Carta aberta do S.X. do PCTE ao S.X. do PSOE tras a aprobación da moción anticomunista no Parlamento Europeo

Madrid, 21 de setembro de 2019
Sr. D. Pedro Sánchez-Pérez Castejón
Secretario Xeral do Partido Socialista Obreiro Español
c/Ferraz 68-70
28008 Madrid

Estimado Pedro:

Non sei se sabes que, moi recentemente, se debateu e aprobou no Parlamento Europeo unha resolución común “sobre a importancia da memoria histórica europea para o futuro de Europa”.

Esta resolución común foi presentada por varios grupos parlamentarios, entre eles o Grupo da Alianza Progresista de Socialistas e Demócratas, no que se agrupan os eurodiputados do PSOE. Tamén polo Grupo do Partido Popular Europeo, polo Grupo Renew Europe e polo Grupo dos Conservadores e Reformistas Europeos. É dicir, unha resolución común promovida polos grupos parlamentarios en que están o PSOE, o PP, Cidadáns, VOX e o PNV.

Nesta resolución fanse afirmacións sumamente graves sobre a Historia europea do século XX que non só distorsionan os feitos históricos, senón que van dirixidos a igualar, a equiparar, ao nazi-fascismo co comunismo.

Nesta resolución exponse, sen ningún tipo de vergoña, que a sinatura do Pacto de non Agresión Molotov-Ribbentrop foi o causante da II Guerra Mundial. Quérese asentar e xeneralizar a idea de que a culpa desa guerra foi tanto da Alemaña nazi como da Unión Soviética. Quérese tamén, a continuación, asentar e xeneralizar a idea de que a Unión Soviética, no seu camiño cara a Berlín, “ocupou” países do Centro e Este europeo, en lugar de “liberalos” dos gobernos apoiados ou dirixidos polas forzas nazis.

Nesta resolución exponse que a única forma de ser un Estado democrático é formando parte da Unión Europea e da OTAN e condenando a experiencia soviética e de construción socialista como “totalitaria”. Exponse mesmo profundar na ilegalización de símbolos e manifestacións de apoio á ideoloxía comunista.

E todo iso, Pedro, faise no nome dunha suposta loita contra o “totalitarismo” que non é máis que o disfrace que utilizades para tratar de criminalizar a única ideoloxía que realmente puxo contra as cordas o dominio capitalista que ti, o teu Goberno e o teu partido tanto defendedes.

Ese “totalitarismo” que vos serve para cuspir, sen ningún tipo de vergoña, nas tumbas dos miles e miles de comunistas que deron a súa vida na loita contra Hitler, Mussolini e os seus aliados, que na loita partisana, no Exército Vermello ou nos campos de concentración derramaron o seu sangue para erradicar dunha vez por todas esa besta asasina que é o nazi-fascismo.

A eses comunistas, a eses partisanos, ás súas familias, non te atreverás a dicirlles que os seus antepasados son igual que os fascistas. Non te atreverás porque es un covarde, pero é o que o teu partido apoiou no Parlamento Europeo. Todos os eurodiputados do PSOE, salvo un, votaron co PP, con Cidadáns, co PNV e con ERC a favor de frases como esta: “Sinala que nalgúns Estados membros seguen existindo en espazos públicos (parques, prazas, rúas, etc.) monumentos e lugares conmemorativos que enxalzan os réximes totalitarios, o que facilita a distorsión dos feitos históricos sobre as consecuencias da Segunda Guerra Mundial e a propagación do sistema político totalitario”.

Queredes terminar coas rúas dedicadas a Stalingrado, ao Exército Vermello ou aos dirixentes comunistas da época mentres conservades o Ducado de Primo de Rivera ou seguides tolerando que miles de comunistas e republicanos sigan nas cunetas do noso país.

Non tedes vergoña. Non merecedes respecto. Faltades á verdade e manipulades a Historia para adaptala aos intereses dos vosos amos. Axudades a que se xeneralice unha visión histórica na que os beneficiados son os mesmos que deron carta branca a Hitler e Mussolini, a quen os crearon: aos grandes capitalistas que, ante o seu medo ao comunismo en ascenso, financiaron a apoiaron as bandas de matóns e criminais nazis e fascistas.

Co voso apoio a esta resolución volvedes demostrar, como Besteiro apoiando o Golpe de Casado, e como tantas outras veces na Historia do noso país, que sodes uns miserables a quen o socialismo e a clase obreira vos importan ben pouco.

Ástor García
Secretario Xeral do Partido Comunista dos Traballadores de España

Fonte: PCTE
Traducida pola Revista FORXA