Ante a convocatoria da denominada “folga mundial polo clima”


Declaración do Buró Político do PCTE ante a convocatoria da denominada “folga mundial polo clima” o 27 de setembro.

Tras analizar o manifesto, asinado por máis de 300 organizacións, por medio do cal se convoca o día 27 de setembro a “folga mundial polo clima” en España, o Buró Político do PCTE declara o seguinte:

  • Compartimos a preocupación polo insostible deterioro medioambiental que sufre o noso planeta a todos os niveis, incluíndo o cambio climático de orixe antrópica, e expresamos o noso firme compromiso coa loita pola preservación do planeta e os ecosistemas e para que as futuras xeracións poidan ter unha vida digna nun medio sostible.
  • Esta preocupación levounos a iniciar unha análise da situación ambiental actual, con especial incidencia na cuestión climática, para situar de forma obxectiva e científica cales son as causas, os procesos e as dinámicas ambientais e, especialmente, os métodos máis correctos para abordar a loita para conseguir os obxectivos mencionados anteriormente.
  • O PCTE, que é coñecedor das tradicións e formas de loita da clase obreira e os sectores populares – de quen son os sectores máis castigados polos problemas ambientais en España – considera que denominar “folga” as mobilizacións agora convocadas é unha manobra dirixida a desnaturalizar o sentido e a finalidade duna das ferramentas máis valiosas que posúe a clase obreira para conquistar os seus obxectivos económicos inmediatos e mellorar as súas condicións laborais e de vida.
  • Existe unha feroz campaña política e mediática para promover o que se vén denominando “capitalismo verde”, que consiste en tratar de confundir e enganar a maioría obreira e popular sobre quen son responsables e quen vítimas dos problemas ambientais. Grandes grupos de presión empresariais, mediáticos, ou institucións da Unión Europea pretenden culpar as familias traballadoras polos seus hábitos mentres deixan intactos os intereses de certos sectores do capital monopolista. Ese “capitalismo verde”, nas portas dunha nova crise económica, é a base perfecta –xa o está a ser-  para lexitimar o maior empobrecemento e empeoramento das condicións de vida das familias traballadoras no tocante a alimentación, transporte, ocio, vivenda ou calefacción.
  • O manifesto e a convocatoria do 27-S forman parte desa campaña de promoción do “capitalismo verde” que, malia unha certa retórica anti-establishment, pretende apuntalar o modelo socioeconómico – o capitalismo – que está destruíndo o planeta; posicións que dentro do manifesto se evidencian, entre outras, nas seguintes formulacións:


1.       A reticencia a definir que modelo de produción é o causante dos problemas ambientais que estamos a vivir, desligando así o problema da súa causa e deixando a porta aberta a unha reforma “verde” do capitalismo como posible solución ao problema climático, feito que implicitamente se demostra en todo o texto.

2.       A consideración do modelo de produción e do modelo de consumo como causas ao mesmo nivel do cambio climático, negando de facto a relación causa-efecto entre ambos os dous – ou sexa, o modelo de consumo como consecuencia da necesidade do capitalismo de sacar á venda a súa incesante produción de bens e servizos –. Esta é a base que fai que os ataques cada vez máis agresivos dalgúns sectores do movemento ecoloxista se dirixan, en vez de aos procesos de produción, aos hábitos de consumo da poboación, sobre todo aos sectores máis empobrecidos, e do crecente número de solucións individuais – por tanto ineficaces – formuladas fronte a un problema colectivo – social – de primeira orde.

  • A esixencia de reducir as emisións de CO2 sen esixir ao mesmo tempo todas as medidas necesarias para aumentar o denominado “secuestro de carbono”. Facendo unha analoxía económica, equivalería a reducir gastos sen aumentar ingresos, o cal supón mudar as cousas “a medias” e por extensión xerar unha maior pobreza entre a maioría obreira e popular, dado que este argumento se utiliza cunha preocupante frecuencia para defender plans de desindustrialización que en España xa condenaron comarcas enteiras á ruína máis absoluta e ao despoboamento.
  • Unha concepción do Estado por riba da loita de clases, manifestada de forma recorrente ao longo do texto e que leva a formular como un obxectivo factible, por exemplo, “a reorganización do sistema de produción”. Aquí remitímonos ás palabras de Karl Marx e Friedrich Engels no Manifesto Comunista, cando sinalan que “O Goberno do Estado moderno non é máis ca unha xunta que administra os negocios comúns de toda a clase burguesa”. Dificilmente poden os administradores cuestionar ou reorganizar o sistema de produción dos seus amos ou favorecer a “democratización dos sistemas enerxéticos, alimentarios, de transporte, etc.” controlados polos seus amos. Non se pode pedir a un Estado capitalista que ataque o capitalismo, a súa propia razón de ser.
  • Consideramos que o desenvolvemento sostible, o cal é un obxectivo prioritario para a supervivencia non só do planeta senón do propio ser humano, só pode ser acadado a través da propiedade social dos medios de produción concentrados, a planificación económica e a ordenación dos recursos e do territorio, cuestións que son completamente antagónicas a un capitalismo que cada vez precisa máis recursos e máis baratos para non afogar na miseria que produce. Naturalmente, e do mesmo xeito que noutros ámbitos de loita, poden arrancarse certas melloras -temporais – no seo do capitalismo, pero estas só poden resistir tanto como o capital no necesite prescindir delas. A loita por preservar o planeta non pode desligarse, en tanto que deriva dela, da contradición capital-traballo, e por tanto só pode ter éxito real dentro da loita polo derrocamento do capitalismo e a construción dunha sociedade nova e xusta, sen as ataduras do modelo de produción actual: o socialismo-comunismo.

Todo o mencionado anteriormente obríganos a adoptar unha posición activa en defensa do noso medio ambiente, que é por definición contraria a unha convocatoria de “folga” promovida por sectores capitalistas aos que actualmente lles beneficia unha fachada verde para sacar vantaxe fronte a outros competidores capitalistas. O PCTE non participará nin apoiará de xeito ningún a denominada “folga mundial polo clima” convocada para o 27 de setembro, e seguirá no seu proceso de análise da situación ambiental actual en España para construír, tamén desde o punto de vista ambiental científico, un país para a clase obreira.

Buró Político do PCTE
Madrid, 21 de setembro de 2019

Traducido pola Revista FORXA