Os pobos teñen o dereito inalienable a rebelarse contra a opresión


Transcorridos case tres anos dende a sinatura dos Acordos de Paz de La Habana (26 de setembro de 2016), a clase dominante colombiana e os seus Gobernos impediron alcanzar a paz coa xustiza social ansiada pola inmensa maioría dos colombianos. Nos Acordos de Paz, as Forzas Armadas Revolucionarias de Colombia – Exército do Pobo alcanzaban un compromiso de desmobilización e entrega das armas, mentres que o Estado colombiano outorgaba toda unha serie de garantías ás forzas desmobilizadas, acordándose unha folla de ruta que desembocase nunha paz con xustiza social pondo fin ao conflito armado nos termos que figuran no Acordo Final para a Terminación do Conflito e a Construción dunha Paz Estable e Duradeira.

O Goberno colombiano traizoou dende un inicio o espírito e a letra dos Acordos de Paz. Non só non se perseguiron os crimes de lesa humanidade cometidos durante décadas por forzas paramilitares e polo máis vil terrorismo de Estado, senón que se sucederon con total impunidade os asasinatos contra centos de dirixentes sociais, sindicalistas e guerrilleiros desmobilizados. Dende a sinatura dos acordos, foron asasinados máis de 500 activistas sociais, sindicalistas e defensores dos dereitos humanos, e 150 guerrilleiros desmobilizados. O Estado colombiano e o Goberno de Iván Duque, sabotaron por todos os medios ao seu alcance os Acordos de Paz, golpeando unha vez tras outra a un pobo que crían inerme.

O pasado 28 de agosto, o comandante Iván Márquez anunciaba dende as montañas de Colombia o reinicio da loita guerrilleira por parte das Forzas Armadas Revolucionarias de Colombia – Exército do Pobo (FARC-EP), resaltando a vontade de combater até conquistar unha paz xusta que abra o camiño á edificación dunha nova Colombia.

O noso partido seguiu o proceso de paz con esperanza e prudencia, reservándose calquera opinión crítica nun exercicio de responsabilidade e de respecto ás decisións adoptadas polas organizacións revolucionarias colombianas. Hoxe, ante o anuncio da continuación da loita armada, unha vez que foi constatada a traizón do Estado aos Acordos de Paz e a intensificación da campaña de terror e exterminio contra as masas populares e contra as forzas guerrilleiras desmobilizadas, manifestamos a nosa solidariedade internacionalista cos combatentes colombianos que elixiron proseguir o camiño iniciado en Marquetalia en 1964.

Para o PCTE, o dereito dos pobos á rebelión contra a tiranía e a opresión é inalienable. Estamos convencidos de que a combinación acertada das distintas formas de loita, logrará derrotar o Estado colombiano, o paramilitarismo e a reacción, e conquistar unha paz con xustiza social que abra o camiño á construción dunha nova Colombia.

Condenamos a declaración feita pública polo Goberno de España na que se acusa ao comandante Iván Márquez e ás forzas guerrilleiras de incumprir os Acordos de Paz, mentres exonera aos verdadeiros inimigos da paz e silencia os crimes diarios cometidos contra os loitadores colombianos. O Goberno do PSOE responde aos intereses dos monopolios españois, que detestan todo contrapoder que, como o guerrilleiro, se opón aos seus plans de saqueo e dominación en chan colombiano. A hipocrisía do PSOE, que non dubidou en prestar o seu apoio aos plans golpistas en Venezuela, convertendo as súas sedes diplomáticas en centros de conspiración nos que acolle e protexe ao golpista Juan Guaidó, queda de novo en evidencia.

O Partido Comunista dos Traballadores de España, manifesta a súa solidariedade internacionalista aos combatentes colombianos, a quen lles corresponde elixir as formas de loita que mellor se axusten ás condicións de terror e extermino impostas pola oligarquía e o seu Estado. Seguiremos loitando, xunto aos nosos irmáns e irmás de Colombia, por conquistar unha paz con xustiza social; seguiremos levantando a nosa voz contra os plans de extermino e os crimes de lesa humanidade cometidos en Colombia.

Contra a oligarquía e os seus plans de extermino, co pobo colombiano!
Viva o internacionalismo proletario!

Madrid, 1 de setembro de 2019.
Buró Político do PCTE.
Traducido pola Revista Forxa