A UE sacrificou o tecido industrial no altar do turismo


Estrella Alonso, candidata ao Parlamento Europeo polo Partido Comunista dos Traballadores de España (PCTE) indicou en rolda de prensa que “se houbo un inimigo principal da industria española, foi a Unión Europea”.

A candidata do PCTE lembrou que “a brutal reconversión dos anos 80, dirixida polo PSOE e que terminou con boa parte da industria pesada do noso país, foi unha das condicións innegociábeis para a entrada de España na Comunidade Económica Europea en 1986, como chegou a recoñecer Carlos Solchaga, ministro do ramo naquela época”.

Alonso lembra que, “de non ser por a entrada na CEE, hoxe UE, talvez non estariamos a falar da desaparición de ENSIDESA, dos Altos Fornos de Biscaia ou Sagunto, dos estaleiros de Naval Xixón, Euskalduna ou de Ferrol, ou da transformación de HUNOSA en non se sabe moi ben que”.

“Foron centos de miles de postos de traballo os que se destruíron, rexións e comarcas enteiras as que foron condenadas a unha morte lenta e á saída masiva de poboación porque o único que interesa á UE e aos gobernos españois é que España siga sendo un destino turístico mundial”, indica a candidata comunista, que engade tallante: “está claro que a UE quere que España sexa un país para turistas e non para traballadores con boas condicións laborais”.

A candidata refírese especificamente á cuestión da minería do carbón: “vendeuse o discurso verde que impulsan as institucións da Unión Europea, e que beneficia especificamente a certas grandes empresas enerxéticas, e iso supón condenar ao noso país á dependencia enerxética, cando podería ser soberano nesta materia. Pero para ser soberanos neste terreo fai falta cumprir co que expomos os comunistas: política enerxética planificada, nacionalización do sector e ruptura coa UE que nega estas posibilidades”.

A aposta pola recuperación da soberanía no terreo enerxético “e en todos os demais”, apunta Alonso, é un “dos acenos de identidade da proposta do PCTE”, que expón “unha ruptura coa UE e o Euro que non é o Brexit, que non é en chave capitalista, senón en chave de toma do poder pola maioría traballadora do noso país” e que será posible “cun Partido Comunista forte, cun Partido que defenda os intereses da maioría traballadora”.
Fonte: PCTE, 17 de maio
Traducido ao galego pola Revista FORXA