Máis Partido Comunista para conquistar un país para a clase obreira!


O 28 de setembro de 2019 celebrouse un pleno do Buró Político do PCTE para analizar a conxuntura política e as tarefas inmediatas que temos por diante. En cumprimento dos acordos adoptados, facemos pública a presente declaración, dirixida aos traballadores, aos profesionais, á mocidade, ás mulleres traballadoras e a todos os sectores sociais que sofren a explotación capitalista e a opresión.

Achégase unha nova crise capitalista
A crise que atravesou o capitalismo entre os anos 2008 e 2014 foi superada por medio dunha masiva destrución de forzas produtivas que condenou ao desemprego a millóns de traballadores españois. Incrementouse de maneira brutal a explotación da clase obreira, que empeorou as nosas condicións de vida e de traballo. Retrocederon os nosos dereitos laborais, sociais e civís. En poucas palabras: fomos a clase obreira e o pobo os que pagamos a crise.
Na actualidade, todos os indicadores confirman que se achega unha nova crise. O movemento obreiro e sindical, a mocidade e os estudantes, as mulleres traballadoras e o conxunto do pobo, debemos prepararnos para enfrontar un endurecemento da loita de clases e para frear as novas medidas que prepara a burguesía. Queren facer fronte á crise capitalista batendo de novo nas nosas condicións de vida e traballo.
O Estado é un aparato de dominación ao servizo da burguesía que, por diversos medios, está a tratar de constituír un goberno capaz de facer fronte á nova crise que se aveciña. Neste contexto, explícase o fracaso da investidura de Pedro Sánchez e prodúcese a convocatoria de novas Eleccións Xerais para o próximo 10 de novembro. A postura da CEOE e do Círculo de Empresarios, favorable á nova convocatoria electoral, así o confirma.

A nova socialdemocracia fracasou
A nova socialdemocracia, cuxo papel dirixente o asumiu PODEMOS, conduciu os sectores populares a unha calella sen saída. PODEMOS baseou toda a súa estratexia na entrada no Consello de Ministros, quixeron xestionar o capitalismo e confiaron inxenuamente, como eles mesmos recoñecen, nun partido burgués como o PSOE.
A pesares das promesas realizadas, as condicións de vida e traballo do noso pobo non se alteraron en absoluto. A práctica totalidade das medidas recollidas polo PSOE e PODEMOS no Acordo Orzamentario 2019, baixo a retórica de acadar un orzamento social, ficou en meras promesas. Son papel mollado. Durante os debates de investidura non se produciu ningún tipo de discusión programática. Polo contrario, asistimos a unha vergoñosa renuncia por parte dos dirixentes de PODEMOS, dispostos a asumir as políticas da UE e da OTAN, as políticas do Estado en Cataluña, conformándose mesmo con matizar a última reforma laboral, deixando incólumes as medidas antiobreiras aprobadas mediante as reformas de 2010 e 2012. Reduciuse todo a debater un mero reparto de cotas no Consello de Ministros que desde o mes de xullo estaba condenado ao fracaso.
Tralo triunfo da moción de censura contra Mariano Rajoy, o noso partido advertiu aos traballadores e ao conxunto do pobo que non se debía depositar a máis mínima confianza no PSOE. Lanzamos a consigna: «Nin un minuto de respiro ao novo goberno capitalista!» Tamén advertimos sobre as falsas ilusións e sobre a posibilidade de conformar un goberno progresista. A Historia confirmou, unha vez tras outra, que non é posible xestionar o capitalismo no beneficio do pobo, que no capitalismo non hai saída para a clase obreira.
Tralo fracaso de PODEMOS no seu propósito de xestionar o capitalismo co PSOE, xurdiu Más País, co apoio dos distintos resortes do poder. A burguesía necesita un goberno con capacidade operativa, sen tensións internas. Para isto, empregando o manual xa utilizado a mediados dos anos 90 para crear o Partido Democrático de la Nueva Izquierda, impúlsase agora a operación Más País para fraccionar o espazo electoral da nova socialdemocracia, poñendo en valor o discurso transversal —interclasista—. Iñigo Errejón, un dos pais de PODEMOS, ofreceuse a aportar ao capitalismo a estabilidade que precisa. Móstrase coma un político burgués responsable.
Queren un goberno do PSOE baseado no que denominan «xeometría variable», capaz de bater na clase obreira, apoiándose nos partidos como Ciudadanos, nas distintas forzas capitalistas ou en acordos de Estado co Partido Popular. Ao mesmo tempo, precisan manter os traballadores, a mocidade e os estudantes, as mulleres traballadoras e todos os sectores populares, supeditados á política burguesa e ao parlamentarismo. Para isto, necesitan que a nova socialdemocracia conserve certa influencia que, co debido apoio mediático, continúe enganando o movemento obreiro e popular co opio das falsas ilusións.

