A UE favorece unha maior explotación da mocidade traballadora



Javier Martín, candidato ao Parlamento Europeo polo Partido Comunista dos Traballadores de España (PCTE) realizou unhas declaracións á prensa nas que afirmou que “a mocidade traballadora dos distintos países europeos ve a súa vida empeorar día tras día, ve os seus soños rotos polas políticas antiobreiras da UE e os seus gobernos, e é hora de dicir basta”.

Martín, Secretario Xeral dos Colectivos da Mocidade Comunistas (CJC)*, denuncia que “a clase obreira vese continuamente atacada polas políticas capitalistas da UE, así que a mocidade de extracción obreira e popular enfróntase a un futuro moi negro, sen dereitos, sen estabilidade, con salarios de miseria e condicións laborais pésimas”.

En materia laboral, por exemplo “a UE é a impulsora do Sistema de Garantía Xuvenil, que aquí agora se chama “plan de choque polo emprego novo”, cuxo principal obxectivo é “mellorar a produtividade empresarial”, algo que pretenden conseguir ofrecéndonos peores soldos e condicións de traballo”.
“Basta con preguntar a calquera mozo traballador para saber de primeira man que é a precariedade, que é encadear contratos temporais, que é non poder independizarse do fogar familiar, non poder ter un proxecto autónomo de vida” indica, e sinala que “a UE non é algo tan afastado como algúns pensan, os seus efectos contra a mocidade vense a diario: ao ser unha ferramenta para beneficio dos capitalistas, baséase na nosa maior explotación, en todos os sentidos”.

Martín insiste en que se demostrou que as liberdades da UE son as liberdades dos grupos empresariais para maximizar os seus beneficios, incrementando e diversificando aínda máis a explotación dos traballadores. Se á UE preocúpalle a mocidade é para ter unha forza de traballo aínda máis barata para as grandes empresas, sen dereitos laborais, cobertura legal nin dereitos sociais; unha forza de traballo que mesmo se irá trasladando de país en país “voluntariamente”, segundo os criterios de rendibilidade empresarial.”

En materia educativa, “é a UE quen impulsou o Plan Bolonia, a Estratexia 2020 e todas as demais medidas que abriron a porta á privatización e mercantilización da educación, algo especialmente visible na Universidade, onde as taxas incrementáronse exponencialmente, pero que se está estendendo a todos os niveis”. Denuncia que “a UE promove uns sistemas educativos que beneficien ás empresas, que lles ofrezan a man de obra que necesitan. A escola que quere a UE é a escola para os patróns, non para os traballadores”.

Finaliza anunciando que “25 organizacións xuvenís comunistas de toda Europa realizamos un chamamento no que pedimos que se apoie aos partidos que, como o PCTE, teñen unha postura clara contra a UE dos monopolios e da guerra”.

Fonte: PCTE, 16 de maio
Traducido pola Revista FORXA

* En Galiza: CMC