A UE fomenta a cultura como mercadoría


Eduardo Corrales, candidato ao Parlamento Europeo polo Partido Comunista dos Traballadores de España (PCTE) declarou á prensa que “a UE promove unha cultura mercantilizada, co único fin de dotar de beneficios económicos aos monopolios europeos”.

Corrales, que é Secretario de Comunicación do PCTE, explica que “a UE, na súa Axenda Europea para a Cultura, deixa claro que a promoción cultural se expón como un axente económico e catalizador do crecemento, o emprego, a innovación e a competitividade”. En palabras do candidato comunista, a propia Unión expresa abertamente os seus fins con respecto ao valor que para ela teñen a cultura e a ciencia.

A este respecto sinala que “o programa marco de investigación e innovación da Unión Europea, Horizonte Europa, conta cun orzamento totalmente insuficiente (100.000 millóns de euros para todos os países membros), de modo que abre a porta á entrada masiva de capital privado”.

O candidato comunista apunta tamén que “o proxecto Nube Europea da Ciencia oriéntase para favorecer o I+D+i dos monopolios, non para que os datos científicos sexan un ben público de acceso universal”. E arremeteu, así mesmo, contra o sistema de Capitais Europeas, porque afirma: “a UE utiliza o nomeamento de Capitais Europeas da Cultura de acordo a intereses empresariais, especialmente do sector turístico, que fomentan a competitividade e o chovinismo entre os diferentes pobos de Europa”.

Así pois, Corrales insistiu en romper coa Unión Europea, “como única saída para alcanzar, máis pronto que tarde, unha verdadeira cultura e ciencia libres de intereses empresariais, verdadeiramente dirixidas ao desenvolvemento artístico, cultural e social dos pobos e traballadores de Europa”.

Fonte: PCTE, 22 de maio
Traducido pola Revista FORXA