Contra o peche de Endesa: Nacionalización!!


Ante o anuncio da multinacional italiana ENEL de pechar a central térmica de ENDESA nas Pontes, o Partido Comunista dos Traballadores da Galiza manifesta o seu total rexeitamento a esta medida, a súa solidariedade cos traballadores afectados, e a exixencia da inmediata nacionalización do conxunto do sector enerxético, da minería así como de todos os sectores económicos estratéxicos.

Mediante unha cortina de fume chamada “transición ecolóxica”, estase a encubrir un auténtico proceso de desertización industrial de Galiza, que deixa un regueiro de milleiros de desempregados e desempregadas, afectados directa e indirectamente polos peches de empresas.

Meirama, Alcoa Coruña, Poligal, Ferroatlántica, Endesa, (e as ameazas pendentes sobre Alcoa San Cibrao ou Gamesa-Siemens), son as expresións dunha reconversión capitalista que, despois de acumular montañas de ganancias deixando aquí explotación e desfeita ecolóxica, procura agora noutros sitios ou con outras actividades máis lucrativas, seguir aumentando as fortunas dun puñado de parasitos.

Os gobernos de Felipe González e de Aznar privatizaron (e malvenderon) ENDESA, unha empresa pública de 27 mil traballadores daquela, converténdoa nun fabuloso negocio para ACCIONA  e posteriormente para a italiana ENEL.

Durante a presidencia de Borja Prado na dirección da empresa, ENEL chuchou de ENDESA máis 26 mil millóns de euros en dividendos para os seus accionistas. 3,18 millóns recibiu o señor Prado en 2017, e 2,2 millóns para o señor Bogas, conselleiro delegado. E non foron os únicos, Aznar tamén comeu aí (e Felipe González cobraba en Gas Natural). Mentres ENEL descapitaliza ENDESA, a negociación do Vº Convenio Marco sigue bloqueada, e as familias traballadoras temos que pagar facturas da luz cada vez máis astronómicas.

Logo de recibir durante estes anos centos de millóns de euros de axudas públicas para a modernización das unidades produtivas e as medidas de redución da contaminación, logo de xurar e perxurar que a central das Pontes seguiría operando grazas a estas medidas tecnolóxicas, resulta que ENEL pecha a térmica debido ao encarecemento dos chamados “dereitos de emisión de CO2”. Mais ese “encarecemento” non é resultado dunha dificultade material, produtiva ou tecnolóxica. É o resultado da máis pura especulación nos mercados financeiros, nos que as grandes empresas capitalistas negocian e subastan eses dereitos de emisión de carbono, converténdoos nun simple produto especulativo, nunha nova burbulla financeira. ENEL non pecha a térmica porque contamine ou non sexa rendible, senón para gañar máis diñeiro.

Unha vez máis, pretenden que a clase obreira pague os pratos rotos do festín da burguesía. Antes era coa escusa da crise. Agora é co pretexto do encarecemento das emisións de CO2. Mañá, será pola nova recesión económica que xa vén chegando.

Baixo ningunha forma de capitalismo, nin no máis verde, haberá solución definitiva para os problemas dos traballadores e traballadoras. A clase obreira debe tomar o control do que é seu, porque foi construído co seu traballo.

Precisamos enerxía e industrias, nas mans do pobo e ao servizo do pobo. Precisamos a permanencia das actividades produtivas e asegurar un futuro económico e produtivo na Nosa Terra, coas medidas de protección ecolóxicas que sexan necesarias, e libres de parasitos capitalistas.

O Partido Comunista dos Traballadores da Galiza chama a clase obreira e o pobo traballador a non aceptar os falsos dilemas do capital e dos gobernos ao seu servizo, que pretenden que paguemos nós pola súa “transición”.

Chamámoste a incorporarte ao Partido Comunista para construírmos un País para a clase obreira.


Pola nacionalización da enerxía e dos sectores estratéxicos!!

Por un país para a clase obreira!!


PARTIDO COMUNISTA DOS TRABALLADORES DA GALIZA (PCTG)