Severino Menéndez (PCTE): "É necesario ocuparse dos barrios obreiros e do medio rural"


Severino Menéndez, membro do Buró Político do Partido Comunista dos Traballadores de España e candidato do partido pola lista de Asturias para o 10N, falou sobre "a necesidade da organización nos barrios obreiros e populares para asegurar dereitos como unha vivenda ou un transporte dignos e de calidade".

Menéndez propuxo, como inclúe o programa do PCTE para o 10N: "Expropiación das vivendas actualmente en mans dos bancos e fondos voitre, creación dunha bolsa de vivendas públicas en réxime de aluguer, con prezos fixos e regulados polo Estado, un IBI gratuíto para primeira vivenda e un IBI progresivo a partir da segunda, un sistema de transporte público que garanta as conexións entre pobos, barrios, polígonos industriais, zonas comerciais e centros de estudo". Puxo sobre a mesa medidas tan concretas como "un abono transporte cuxo prezo non supere o 2% do SMI, a creación dunha Empresa Pública do Taxi, a supresión das licenzas VTC e a integración dos persoais deste sector na devandita Empresa Pública do Taxi".

Severino Menéndez referiuse tamén á situación da coñecida como España baleira ou baleirada. Dixo que "o primeiro é a repoboación do medio rural e a recuperación das actividades agropecuarias, algo que ten que facerse xunto cunha promoción do uso produtivo e sustentable dos montes e campos". Neste sentido, apuntou que "hai que desenvolver unha política preventiva, ao longo de todo o ano, de limpeza, vixilancia e medidas de protección do monte contra o lume".

En materia económica e produtiva para evitar o baleiro en boa parte do medio rural comentou a necesidade de "cooperativas de produtores que organicen e desenvolvan a actividade económica en todos os subsectores, así como de fontes de enerxía renovables na perspectiva da autosuficiencia e substitución planificada e progresiva do consumo de combustibles fósiles, garantindo o emprego nas comarcas afectadas e a soberanía enerxética do país".