Organización e loita contra a violencia machista


Este verán pechouse cun balance atroz de violencia machista, violacións e asasinatos de mulleres. 2019 foi un dos anos máis sanguentos da última década.

Coma sempre, as vítimas, as mulleres con menos recursos, as dependentes economicamente, as que no poden permitirse cambiar de domicilio, de traballo ou de cidade, as mozas dos barrios obreiros e populares.

Á nosa discriminación no ámbito laboral, á nosa carga de traballo nas tarefas reprodutivas (crianza, coidados, tarefas domésticas…), á mercantilización dos nosos corpos, úneselle a máxima expresión de discriminación sobre a muller traballadora: a agresión, a violación e o asasinato.

A lexislación e a xustiza burguesas non protexen as mulleres do maltrato e da violencia en todas as súas expresións. Polo contrario, perséguese ás mulleres por loitar, por defender os dereitos que nos corresponden.

Esta violencia está intrinsecamente ligada ao sistema capitalista. Un sistema que nos  explota como clase e nos maltrata como mulleres.

Nin a igualdade nin a seguridade son posibles para as mulleres traballadoras dentro do capitalismo. Un sistema que nos explota, nos oprime e nos discrimina, que trafica con nós e nos mercantiliza, que tolera e promove o acoso sexual e laboral, que nos persegue e reprime cando nos organizamos e loitamos, é incapaz de garantirnos os nosos dereitos incluída a supervivencia.

Denunciamos a utilización que, desde as forzas máis escuras do capital e a reacción, se fai da violencia contra as mulleres buscando un clamor unánime en pro do endurecemento do Código Penal e da represión. Estas son armas que en última instancia se volverán contra o movemento obreiro e popular e non contra os asasinos de mulleres.

Denunciamos a perigosa onda racista que dirixe o foco cara á orixe nacional dos violadores e non cara á orixe social e clasista da violencia do sistema capitalista contra as mulleres.

Non pasarán, os que dese xeito queren dividir a clase obreira para perpetuar todas as formas da opresión e da explotación.

Organicémonos como clase xunto aos nosos compañeiros para combater e reivindicar os nosos dereitos e poñer fin á violencia contra as mulleres en todas as súas formas.

Constrúamos unha sociedade libre do medo, da violencia e de todas as formas da opresión e da explotación.


20/9/2019
PCTG