Diante do fracaso da socialdemocracia na formación de goberno


Na noite de onte confirmábase a noticia de que, dado o fracaso da socialdemocracia na formación dun novo Goberno, o próximo 10 de novembro haberá novas Eleccións Xerais.

Ante esta situación, o Partido Comunista dos Traballadores de España anuncia a súa participación nesta nova convocatoria e traslada aos traballadores e traballadoras as seguintes reflexións:

1º.- Inmediatamente despois da moción de censura que converteu a Pedro Sánchez en Presidente  do Goberno en 2018, e novamente tras as Eleccións Xerais do pasado 28 de abril, o noso Partido advertiu que o movemento obreiro e popular non debía depositar ningunha confianza na socialdemocracia. Non só incumpriron as súas promesas electorais, que pronto foron rebaixadas, senón que emprenderon de inmediato unha política de xestos que pretendía ocultar o seu verdadeiro programa, dirixido a xestionar o capitalismo en contra das maiorías traballadoras.

2º.- Dende as pasadas Eleccións Xerais presenciamos un espectáculo político bochornoso, no que tanto PSOE como Unidas Podemos se dedicaron a discutir sobre o formato do Goberno e a repartición das cadeiras de brazos ministeriais, sen explicar á poboación en que termos se situaba o debate programático, facendo primar a mera repartición de poder sobre as razóns políticas que explicasen os verdadeiros termos da disputa.

3º.- Durante os últimos meses, a política burguesa española reduciuse publicamente a unha mera pugna polo relato, no que uns e outros trataron principalmente de colocarse nunha mellor posición ante a máis que probable convocatoria de novas eleccións. A iso responden as propostas de última hora que tanto Unidas Podemos como Ciudadanos puxeron sobre a mesa, mentres o PSOE fai oídos xordos ao ter decidido meses atrás afrontar unha nova batalla electoral.

4º.- A nova convocatoria de eleccións é a solución que prefire o sector máis influente da burguesía española ante o complexo panorama económico e político que enfrontamos. Todos os indicadores apuntan ao estalido a curto ou medio prazo dunha nova crise capitalista, que tratarán que pague de novo a maioría traballadora. Nese contexto, o novo Goberno capitalista que se forme terá que afrontar importantísimos recortes, golpeando de novo as nosas condicións de vida e traballo.

5º.- Como apuntamos en reiteradas ocasións, no capitalismo non hai saída para a clase obreira. No medio da disputa pola conformación do Goberno capitalista de quenda, o PCTE lanzouse a unha intensa campaña pola derrogación das reformas laborais, tanto das aprobadas polo PSOE como das aprobadas polo PP, pois todas elas se impuxeron para facer retroceder os nosos dereitos laborais. Trátase dun primeiro paso no camiño que conduza a conquistar unha España para a clase obreira, cuxa construción só pode partir da intensificación da loita obreira e popular en todas as frontes.

6º.- Nese camiño que necesariamente imos percorrer, a repetición das Eleccións Xerais é un momento máis do enfrontamento entre as forzas políticas que serven ao capital, chámense conservadoras, liberais ou socialdemócratas, e os que vivimos do noso traballo. Nesas eleccións chamaremos ás amplas maiorías obreiras e populares, ás mulleres traballadoras, á mocidade e aos pensionistas, aos parados, aos sectores profesionais en vías de proletarización e a todos aqueles que tratan de vivir do seu traballo, a elixir o necesario.

7º.- O necesario hoxe é comezar a construír un país para a clase obreira, primeiro organizando as nosas forzas en todas as frontes: político, sindical, estudantil, muller… En cada fronte, en cada sector de actividade, hai que estender a organización e levantar a loita polas nosas reivindicacións. Fronte ao poder dos capitalistas débese construír un forte contrapoder obreiro e popular que rexeite todas as formas de xestión capitalista e todos os ataques dos Gobernos capitalistas.

8º.- O Partido Comunista dos Traballadores de España despregará todas as súas enerxías nese proceso encamiñado ao auténtico cambio que só pode representar unha España dirixida pola clase obreira sobre bases socialistas-comunistas. Chamamos a reforzar as filas do Partido Comunista, chamamos a romper dunha vez por todas coa política do mal menor e do posibilismo. Chamamos á clase obreira e aos sectores populares a elixir o necesario.

Buró Político do PCTE.
Madrid, 18 de setembro de 2019.



Fonte: PCTE
Traducido pola Revista FORXA