Resolución do Buró Político do PCTE ante as eleccións do 26M



Coñecidos os resultados provisorios das eleccións municipais, europeas e autonómicas en varias CC.AA. celebradas no día de onte, á espera dunha análise máis polo miúdo de todo o ciclo electoral que se realizará nas próximas semanas, o Buró Político do Comité Central do PCTE declara o seguinte:

1)    En primeiro lugar, queremos dar as grazas aos milleiros de persoas que, conscientemente, deron o seu apoio ás nosas candidaturas, así como a todos aqueles compañeiros e compañeiras que, tendo coñecido a militancia do PCTE en loitas obreiras e populares, aceptaron participar nas nosas listas municipais e autonómicas. Expresamos tamén o noso caloroso saúdo aos dous camaradas que foron elixidos concelleiros no municipio de Degaña, en Asturias.

2)  As eleccións de onte supoñen a apertura dun novo ciclo político, que se concreta na consolidación da vella socialdemocracia do PSOE. Este novo ciclo político suporá tamén unha transformación nas organizacións da nova socialdemocracia, xa completamente subordinadas ao PSOE e a Sánchez unha vez que se comprobou a imposibilidade do “sorpasso”.

3)  O período que se abre a partir de hoxe, con todas as opcións enriba da mesa no que respecta a posibles pactos de goberno, vai supoñer novos retrocesos para a maioría obreira e popular, que ademais carece aínda dun Partido Comunista coa suficiente presenza e forza en todo o país. O PCTE aspira a ser ese Partido Comunista, pero aínda queda moito camiño por percorrer e será unicamente mediante o traballo paciente, diario, sistemático e audaz nos centros de traballo, nos barrios e nas loitas obreiras e populares como se irá forxando a ferramenta verdadeiramente útil para a clase obreira do noso país.

4)  Se ben o noso Partido culmina este ciclo electoral máis fortalecido no organizativo e en canto a presenza territorial, e malia termos experimentado un incremento global dos apoios entre abril e maio, os nosos resultados electorais son sumamente modestos e, agás excepcións, irrelevantes no escenario político institucional. Entre outros factores influíu, como non podía ser doutro xeito, que a sigla que utilizamos desde o 3 de marzo é coñecida por sectores moi específicos da clase, mais non pola inmensa maioría de traballadores e traballadoras, que aínda seguen a confiar maioritariamente nalgunha das distintas opcións de xestión capitalista.

5)   Os actuais votos ao PCTE son o noso punto de partida pero, como Partido Comunista que aspira a converter este país capitalista nun país para a clase obreira, o PCTE nin pode nin quere conformarse con chegar só a un sector minúsculo da maioría traballadora, senón que estamos dispostos a dar a batalla en todos os terreos para o fortalecemento partidario no período que agora se abre e no que, goberne a alianza capitalista que goberne en cada institución, a loita de clases seguirá expresándose acotío nos polígonos e nos barrios.

6)   O traballo electoral é unha faceta máis do traballo político do Partido Comunista. É unha faceta moi visible e, por iso, relevante, pero trátase dunha excepción no traballo diario do Partido, que nos permite facer probas e ensaios que logo aplicamos ou non ao noso traballo ideolóxico, político e organizativo. Ao longo deste ciclo electoral fomos tomando nota dos nosos propios erros e deficiencias nestas tarefas, que en moitos casos son froito das nosas propias debilidades e carencias. Todo isto afrontarémolo no próximo período. O PCTE é un partido capaz de aprender da experiencia e de corrixir o que deba ser corrixido, nos prazos e en función dos obxectivos marcados polos nosos plans de traballo e o noso Congreso.

7)   A nosa proposta política é complexa e ten unha profundidade que esixe un traballo sistemático e paciente, aproveitando todas as oportunidades dispoñibles, pero tendo en conta que non existen atallos nin teclas máxicas e que, en última instancia, o traballo electoral debe sempre axudar e servir ao desenvolvemento do proxecto político e organizativo. 

Hoxe podemos dicir que o noso Partido é máis forte que antes destes procesos electorais, estamos máis estendidos territorialmente e temos máis capacidade de intervención e relacións máis estreitas coa clase e o pobo. Pero queremos ir a máis.

Por tanto, agora temos tres obxectivos fundamentais por diante:

Redobrar a loita político-ideolóxica contra a socialdemocracia, levando esa loita aos centros de traballo.

Desenvolver e multiplicar as organizacións do Partido, facendo fincapé no xiro obreiro e os acordos do noso Congreso.

Multiplicar a nosa presenza e influencia ideolóxica entre as masas obreiras e populares a través de todas as vías ao noso alcance, mediante un traballo cada vez máis sistemático e profesional.

Ante este escenario, o Buró Político do PCTE chama o conxunto do movemento obreiro e sindical a prepararse e fortalecerse para un novo ciclo de loitas que debe ser presidido pola consigna de que a nosa clase e o noso pobo non deben albergar ningunha confianza nos gobernos capitalistas.

Madrid, 27 de maio de 2019
Buró Político do CC do PCTE

Traducido pola Revista FORXA