Programa electoral do PCTG por un Vigo para a Clase Obreira



MEDIDAS PARA ARTICULAR AS LOITAS NA NOSA CIDADE

A nosa cidade, non nos pertence. Róubannola día a día os capitalistas, a gran patronal e os seus representantes.
No Partido Comunista, queremos construír un Vigo para a clase obreira.
Un Vigo no que os dereitos e os intereses da maioría traballadora sexan os decisivos.

O Partido Comunista dos Traballadores da Galiza presenta a súa candidatura ás eleccións municipais en Vigo, encabezada por Laura Quintillán,  co obxectivo de dar voz á clase obreira e ao conxunto do pobo traballador defendendo 4 grandes eixos de loita que constitúen unha guía para a acción e a mobilización:
  • Reindustrialización da comarca e emprego con dereitos
  • Defensa e recuperación dos servizos públicos
  • Atención aos barrios e ás necesidades das familias traballadoras
  • Vivenda digna para a clase obreira

Pensamos que é urxente que a clase obreira e o conxunto dos traballadores dispoñan dunha voz que exprese os intereses e as necesidades da maioría traballadora desta cidade. Convidamos as traballadoras e traballadores de Vigo a reforzar as filas do Partido Comunista. A acompañarnos na loita por un Vigo para a clase obreira.

Reindustrialización da comarca e emprego con dereitos:

Vigo e a súa comarca levan anos sendo vítimas dun proceso de desindustrialización baixo os auspicios da Unión Europea, que está a liquidar o sector naval, xunto coa pesca e o agro galegos, deslocalizando industrias e precarizando o mundo do traballo. A clase obreira e o pobo traballador precisan dunha voz que dea forza ás súas reivindicacións e á loita:
  • Pola derrogación das contrarreformas laborais
  • Pola nacionalización da enerxía, a banca e os seguros,
  • Pola expropiación das empresas que deslocalizan a súa produción
  • Pola prohibición das ETT, das mutuas sanitarias e das horas extra inxustificadas
  • Pola semana laboral de 35 horas sen redución de salario
  • Pola xubilación aos 60 anos
  • Polo estrito control da aplicación dos convenios e dereitos laborais
  • Polo cese das subcontratacións en cadea 

Defensa e recuperación dos servizos públicos:

Os sucesivos gobernos municipais non fixeron máis que xestionar en beneficio das grandes empresas e monopolios capitalistas que parasitan os servizos públicos da cidade. Os propietarios de FCC, CESPA, Althenia, Vitrasa, etc, acumulan fortunas a conta dos nosos impostos e empeorando cada día máis as condicións de traballo e salario dos seus traballadores e traballadoras.
  • Pola desprivatización dos servizos públicos municipais e a subrogación do seu persoal nun Ente Público de Servizos Municipais.
  • Por unha sanidade e educación exclusivamente públicas e gratuítas.

 Atención aos barrios e ás necesidades das familias traballadoras:

Os barrios de Vigo, nos que vive a maioría da poboación traballadora, están desatendidos, discriminados fronte aos gastos suntuarios e proxectos faraónicos que se concentran nunha limitada zona privilexiada, na que se favorece o negocio de multinacionais do comercio.
O Partido Comunista loita por unha xusta e proporcionada dotación de servizos aos nosos barrios populares:
  • Queremos a mellora integral do transporte público en frecuencias, dotación e prezos.
  • Queremos unha rede de servizos sociais que cubra as necesidades de todos e todas e sente as bases para a emancipación das mulleres. (Creación dunha rede pública de lavandarías, planchadurías, despachos de comida para levar, comedores públicos, e atención á infancia, ás persoas maiores ou dependentes).
  • Queremos dotacións de ocio, deporte e cultura en cada barrio e a erradicación das casas de apostas.
  • Queremos que se priorice o deporte de base.
  • Queremos o coidado dos nosos montes e atención ao Vigo rural.

Vivenda digna para a clase obreira:

Nesta cidade, na que abundan as vivendas baleiras, temos que padecer uns alugueiros entre os máis caros de España. Centos de familias traballadoras foron expropiadas da súa vivenda por bancos e outras mafias especuladoras. Ducias de persoas viven (e morren) na rúa por falta dun teito. En Vigo, milleiros de familias traballadoras deben elixir entre pagar o seu alugueiro mensual (ou a hipoteca do piso) e quentarse en inverno.

O Partido Comunista loita pola expropiación dos especuladores e a garantía dunha vivenda digna para a clase obreira.
  • Pola expropiación das vivendas actualmente en mans dos bancos e os fondos voitre.
  • Pola conformación dunha bolsa de vivendas públicas en réxime de alugamento, con prezos fixos e regulados, para mozos/as, estudantes, pensionistas, traballadores e traballadoras.
  • Tolerancia cero contra os desafiuzamentos, cortes de luz, auga, gas,  por parte de bancos e compañías eléctricas.
  • IBI gratuíto para primeira vivenda. IBI progresivo a partir da segunda vivenda en propiedade.

 Para dar voz e forza á clase obreira, este 26 de maio. 
Vota Partido Comunista dos Traballadores da Galiza. 
Por un Vigo para a clase obreira.

#VotaPCTG