A nosa saúde: nin delito, nin negocio


O aborto clandestino, cuxa primeira causa é o medo a perder o traballo, sigue a ser unha das principais causas de morte para as mulleres da nosa clase no noso país e no mundo.

A deterioración do sistema público de saúde en España, a súa escalada cara á privatización, o dereito de obxección sen restricións para os profesionais sanitarios, as trabas burocráticas e o desvío cara as clínicas privadas que está levando a cabo a sanidade pública continúan convertendo a nosa saúde sexual e reprodutiva en negocio para os grandes monopolios da sanidade privada e en inaccesible para moitas mulleres da clase traballadora.

Tanto o dereito á maternidade como á interrupción do embarazo seguen a ser papel mollado para moitas traballadoras, para as migrantes e solicitantes de asilo, para as mozas de extracción obreira e popular.

O exercicio efectivo dos nosos dereitos sexuais e reprodutivos, instaurado nos países socialistas un século atrás, é imposible baixo as condicións do capitalismo.

A saúde reprodutiva é moito máis ca unha liberdade individual: é un dereito social conquistado colectivamente pola clase traballadora na súa loita, como parte do dereito a unha saúde pública gratuíta e universal. O capitalismo está liquidando esa mesma sanidade pública para convertela nun espazo de acumulación de capital. Os redactores da lei burguesa serven eses mesmos intereses privados dos grandes grupos monopolistas.

Queremos a nosa saúde sexual fóra do Código Penal e fóra das clínicas privadas. A nosa saúde non é negocio nin delito!

Loitamos por unha educación sexual e unha información rigorosa na escola, nos centros de saúde, nos nosos barrios e vilas. Polo acceso libre e gratuíto aos métodos anticonceptivos e de planificación, por un estado laico e pola derrogación de toda lei de ensino que impulse a relixión e exclúa a educación sexual da escola pública.

Este 28 de setembro  o Partido Comunista chama as traballadoras e os traballadores a loitar pola plena despenalización do aborto e a inclusión da nosa saúde sexual e reprodutiva na sanidade pública, como parte esencial do Programa de loita das mulleres traballadoras e do conxunto da clase obreira.

Loitemos por un país para as traballadoras e os traballadores: Por un país para a clase obreira!