Derroguemos as reformas laborais


“A lei búrlanos e o Estado oprime e sangra ao produtor”

Quen podería pensar que a alguén se lle poida despedir do seu traballo por estar enfermo? Pois así é. O Tribunal Constitucional baseándose na Reforma Laboral de 2012 avala despedimentos por enfermidades curtas, aínda que estas estean xustificadas, porque no seu razoamento legal os custos directos e indirectos para as empresas están por encima da protección á saúde dos traballadores e traballadoras. Tan é así que nove días de baixa en dous meses chegan para estudar pola parte da empresa un despedimento procedente.

Esa brutalidade que colle nas súas leis, e é avalada pola Constitución Española e o seu alto tribunal, só é legal porque xunto con outras moitas brutalidades foron entrando no ordenamento laboral a base de reformas e contrarreformas impostas polos sucesivos gobernos do PSOE e do PP. Todo iso a pesar do clamor mobilizador dunha clase obreira farta de sufrir agresións aos seus dereitos.

Por iso hoxe os comunistas estamos aquí participando desta importante mobilización, contra as consecuencias directas dun dos aspectos das reformas laborais, porque por moi legais e constitucionais que sexan nin son xustas nin son eticamente defendibles.

“Nin en deuses, reis nin tribunos está o supremo salvador”

Pero tamén estamos aquí porque non estamos dispostos a renunciar á esixencia da derrogación na súa totalidade das Reformas Laborais dos Gobernos de Zapatero e Rajoy. Aínda non está claro se finalmente se converterá en realidade a posibilidade dun goberno cualificado de progresista entre PSOE e Unidas-Podemos, pero o que si temos claro é que os traballadores e traballadoras non debemos depositar ningunha confianza na xestión capitalista dese novo goberno. E a total derrogación ou non das reformas laborais será un bo indicador de até que punto o progresismo deste país fai oídos xordos ás xustas reclamacións dunha clase obreira que todo o produce e que ao final nada decide.

“Axuntémonos todos na loita”

Ningunha confianza por tanto para que tampouco ningunha decepción nos oculte a necesidade de máis loita, máis organización e máis Partido Comunista como único camiño cara a un país para a clase obreira.

MÁIS PARTIDO COMUNISTA

PCTG