A UE e a OTAN son perigosas para os pobos

O Partido Comunista considera que para defender a paz hai que rachar coa UE e a OTAN.
Ambas alianzas son agresivas e perigosas para os pobos.


O Partido Comunista dos Traballadores de España (PCTE)*, que participa nas Eleccións Europeas do 26 de maio co obxectivo de "rachar coa Unión Europea e co Euro", denuncia que "a UE é o terceiro exportador de armas do mundo" que utiliza múltiples medios "para tentar impor a súa axenda política e económica a países soberanos como Siria ou Venezuela", en palabras de Marina Gómez, número 2 ao Parlamento Europeo.

Para Gómez, "a UE non é ningún espazo político e económico idílico, senón unha agresiva alianza imperialista de Estados que non ten reparos en desestabilizar países ou rexións enteiras como o Norte de África ou o Mediterráneo Oriental se iso beneficia aos seus intereses xeopolíticos".

Sinala a candidata comunista que "a crise de refuxiados que se viviu e se vive no Mediterráneo é responsabilidade da UE polas súas políticas de rapina e saqueo, polas súas manobras para facerse co control dos recursos enerxéticos e as rutas de transporte da conca mediterránea".  Ao desestabilizarse países enteiros como Siria ou Libia, a consecuencia é "un fluxo enorme de persoas que tentan fuxir da destrución dos seus países e que, en Europa, son utilizados como carne de canón polos modernos escravistas europeos, que ademais buscan enfrontar a uns traballadores con outros e promoven o racismo e o chovinismo". "Abonda ver a campaña sen sentido sobre as axudas ficticias que reciben os refuxiados e inmigrantes en España", engade a dirixente do PCTE.  Ademais, Gómez engade que "a UE vai da man da OTAN, que é a ferramenta imperialista máis perigosa para a paz mundial, que fomenta manobras militares nas fronteiras europeas, que provoca constantemente a outras potencias como Rusia;  por iso, para defender a paz hai que rachar coa UE, pero tamén coa OTAN, de forma unilateral e inmediata, clausurando ademais todas as bases militares estranxeiras en España".

A candidata comunista finaliza indicando que "encherse a boca de palabras como paz, de relacións internacionais xustas, colaboración entre países, mentres se venden armas a medio mundo e se fomenta a desestabilización de países soberanos, ou mentres se segue a participar desa alianza asasina que é a OTAN, é outra proba máis da terrible fraude e engano que é a Unión Europea".

Nota de prensa PCTE, 11 de maio
Tradución Revista FORXA

*En Galiza: Partido Comunista dos Traballadores da Galiza (PCTG)