25N: Por un país para a Muller Traballadora!


A violencia cara ás mulleres non é algo alleo ao sistema capitalista

O sistema maltrátanos cando cobramos menos que un home polo mesmo traballo. Maltrátanos cando permite e defende a compra dos corpos das mulleres para parir fillos ou fillas de xente sen escrúpulos. Maltrátanos cando permite que un home condenado por violencia machista poida ver aos nosos fillos e fillas. Maltrátanos cando se nos prohibe abortar e debemos facelo en clínicas privadas ou, mesmo, clandestinas.

Dentro do capitalismo é imposible acadar calquera tipo de igualdade para as mulleres traballadoras

A nós, as obreiras, dános igual quen nos explote, se é home ou muller. A nós, as mulleres traballadoras, dános igual quen estea na cima do aparello burgués. Ás mulleres da clase obreira o que nos interesa, e polo que loitamos, é por que non  sigan a asasinarnos, mostra máis visible da violencia machista. As mulleres traballadoras queremos vivir sen medo e orgullosas de ser o que somos, xunto ao resto da nosa clase. Como sempre, somos as mulleres traballadoras as que máis sufrimos este tipo de violencia. Nin a xustiza nin a lexislación burguesa van facer nada por protexernos nin a nós nin aos nosos fillos e fillas.

Loitar por un país para a muller traballadora

As mulleres traballadoras non queremos máis, pero tampouco menos que o que nos corresponde: protección dos nosos dereitos e dos nosos fillos e fillas; iguais dereitos en todos os aspectos da vida. Só cun país ao servizo da clase obreira poderemos porlle fin á explotación, á discriminación e á desigualdade. Só cun país para a muller traballadora poderemos garantir o noso futuro e o dos nosos fillos e fillas. Só cun país para a clase obreira, poderemos conseguir rematar coa lacra do machismo.

MÁIS PARTIDO COMUNISTA!


PCTG