo co que a clase obreira derrocará en España o poder capitalista. 

Nin un paso atrás nos nosos dereitos, ningunha confianza no Goberno da socialdemocracia!

Madrid, 1 de decembro de 2019

Buró Político  PCTE