A morte de Tania Pedraza: “Desapareceu do seu posto de traballo e ninguén deu parte”



O pasado mes de outubro, unha traballadora apareceu morta no parque loxístico de Mercadona en Abrera (Barcelona). Tiña 36 anos e 3 fillos.

Pasou 27 horas morta no almacén da empresa, onde traballaba, sen que ningún responsable da empresa dese parte da súa desaparición, claramente evidenciada pola ausencia da súa sinatura no parte de rexistro de xornada. Foi a familia, varias horas despois, quen, á vista de que Tania non pasara recoller o seu fillo de dous anos na gardería, tivo que presentarse na empresa e rebentar o seu armario para descubrir que a traballadora non chegara a tomar o seu bocadillo da mañá e denunciar a súa desaparición aos Mossos d’ Esquadra. Un día máis tarde atopárona, sepultada en lévedo no fondo dun silo de pan. Atrapada nunha máquina, informan os seus veciños. Traballaba limpando soa, nunha área perigosa na que habitualmente traballan dúas persoas.

Parte da prensa ocultou que o lugar dos feitos era un centro loxístico de Mercadona. Os mesmos medios que con tanta frecuencia falan de Mercadona para cantar loas ao xigante da distribución alimentaria, tristemente célebre, ademais de polo seu nome machista, por acosar e despedir sindicalistas ou solicitantes de baixas médicas, coaccionar para que non se exerza o dereito de folga e denegar reducións de xornada por maternidade. “Investigadores de Harvard poñen Mercadona como exemplo de innovación e bo emprego”, din os grandes medios de comunicación, verdadeiros taboleiros de anuncios do capital, untados e mantidos coas ganancias que detrae Mercadona de explotar traballadoras, asfixiar os provedores e arrasar co pequeno comercio local alí onde fai aparición. Pero calaron durante todo o tempo que lles foi posible que Mercadona era responsable do crime do que foi vítima a traballadora da limpeza Tania Pedraza Sánchez o 9 de outubro pasado. Algúns medios chegaron ao extremo de publicar fotos falsas tomadas noutros supermercados.

Impunidade absoluta e exquisita discreción garanten as cloacas da “información” ao habitual da lista Forbes, campión das doazóns multimillonarias ás fundacións máis rabiosamente reaccionarias da dereita e do gran capital español. Ningunha alusión á neglixencia empresarial ou ao nulo seguimento de riscos durante a xornada laboral. Ese é o valor que teñen as nosas vidas para o capital e os seus cronistas. Veo de silencio sobre o incumprimento das medidas de seguridade, dos protocolos de prevención de riscos, sobre a precariedade e a sobreexplotación das mulleres traballadoras, da clase obreira toda, que, no choio, nas empresas (nas súas empresas), como nas guerras (nas súas guerras), somos quen poñemos as mortas e os mortos.

Dous meses despois, seguimos sen poder atopar en ningún medio o resultado da autopsia.


Fonte: Nuevo Rumbo
Traducida ao galego pola Revista FORXA