Partidos Comunistas de toda Europa asinan chamamento de cara ao 26M


Partidos Comunistas de toda Europa asinan conxuntamente un chamamento de cara ao 26M
Consideran que a UE “non pode reformarse nun sentido favorábel aos pobos”

Ata 36 Partidos Comunistas e Obreiros de Europa, subscribiron un documento conxunto de cara ás eleccións europeas do próximo 26 de maio baixo o título "Polo fortalecemento da loita obreira e popular, contra a explotación capitalista e a Unión Europea. Por unha Europa dos pobos, do socialismo".

Varios dos partidos asinantes concorren ás próximas eleccións, en países como Grecia (onde na actualidade o Partido Comunista de Grecia conta con dous eurodeputados), Letonia, Italia, Suecia, Irlanda, Croacia, Hungría ou España, onde o único partido que subscribe o documento é o Partido Comunista dos Traballadores de España (PCTE). Asinan a declaración tamén varios partidos de países que non forman parte da UE como Rusia, Xeorxia ou Turquía.

No chamamento, os partidos comunistas consideran que a UE "foi e segue a ser unha ferramenta do gran capital europeo para aumentar os seus beneficios" polo que "nin serve nin pode servir ás necesidades do pobo traballador".

Igualmente, sinalan que "as esperanzas de que a UE pode reformarse nun sentido favorábel aos pobos demostraron ser inútiles" e que son infundadas as esperanzas e as propostas de "democratización"  que se escoitaron a determinados líderes políticos.

Por todo iso, realizan un chamamento a apoiar aos partidos asinantes que concorren ás Eleccións Europeas e a "multiplicar as loitas contra a Unión Europea, a fortalecer a resistencia contra o ataque do capital e a defender a desvinculación dos países coa UE e a OTAN"


Nota de prensa PCTE, 9 de maio
Tradución Revista FORXA