Que haxa goberno ou eleccións, pasemos á ofensiva


Tras a habitual parada estival, comeza un novo curso político que estará marcado por unha alta inestabilidade. A ameaza dunha nova recesión económica mundial está intensificando a disputa entre as grandes potencias, como evidencia a guerra comercial que protagonizan Estados Unidos e China. Medra o proteccionismo e, da súa man, volven vellas posicións chovinistas que, en cada país, tratan de aliñar os traballadores e traballadoras detrás da súa correspondente burguesía. O risco de que a actual guerra económica que se libra entre as grandes potencias se converta nun enfrontamento militar xeneralizado faise cada día máis patente, e da súa man crece a militarización das economías e intensifícase a carreira de armamentos. Na Unión Europea medran as contradicións internas, aguilloadas polo Brexit e pola máis que previsible entrada en recesión da economía alemá. Os indicadores económicos non son mellores no Reino Unido e Italia.

A política española desenvólvese nese mar de contradicións, das que son reflexo as dúbidas que se manifestan no seo dos grandes partidos capitalistas: conformar un novo Goberno socialdemócrata ou ir a novas Eleccións Xerais o vindeiro 10 de novembro? Sobre esa cuestión pivotará a política burguesa durante as próximas semanas. A clase obreira non debe deixarse arrastrar a esa calella sen saída. Que haxa Goberno socialdemócrata ou liberal, o certo é que os nosos problemas seguirán a ser os mesmos e se agravarán nun novo escenario de crise capitalista.

É o momento de comezar a construír o país para a clase obreira do que vimos falando. Un país que se constrúe no día a día, en cada loita parcial, en cada centro de traballo, en cada actividade convocada polas organizacións que forman parte do movemento obreiro. Non debemos permanecer á expectativa. O movemento obreiro e sindical debe marcar o terreo e influír de xeito determinante no ámbito político. Coloquemos cada quen ante as súas propias contradicións esixindo a derrogación das dúas últimas reformas laborais, tanto da reforma Rajoy, aprobada en 2012, como da reforma Zapatero, aprobada en 2010. E, sobre esas bases, esixamos responsabilidades aos que dun xeito ou doutro descargaron a última crise económica sobre as costas dos traballadores e traballadoras.

Así propón o PCTE iniciar o novo curso político. Fronte aos falsos dilemas, situemos reivindicacións concretas que exemplifiquen o país para a clase obreira que queremos construír. Poñamos os intereses dos traballadores e traballadoras no centro do debate político e combatamos a ficción de que é posible unha xestión do capitalismo favorable aos intereses da maioría do noso pobo. Chamamos a todos os traballadores e traballadoras a organizarse nos seus centros de traballo, a fortalecer un movemento sindical pegado ao terreo que sitúe no centro da súa acción os intereses de clase. Chamamos a fortalecer decisivamente o Partido Comunista en cada barrio, en cada centro de traballo e estudo. A burguesía estase preparando en previsión dunha nova crise capitalista. O movemento obreiro debe facer o propio e prepararse para as duras confrontacións de clase que están por vir.

No momento en que se escriben estas liñas todo parece indicar que estamos abocados á celebración de novas Eleccións Xerais o vindeiro 10 de novembro, se ben, dado o feroz oportunismo que caracteriza todas as forzas socialdemócratas, chámense PSOE ou Unidas Podemos, calquera escenario é posible na patética loita de relatos que están representando. Se hai novas eleccións, o PCTE estará presente erguendo a voz do movemento obreiro e popular tamén no plano electoral, permitindo que os traballadores e traballadoras do noso país poidan elixir o necesario, elixir o camiño da loita e da defensa dos seus intereses. As pasadas Eleccións Xerais saldáronse cun avance organizativo do PCTE en todos os terreos. Hoxe, con máis experiencia e máis forza, dispoñémonos a empregar de novo a loita electoral para fortalecer o Partido Comunista, para fortalecer politicamente a clase obreira e construír un país á súa medida. Ningunha confianza nas forzas políticas burguesas. Elixamos o camiño da loita, elixamos o que hoxe é necesario.


Fonte: Nuevo Rumbo 
Traducido pola Revista FORXA