Ástor García (PCTE): “Non falemos do posible, senón do necesario”



Ástor García, cabeza de lista por Madrid e candidato á Presidencia do Goberno polo Partido Comunista dos Traballadores de España (PCTE), debullou algúns dos principais puntos do seu programa electoral para este 10N, ao que concorren coa lema “Elixe o necesario”. García explica o sentido desta lema dicindo que temos escoitado a miúdo que o que propomos está moi ben pero que non é posible, e sobre isto hai que dicir que nada do que propomos no noso programa é imposible, é máis, todo iso é necesario, e xa que logo, inaprazable.

Ástor García, que é Secretario Xeral do PCTE, explica que “o país que queremos construír non se vai facer realidade dun día para outro, senón que será o resultado dun proceso de acumulación de forzas obreiras e populares”. En palabras de García, “os tempos son chegados de dicir as cousas claras, de dar respostas de clase aos problemas do país; cando din que non é posible derrogar as reformas laborais, cando din que non é posible xubilarse antes dos 67, cando din que non é posible soster unha educación e sanidade públicas, cando din que non se pode controlar os prezos da vivenda ou ilegalizar as casas de apostas, hai que dicir que nada que sexa absolutamente necesario pode ser imposible”.

Neste sentido, o candidato do PCTE interpela ao potencial votante: “Non se trata só do que nós propomos, o noso programa enriqueceuse con respecto ao das anteriores eleccións, si, pero o importante é o que ti podes facer”. No programa do PCTE, como nos seus actos públicos, esta é unha idea habitual, a da necesidade de organizarse co Partido Comunista para loitar no día a día, desde o centro de traballo, os barrios populares ou o centro de estudos.

“Fálase moito do país, pero que país -pregunta García-, porque o país dos monopolios, o do Ibex-35 que xestionan e representan con diferentes matices todos os partidos do Parlamento, non é o noso. O noso país é outro e pode chegar a ser outro moito máis distinto aínda, un país para a clase obreira, un país cos traballadores no poder”.

O PCTE concorre ás eleccións do 10N como a principal sigla comunista en España, estará presente en 37 circunscricións, dez máis que nas candidaturas que presentou en abril, cando concorreu tan só unhas semanas despois de celebrar o acto de presentación en Madrid da nova sigla PCTE.