Máis Partido Comunista para erguer un forte movemento obreiro e popular
Achégase un período caracterizado pola inestabilidade e por unha dura intensificación da loita de clases. Os traballadores debemos romper con toda esperanza democrático-burguesa. Non haberá ningunha mellora sen unha dura loita obreira e popular. Os camiños que nos propón a nova socialdemocracia son un labirinto sen saída.
Estalará unha nova crise capitalista e a burguesía e o seu Estado responderán intensificando a explotación e con altas doses de represión contra o movemento obreiro e popular, tal e como no presente ensaian en Cataluña ante a inminente sentenza do Tribunal Supremo contra os dirixentes do procés.
Durante as próximas semanas o PCTE pronunciarase de maneira específica sobre os últimos acontecementos relacionados con Cataluña. A nosa posición de principios é combater no seo do movemento obreiro e popular todo tipo de nacionalismo, pois todos eles expresan os intereses dun ou doutro sector da burguesía. Advertimos reiteradamente que a clase obreira nada tiña que gañar co procés, que soamente trouxo máis división e máis frustración. Advertimos que, nas condicións actuais, a autodeterminación é imposible no marco da formación capitalista española. Ao mesmo tempo, pronunciámonos con toda rotundidade en contra da represión en Cataluña. Denunciamos a inmensa operación de manipulación de masas levada a cabo polo aparato estatal, empregando técnicas de guerra psicolóxica de última xeración contra o pobo. Alertamos contra o avance do nacionalismo español, base da reacción ideolóxica e política que vai ser empregada contra toda a clase obreira e o pobo nas duras loitas que están por vir. Que ninguén trate de vestir o nacionalismo de vermello. A patria do traballo debe loitar sen concesións contra a patria do capital.

A clase obreira debe conquistar a súa independencia ideolóxica, política e organizativa
Debemos fortalecer o campo comunista, en que o PCTE trata de actuar con toda a responsabilidade que esixe o momento. O movemento obreiro e popular necesita un forte Partido Comunista, capaz de orientar e de unificar todas as loitas do pobo sobre a base dun programa que represente os intereses inmediatos e futuros da clase obreira e das amplas maiorías populares. Un Partido completamente independente da burguesía e do seu Estado, unha organización de toda a clase obreira.
Desde esas chaves, o PCTE concorrerá ás próximas Eleccións Xerais co propósito de denunciar os planes da patronal e dos partidos políticos que a representan, coa finalidade de desenmascarar as falsas ilusións que sementa a nova socialdemocracia, co obxectivo de concentrar as forzas obreiras no campo comunista e de reagrupar o movemento popular nunha perspectiva anticapitalista.

Organicemos a loita por un país para a clase obreira
Loitamos por unha España baixo a dirección da clase obreira. Queremos construír un país baseado na firme unidade da súa clase obreira e do seu pobo traballador, coa independencia das diferentes tradicións culturais, lingüísticas ou dos sentimentos de pertenza nacional existentes, que son patrimonio común de todos os traballadores e traballadoras de España. Un país socialista baseado no principio de unión libre de pobos libres, unha patria do traballo.
Loitamos por un país en que os sectores estratéxicos da economía sexan propiedade social, nun réxime de economía centralmente planificada para satisfacer as necesidades do noso pobo e non para incrementar os beneficios dun puñado de parasitos; en que o que se produza e como se produza sexa decidido democraticamente polos traballadores e traballadoras, implementando diferentes formas de participación popular e control obreiro.
Loitamos por unha España que rache as cadeas que nos atan á Unión Europea e á OTAN; que defenda a súa soberanía, que clausure as bases militares estranxeiras no noso solo e poña fin á ocupación británica da Rocha de Xibraltar, convertida nunha ameaza para o futuro en paz que queremos construír. Un país baseado nos principios do internacionalismo, disposto a cooperar de maneira solidaria con todos os pobos do mundo en proveito mutuo. Un país que rache cos plans de guerra imperialista que ameazan o futuro da humanidade, en que os soldados españois se retiren de inmediato das misións imperialistas que se lles encomendou.
A España socialista-comunista que queremos construír non se fará realidade dun día para outro. Será o resultado dun proceso de acumulación de forzas obreiras e populares organizada para loitar polas necesidades inmediatas do noso pobo, que só poden ser definitiva e plenamente satisfeitas arrebatándolle o poder á burguesía por medio do derrocamento do sistema capitalista.
Loitar por un país para a clase obreira é a tarefa inmediata dos que vivimos do noso traballo. Ten que ser un obxectivo do conxunto do movemento obreiro e popular. Para isto, debemos fortalecer o movemento sindical nos centros de traballo de todos os sectores produtivos. É urxente a organización das mulleres traballadoras para rematar coa lacra machista á que somos condenadas no capitalismo, desde unha perspectiva independente e de clase. Urxe a organización da mocidade obreira e dos estudantes para loitar polo futuro, para facer fronte ás intensas campañas de manipulación ideolóxica á que a nosa mocidade está a ser sometida, combater a lacra das drogas e das casas de apostas que apestan os nosos barrios.

Nas Eleccións Xerais o pobo debe elixir o necesario
O noso principal obxectivo no período electoral que se achega é facer que avance unha proposta programática e organizativa capaz de concentrar forzas obreiras e populares. Todas as nosas actividades no período electoral irán dirixidas a cumprir con ese obxectivo.
Pero somos plenamente conscientes de que non o podemos facer sos. Necesitamos o apoio dos que, ao longo dos últimos anos, se convenceron de que non hai saída no capitalismo, dos que comprenderon que, se queremos avanzar, é imprescindible romper coa lóxica do mal menor que encadea as forzas populares. O posible, no capitalismo, é máis miseria e máis explotación. O necesario, para o noso pobo, é máis organización, máis loita, máis Partido Comunista.
Con independencia da opción que cada un votara nas pasadas eleccións, chamamos os traballadores e traballadoras do noso país, a mocidade obreira e estudantil, os profesionais e todos os que vivides do voso traballo, a axudar o PCTE, a achegar o voso grao de area para que, máis cedo que tarde, fagamos realidade o país para a clase obreira polo que loitamos.

Por un país para a clase obreira, elixe o necesario: Máis Partido Comunista!

Buró Político do PCTE
Madrid, 4 de Outubro de 2019

Fonte: PCTE
Tradución ao galego: Revista FORXA