Solidariedade coas loitas do pobo ecuatoriano contra o “paquetazo” do goberno de Moreno


O Partido Comunista dos Traballadores de España (PCTE) expresa toda a súa solidariedade coa loita do pobo ecuatoriano e, especialmente, dos nosos camaradas do Partido Comunista do Ecuador (PCE), que se ergueron contra o Decreto presidencial e a reforma económica, o paquetazo, que desde o pasado 1 de outubro o presidente Moreno pretende impor ao conxunto do pobo ecuatoriano. Un decreto que eleva o valor dos combustibles, do custo dos bens básicos, reduce as prestacións salariais públicas e que busca facer pagar ao pobo ecuatoriano as consecuencias da crise capitalista baixo o mandato dos  imperialistas.

Desde hai días o país está inmerso nunha vaga de combativas mobilizacións que puxeron en apuros ao goberno, que tivo que fuxir a Guayaquil. A clase obreira organizada,  o campesiñado, o movemento popular ecuatoriano está a amosar o seu compromiso e decisión contra estas medidas, contra o paquetazo, como se viu coa folga nacional convocada o pasado 9 de outubro.

A pesar de que xa se contabilizan 5 mortos, entre eles líderes do movemento indíxena, máis de 550 feridos e case 1.000 detidos, debido ás actuacións da policía, que está a empregar métodos brutais de represión para conter a mobilización, os dirixentes da mesma prometeron non parar até acadar os seus obxectivos, entre eles reverter o Decreto  presidencial e o paquetazo. Nun desesperado intento de sufocar e reprimir a loita popular, o goberno ecuatoriano  recorreu ao estado de excepción, a un toque de queda e a declaracións incendiarias que tentan culpar ao expresidente Rafael Correa e ao goberno venezolano de ser os organizadores, desviando así a atención das súas propias responsabilidades como goberno.

Denunciamos o apoio do goberno español a Lenín Moreno nas recentes declaracións de Josep Borrell, Ministro de Asuntos Exteriores. Vemos como o Goberno de España defende as posicións que atentan a dignidade dos pobos e os traballadores. Xa o fixo apoiando o intento de golpe de estado de Juan Guaidó en Venezuela e repíteo de novo. Os seus apoios internacionais sempre se afastan claramente da solidariedade e a defensa dos Dereitos Humanos que di defender.

Desde o PCTE apoiamos firmemente a convocatoria de folga e desexamos os maiores éxitos na mesma. Así mesmo, seguiremos exercendo a nosa solidariedade mediante a difusión entre a clase obreira e os sectores populares do noso país do exemplo do pobo  ecuatoriano e do PC do Ecuador nesta loita contra as medidas político-económicas que os afogan, e denunciando a represión policial que o goberno capitalista utiliza para esmagar a resistencia popular ecuatoriana.

Todos ás rúas! Vai caer!
Viva a solidariedade internacionalista!

Buró Político do PCTE
12 de outubro, 2019


Fonte: PCTE
Tradución a galego pola Revista FORXA