Declaración da Iniciativa Comunista Europea sobre o novo curso escolar

A comezos de setembro, deu inicio un novo curso escolar na maioría dos estados de Europa. Alumnado e estudantes volveron ás súas gardarías, xardíns de infancia, escolas e universidades. O que teñen en común, sen importar onde estean ou que estuden, é que o seu dereito á educación e os seus dereitos en xeral, están sendo atacados.

A razón disto é simple: para o capitalismo non hai beneficios en educar a mocidade máis do que o sistema necesita para que fagan o seu traballo. Este é o principio básico da educación no capitalismo, e non pode ser doutro xeito neste inxusto sistema.

A escola da actualidade, que foi creada nas últimas décadas, formouse pola confluencia de varios factores:
  • Obrigouse ao capital a facer algunhas concesións ante a reivindicación principal do movemento obreiro dun sistema educativo que actuase en favor dos intereses da clase obreira.
  • A existencia do socialismo na Unión Soviética e outros países constituíu unha alternativa ao capitalismo, que obrigou ao capital e aos seus gobernos a facer axustes co fin de limitar a posibilidade de comprender a necesidade do socialismo.
  • A adecuación do sistema educativo actual ao desenvolvemento das forzas produtivas; precisábase un certo nivel educativo dos traballadores para manexar os medios de produción.
Estes factores crearon o sistema educativo da actualidade, pero como calquera pode ver, xa non hai un socialismo que exista para actuar como alternativa e á vez nos sigue a faltar un movemento obreiro revolucionario e ben organizado.

Esta situación dá ao capital tantos incentivos como posibilidades para retirar todas as concesións que non sexan necesarias para o manexo dos medios de produción.

Nalgúns países, isto xa tivo como consecuencia: importantes recortes no sistema educativo, obrigando as familias populares a pagar cara a educación dos seus fillos, mentres houbo unha degradación educativa e as condicións da educación deterioráronse rapidamente.

Nestes momentos de recuperación capitalista feble – mentres a seguinte crise está á volta da esquina – presenciaremos maiores ataques contra a clase obreira en Europa. Calquera dereito que quede está en perigo de ser destruído no futuro próximo.

Á parte do punto de vista puramente económico, é posible presenciar unha intensificación nas tentativas de manipular ideoloxicamente aínda máis o contido da educación. As empresas privadas están cada vez máis activas nas escolas e universidades, atraendo os estudantes e o alumnado cara ao espírito «emprendedor», distorcendo a realidade.

Así mesmo, os esforzos anticomunistas da UE e dos seus gobernos aumentan. Diríxense fondos a departamentos e iniciativas privadas que promoven a difamación do comunismo, a equiparación non histórica do comunismo co monstro do fascismo e a difusión de mentiras relativas ao capitalismo e ao comunismo dentro das escolas e universidades.

Estes acontecementos afectan de maneira negativa aos dereitos dos estudantes e do alumnado na educación. Buscarán cubrir a realidade e no seu lugar presentar unha versión incomprensible e ilóxica da realidade, axeitada ás necesidades do capital. Obstaculizarán o desenvolvemento cognitivo e político da mocidade e arrebataranlles a posibilidade de buscar a verdade e unha explicación para a situación na que se atopa o mundo.

Estes acontecementos crean – e seguirán a crear – incerteza e inseguridade, e exercerán unha presión aínda maior na mocidade.

Estes acontecementos precisan unha resposta decidida dos comunistas, xunto aos estudantes, alumnado, traballadores, mocidade e pais, da clase obreira. Para combater as súas mentiras, manteremos as verdades históricas que demostraron a superioridade do socialismo. Para combater os seus esforzos para marxinar a mocidade, daremos o máximo para fortalecer a colectividade en loita como exemplo positivo do que podemos conseguir xuntos. Para combater os seus intentos de danar o noso benestar, manteremos e incrementaremos os nosos esforzos para organizar a nosa clase por un sistema educativo gratuíto, contemporáneo e público popular, sen ningunha actividade empresarial na educación.

Non obstante, ao final, un sistema educativo dirixido ás necesidades da mocidade actual non pode existir baixo o capitalismo. A historia demostrou que calquera reforma e beneficio que se conseguiu é temporal e precario. Non poden ser permanentes. Por iso, tamén loitamos polo socialismo, no que o poder está nas mans da clase obreira para o beneficio da clase obreira.

Este poder é o único poder que pode garantir un sistema educativo adaptado ás nosas necesidades, aspiracións e soños. Por iso chamamos ao pobo e á mocidade: Loitade xunto a nós polo voso futuro!


Fonte: PCTE
Traducido ao galego pola Revista FORXA