Ante a sentenza do Tribunal Supremo contra os líderes do procés



Perante dita sentenza, que o Buró Político do PCTE condena con rotundidade, faise pública a presente declaración:
1.- Esta sentenza supón un novo chanzo – e un aviso a navegantes – na dinámica de abordaxe represiva dos conflitos de carácter económico, social ou territorial que se producen en España.
2.- O noso Partido advertiu reiteradamente a clase obreira e o pobo de que o proceso independentista conducía a unha calella sen saída. Os sectores da burguesía media e da pequena burguesía catalá que encabezaron o procés menosprezaron a capacidade de resposta do Estado español.
3.- Os sucesos en Cataluña non poden analizarse á marxe do momento actual que atravesa o capitalismo mundial, caracterizado por unha grave intensificación das contradicións entre as principais potencias capitalistas, en que os Estados utilizan todas as ferramentas policiais, xudiciais, mediáticas, económicas ou militares ao seu alcance, esmagando as formalidades democráticas e o Dereito Internacional xurdido tras a Segunda Guerra Mundial, para impoñer os seus intereses. O imperialismo tende á reacción en todos os terreos.
4.- Nesa pugna entre capitalistas, a burguesía fomenta o avance dos distintos nacionalismos para atrapar a clase obreira e o pobo, utilizándoos como carne de canón na defensa dos seus intereses. Todo isto, nunhas condicións en que se manifesta unha clara tendencia á centralización dos Estado capitalistas, que non se poden permitir a menor debilidade interna na dura disputa que se libra a escala internacional.
5.- No seu día advertimos de que o Estado empregaría o procés na lóxica desa centralización, situando como obxectivo político a derrota total do nacionalismo catalán ao mesmo tempo que se fortalecen a reacción e o nacionalismo español.
6.- O Estado empregou as máis modernas técnicas de manipulación psicolóxica de masas no caso de Cataluña. Sucedéronse as filtracións aos medios de comunicación e o uso dunha calculada represión estatal, da que forman parte as últimas detencións de membros dos CDR. A forma en que se coñeceu a sentenza do Tribunal Supremo, sucedéndose as filtracións da data na que se faría pública ou desvelando por capítulos o seu contido forman parte dese proceso.
7.- Nun escenario no que ninguén dubida do estalido dunha nova crise capitalista, a sentenza do procés convértese nun novo instrumento nas mans da burguesía, afinando os mecanismos da represión estatal e preparando ideoloxicamente para que asuma con normalidade a aplicación de todos os resortes coactivos cos que conta a burguesía: a suspensión da autonomía en aplicación do artigo 155 da Constitución, o emprego masivo da forza policial ou a posibilidade de condena por delitos como a sedición ou a rebelión.
8.- Hoxe o nacionalismo español, a represión, a vulneración de dereitos fundamentais ou a campaña de manipulación psicolóxica desde os medios de comunicación está enfocada cara ao independentismo catalán, pero no contexto das dificultades económicas que se achegan, ninguén debe dubidar de que é o punto de partida contra toda oposición social ao sistema capitalista.
9.- A división de poderes revélase como unha farsa. Existe un só poder, o poder capitalista, que a burguesía non comparte. Así se explica o aliñamento dos principais partidos capitalistas na cuestión catalá, en que PSOE, PP, Ciudadanos e Vox comparten o esencial e mesmo PODEMOS tomou a decisión de pregarse ás políticas do Estado en Cataluña con tal de entrar no Consello de Ministros.
10.- A sentenza do Tribunal Supremo é un novo paso reaccionario contrario aos intereses do movemento obreiro e popular. O PCTE chama o noso pobo a rexeitar todo nacionalismo e a manifestar un rexeitamento frontal ao incremento da represión estatal, esixindo a liberdade de todos os presos políticos.
11.- O dereito á autodeterminación, como vía para unir os pobos no respecto e a igualdade faise imposible de conquistar na España capitalista. A clase obreira non debe seguir ningunha falsa bandeira, baixo o engado dun ou doutro nacionalismo. É preciso elixir un camiño independente, o camiño da unidade de todos os traballadores e traballadoras, con independencia de todo sentimento de pertenza nacional, para derrotar o capitalismo e construír unha patria común do traballo sobre as ruínas da sociedade capitalista, baseada no principio da unión voluntaria dos nosos pobos. Un país para a clase obreira.

Madrid, 14 de outubro de 2019
Buró Político do PCTE

Fonte: PCTE
Traducida por: Revista Forxa