Exhumación de Franco do Val dos Caídos: o oportunismo e o falso antifascismo do PSOE


A exhumación dos restos do ditador Francisco Franco do mausoleo do Val dos Caídos ten lugar o 24 de outubro do 2019. Pasaron 44 anos desde o seu enterramento. Foi o rei Xoán Carlos I, o que firmou o 22 de novembro do 1975 a orde definitiva para que o ditador fose enterrado alí. Dos 44 anos que pasaron desde aquela, exactamente a metade deles, o Goberno de España estivo nas mans do Partido Socialista Obreiro Español. Foi con Pedro Sánchez como presidente cando o PSOE considerou que chegara o momento máis oportuno para lle retirar ao ditador certos honores, trasladando os seus restos ao cemiterio público de Mingorrubio —onde tamén están soterrados Carrero Blanco e Arias Navarro—. Todo indica que o novo lugar de sepultura do ditador —nun panteón coa súa esposa, Carmen Polo— será o novo lugar de peregrinación dos apoloxistas do fascismo en España e que Franco seguirá a recibir tributo público.

A exhumación dos restos de Franco por parte do goberno do PSOE non obedece a ningún principio moral nin político de respecto ás vítimas do franquismo e da loita antifascista. Todo obedece a un mero cálculo electoral e a unha operación de maquillaxe democrática do propio sistema.

O goberno de Pedro Sánchez decidiu ir ás Eleccións Xerais de novembro cunha folla de ruta moi definida, en que a sentenza do Procés tomaba unha especial relevancia. Coa xestión da crise en Catalunya, o PSOE pretendía ensanchar o seu espazo electoral cara á súa dereita. Coa exhumación de Franco ensanchalo cara á esquerda. Os ritmos e as proclamas, sobre un e outro tema, do goberno socialista nestes días expresan de maneira moi clara, o inveterado oportunismo do partido da traizón na Guerra Civil, da desaparición durante a ditadura, da falaz transición, dos GAL, da OTAN, das ETT, da desindustrialización e das contrarreformas laborais.

Os restos de Franco, como  os de todos os fascistas enterrados no Val dos Caídos —onde seguirá permanecendo a tumba de Primo de Rivera— debían ter sido exhumados hai moito tempo. Pero non antes que os restos dos milleiros de represaliados antifranquistas que foron alí soterrados, contra a súa vontade, moitos deles obrigados en condicións de escravitude a construír o infame mausoleo do franquismo. Son eles os primeiros que deberían ter saído do Val dos Caídos e ter recibido digna sepultura. E son tamén, os miles de asasinados polo fascismo que xacen desaparecidos nas cunetas por todo o país os que esixen que se lles saque delas e se lles rendan honores. Despois de recoñecer aos miles de heroes antifascista é cando, con urxencia, habería que ter negado todo monumento e homenaxe ao ditador e procedido á demolición do Val dos Caídos. Esa é a única política de memoria histórica que faría xustiza aos antifascistas españois.



Fonte: PCTE
Traducida pola Revista FORXA