[25X] Por unha Galiza para a Clase Obreira!



Chegamos ao 25 de Xullo cun inequívoco endurecemento das condicións de vida do pobo traballador galego.

A crise de 2008-2014 operou na Galiza sobre un panorama de desmantelamento dos principais sectores produtivos que foi o prezo a pagar pola entrada nas estruturas da Europa imperialista. Así, este desmantelamento das estruturas produtivas supuxo a liquidación por milleiros de pequenas e medianas explotacións agrogandeiras, a destrución do emprego nas comarcas industriais, a desertización do rural e de comarcas obreiras enteiras, e a emigración forzosa dos nosos mozos e mozas. A saída da crise foi posible para un puñado de grandes empresas a costa de intensificar a explotación e aniquilar os dereitos conquistados ao longo de décadas polo movemento obreiro e popular.

Na mesma dirección, a recuperación económica das grandes empresas capitalistas non se limitou a un aumento brutal da explotación e á perda de dereitos no eido laboral. Tamén supuxo a terciarización da nosa economía, a creación de emprego precario con salarios de miseria, a sobreexplotación, a privatización dos servizos básicos e destrución do sistema público de pensións. A patronal despide e deslocaliza empresas logo de recibir millóns de euros en subsidios públicos: Alcoa, Poligal, Ferroatlántica, etc... A persecución patronal contra sindicalistas e loitas obreiras é parte inseparable desta ofensiva.  

O actual goberno do PSOE, apoiado pola nova socialdemocracia, administra os intereses e negocios dos amos con notable eficacia virándolle as costas aos seus votantes.  Non só non derroga as contrarreformas laborais senón que ameaza cun novo Estatuto dos Traballadores para gañar a confianza da CEOE e xogar o papel que sempre foi o da socialdemocracia: o mellor salvavidas do capital, o que mellor contén o ascenso do descontento social e da loita obreira e popular.

A clase obreira e o conxunto do pobo traballador galego habemos de prepararnos para un novo ciclo de loitas e mobilizacións:  a nosa clase e o noso pobo non poden depositar ningunha confianza nos gobernos capitalistas.

O asoballamento do noso pobo segue a ser unha realidade. A nosa lingua esmorece e perde falantes día a día, á par que avellenta ou é arruinado e expulsado do rural o substrato social que sempre foi o seu mellor soporte. Os gobernos de quenda seguen a lexislar en contra do pobo galego cunha firmeza digna do franquismo. O carácter cada vez máis reaccionario e represor dos Estados capitalistas exprésase en España tamén no endurecemento da represión policial e xudicial contra as expresións políticas independentistas, mesmo daquelas que non cuestionan o capitalismo como sistema. O nacionalismo, produto dunha concepción idealista da historia, prima os elementos simbólicos e a subxectividade sobre a realidade material da loita de clases, e conduce a clase obreira a elixir entre falsos dilemas, eludindo a cuestión principal: que clase social ten o poder. Temos que abordar a loita pola recuperación e avance dos nosos dereitos de clase e nacionais desde a análise materialista da realidade e desde a independencia da clase obreira. A opresión nacional, estreitamente ligada á dominación de clase no sistema capitalista, necesita para ser superada, a construción revolucionaria das bases materiais para unha sociedade libre de todas as formas da explotación e da opresión.

É necesaria a organización da clase obreira e as capas populares para a defensa dos nosos intereses baixo un programa propio, de derrogación de todas as medidas e contrarreformas antiobreiras, nacionalización dos grandes sectores da economía e ruptura coas unións imperialistas. O Partido Comunista dos Traballadores da Galiza saúda o pobo galego traballador con motivo do Día da Patria, e chámao a mobilizarse pola defensa dos nosos intereses e dereitos, camiñando cara á construción do único sistema social no que os dereitos do pobo traballador, así como o exercicio efectivo da soberanía do noso pobo por parte da súa maioría traballadora, serán garantidos: o Socialismo. A experiencia histórica do Socialismo amosou que a unión voluntaria de pobos libres baixo a dirección da clase obreira é a única garantía do exercicio real da autodeterminación e da fraternidade entre pobos e nacións.

Por unha Galiza para a clase obreira!

PCTG