Reformas laborais? Nin de socialistas, nin de populares


A “negociación” para a investidura de Pedro Sánchez, que ninguén sabe realmente se vai en serio ou é unha broma para entreternos o verán, tivo un novo episodio cando, a mediados de agosto, PODEMOS lle remitía ao PSOE un documento titulado “Propostas para recuperar o diálogo”. Entre moitas desas “propostas”, unha das máis rechamantes era a que propuña “derrogar a reforma laboral de 2012”, proposta que inicialmente o PSOE levara no seu programa, que Pedro Sánchez prometera por activa e por pasiva mentres era oposición, pero da que non se volveu  sentir nada.

Así, cunha “proposta” estival a mediados de agosto, como se non quixese a cousa, atopámonos coa constatación de que as dúas ás da socialdemocracia española están dispostas, para entenderse, a esquecer que en 2010 houbo unha durísima reforma impulsada e aprobada polo PSOE de Rodríguez Zapatero. Si, o mesmo que lle recomendou a Pablo Iglesias pedirlle a Sánchez as políticas activas de emprego a finais de xullo.

Ninguén dubida que a reforma laboral aprobada polo Goberno de Mariano Rajoy en febreiro de 2012 é unha das máis grandes agresións padecidas pola maioría traballadora do noso país. Pero chama moito a atención que xa ninguén no mundo político e sindical pareza lembrar que, durante o período Zapatero, producíronse varios ataques durísimos, especialmente en 2010 e 2011, que supuxeron non só o abaratamento xeneralizado do despedimento, mais tamén a desfeita do modelo de negociación colectiva (co apoio do PNV) que abriu a porta aos descolgues de empresas e á non ultraactividade dos convenios. Zapatero, o PSOE, puxo en marcha o que lle conviña á patronal española para tratar de capear a crise capitalista a costa, como non, da clase obreira. Ao mesmo tempo que aprobaba (co apoio de CiU) o retraso da idade de xubilación aos 67 anos.

Pero non debemos esquecer que as sucesivas reformas laborais que padeceu a maioría traballadora nas últimas décadas forman parte dun mesmo proceso de empeoramento xeneralizado das súas condicións de traballo e de vida. Un proceso feito a conciencia de desmantelamento das conquistas laborais e sociais que, en toda Europa Occidental – mesmo na España franquista – se lograron grazas ao terror que causaba nos capitalistas o exemplo soviético e das democracias populares do Leste europeo. Un proceso encamiñado, non só a lograr que o prezo da forza de traballo sexa cada vez máis barato, senón tamén a que esa forza de traballo estea a plena disposición do patrón cando se precisa dela e nas condicións e termos que á patronal lle interese.

Xeneralización dos contratos a tempo parcial e temporais, despedimento máis barato, menos cotas empresariais á Seguridade Social, maior poder disciplinario e sancionador do empresario, desmantelamento da negociación colectiva e un sen fin de ataques que van continuar, con total seguridade, nese novo Estatuto dos Traballadores que xa está a formular Pedro Sánchez.

Fronte a estas novas agresións, e fronte ao evidente risco dunha nova traizón e engano da socialdemocracia á clase obreira e á maioría traballadora do noso país, é necesario insistir en que a reforma de 2012 non se entende sen a de 2010. Que ambas as dúas non só son parte do mesmo proceso xeral de ataque contra os dereitos laborais, senón que ademais constitúen especificamente a aplicación das medidas de choque que esixía o capitalismo español para tratar de superar a súa gravísima crise. Falando en prata, a reforma de 2012 continuou e agrandou a senda aberta pola de 2010.

Por iso é tramposo debater unicamente sobre a derrogación completa ou parcial da reforma de 2012 mentres se obvia a de 2010 e todo o proceso no que se insiren ambas. Como punto de partida, a esixencia do movemento obreiro e sindical non pode ser outra que a derrogación inmediata de ambas as reformas, xunto con toda a lexislación que as foi ampliando desde o estoupido da crise capitalista. Esa normativa é, simple e sinxelamente, a plasmación legal e real de que a crise capitalista a pagamos os traballadores e traballadoras, de que os capitalistas remontaron a súa crise á nosa costa.

É hora de que o movemento sindical recupere o pulso e a autonomía fronte ás forzas socialdemócratas e que lle faga fronte, no seu conxunto, a todo o proceso de empobrecemento da maioría traballadora, agravado durante a crise, para abrir unha nova etapa de recuperación de dereitos laborais, sindicais, sociais e democráticos que unicamente se poderán garantir rompendo co capitalismo e non someténdose, nin a el nin aos seus gobernos.


Fonte: Nuevo Rumbo
Traducido pola Revista Forxa