Solidariedade co compañeiro Xesús López Pintos. Non á represión!


Diante da escandalosa sentenza da sección segunda da Audiencia Provincial da Coruña que condena o compañeiro Xesús Anxo López Pintos (ex responsable comarcal da CIG en Ferrol) a seis meses de cadea, o Comité Nacional do Partido Comunista dos Traballadores da Galiza manifestamos:

1.   O noso rexeitamento a unha sentenza inxusta que converte a vítima en acusado e exculpa os policías que feriron o compañeiro Pintos e logo o someteron a malos tratos durante horas na comisaría coa intención de escarmentalo.

2.    A nosa solidariedade co compañeiro Pintos, chamando á clase obreira a seguir confrontando a represión contra os militantes sindicais e a criminalización da loita da clase obreira na defensa dos seus dereitos.

Denunciamos unha vez máis a Xustiza burguesa como un aparato do Estado capitalista ao servizo da clase dominante, unha oligarquía empresarial parasitaria e corrupta.

A clase obreira e o pobo traballador non deben depositar ningunha confianza nos gobernos e nos políticos burgueses que baixo unha ou outra máscara (conservadora ou progresista) non fan máis que xestionar os intereses do Capital e organizar a represión e o sometemento da clase obreira. Só coa loita, a organización e a unidade, a clase obreira recuperará os dereitos perdidos e conquistará unha sociedade rexida polos intereses da maioría traballadora, un país para a clase obreira.

NON HAI REPRESIÓN QUE PARE A LOITA OBREIRA!!

Galiza, 23 de novembro de 2019.

Comité Nacional do Partido Comunista dos Traballadores da Galiza