Gas Natural Fenosa (Naturgy) destrúe empregos e ataca a cultura galega


O pasado xoves 14 de novembro, respondendo ao chamamento do seu Comité de Empresa, as traballadoras do servizo de atención ao cliente do monopolio enerxético NATURGY (antes Gas Natural-Fenosa), manifestáronse diante da sede desta multinacional en Ourense.

Este servizo, que foi externalizado á empresa UNITONO, do sector de centros de chamadas (telemarqueting), trasladaríase agora a Colombia (e a Reus-Tarragona en menor medida). As consecuencias desta decisión serían a eliminación de máis de 130 empregos en Ourense, xa que UNITONO ten coma único cliente a Naturgy.

Ao mesmo tempo, a deslocalización significaría a perda da atención en galego para os clientes de Naturgy, contribuíndo esta multinacional á discriminación contra a poboación galegofalante.

Xa sabiamos que ás empresas capitalistas non lles importa nada que os traballadores queden sen emprego. Pero desde os tempos de Franco, esta empresa ten unha longa traxectoria de saqueo da riqueza enerxética na Galiza, cos encoros de Fenosa, a mina das Encrobas e a central de Meirama. Agora coa escusa da mal chamada “transición ecolóxica”, as multinacionais da enerxía pechan as súas instalacións produtivas, deslocalizan servizos esenciais botando os traballadores á rúa e esquilman os nosos petos con facturas astronómicas de luz e gas. Miles de familias traballadoras pasan frío en inverno. Quen sabe cantas traballadoras despedidas de UNITONO terán dificultades este inverno para pagar a súa factura de enerxía?

E se non lles importan os traballadores, menos lles ha importar a nosa lingua ou a cultura do pobo.

Dende a organización do PCTG en Ourense, solidarizámonos coas traballadoras e traballadores do servizo de atención ao cliente de Naturgy na súa loita polo emprego. Esiximos o mantemento dos seus postos de traballo e a garantía da atención en galego.

O Partido Comunista dos Traballadores da Galiza defende que a enerxía é un dereito básico do pobo traballador, e non debe ser unha fonte de lucro privado.

Chamamos á clase obreira a loitar:
Pola nacionalización do sector enerxético.
Contra a subcontratación ou deslocalización dos servizos de atención ao cliente, e pola incorporación do persoal externalizado na empresa principal.
Por unha atención ao cliente na lingua da súa escolla.

PCTG-Ourense