Raúl Martínez (PCTE): Os dereitos laborais non se negocian e a industria deféndese


Raúl Martínez, cabeza de lista do Partido Comunista dos Traballadores de España (PCTE) por Asturias nas Eleccións Xerais do 10 de novembro, departiu coa prensa os principais puntos do programa do PCTE, facendo énfase en que "os dereitos laborais non se negocian". Declarou que "é necesario derrogar as reformas laborais de PP e PSOE, con carácter inmediato".

Preguntado sobre un novo Estatuto dos Traballadores, Martínez explicou o que o seu partido propón para incluír no devandito texto: "Recuperación da indemnización de 45 días por despedimento en todos os casos, eliminación de todas as modalidades de contratación que esclavizan á mocidade, xornada laboral de 35 horas, xubilación aos 60, ilegalización das ETT, prestación indefinida por desemprego e prohibición de horas extra".

Así mesmo, fixo mención a que toda política laboral está intimamente ligada co proxecto de país e co desenvolvemento da súa industria. O candidato comunista expresou que "hai que paralizar todo plan de reconversión e recuperar baixo control público os sectores industriais estratéxicos, con nacionalización inmediata de toda empresa que teña plans deslocalizadores". Tamén fixo especial fincapé en elaborar un plan de choque contra a sinistralidade laboral, a fin da liberalización de horarios comerciais e no desenvolvemento dunha división tecnolóxica do Ministerio de Industria para o desenvolvemento de patentes, así como a titularidade e xestión pública dunha industria farmacéutica que impida a dependencia para cos monopolios deste sector.

Raúl Martínez concluíu dicindo que "para conseguir e defender medidas como estas é necesaria a loita obreira en cada centro de traballo, en cada polígono industrial, en cada sector, que os traballadores se afilien aos sindicatos e se desenvolva a organización de clase".