A UE é incompatíbel co avance dos dereitos dos traballadores


Severino Menéndez, candidato ao Parlamento Europeo polo Partido Comunista dos Traballadores de España (PCTE) declarou á prensa que “A UE harmonizou á baixa os nosos dereitos laborais, é un mecanismo incompatíbel co avance dos dereitos dos traballadores”.

Menéndez, que é Secretario de Movemento Obreiro e Sindical do PCTE, explica que “é incontestábel que os dereitos individuais e colectivos da clase obreira foron retrocedendo desde que entramos na UE” e iso porque se aplica sistematicamente unha política baseada no que chaman “flexiseguridade”, que non é outra cousa que a flexibilización máxima das condicións laborais, que beneficia en exclusiva aos empresarios e aumenta a explotación dos traballadores e traballadoras”.

Continúa sinalando que “a UE impulsa constantes reformas laborais que implican unha cada vez maior temporalidade, precariedade e promoven o uso de figuras fraudulentas como os falsos autónomos”.

Menéndez apunta que “os capitalistas necesitan traballadores que poidan contratar e despedir facilmente, baratos, que non protesten, submisos. Iso estano conseguindo mediante sucesivos ataques non só aos nosos dereitos laborais individuais, senón tamén atacando ao sindicalismo e criminalizando a loita obreira”. Por iso, afirma tallante que “aos capitalistas vénlles moi ben a UE, á patronal benefícialle estar na UE, aos traballadores non”.

O candidato comunista insiste en que “hai que fixarse en como evolucionou a situación para os traballadores e traballadoras desde que España entrou no que hoxe é a UE: esixíronsenos sacrificios constantemente, atrasóusenos a idade de xubilación, ponse en risco pensións e servizos públicos, esíxense constantes desregulacións, promóvese unha “mobilidade” que unicamente pretende abaratar custos ás empresas”. 

“Cos datos na man, na UE hai 16,6 millóns de desempregados; a subocupación expándese sen cesar, alcanzando o 21% do total ou en cifras un total de 43 millóns; quen viven en ou por baixo do limiar da pobreza son máis de 110 millóns; menoscabouse o futuro da mocidade… seica non hai razóns suficientes para loitar frontalmente contra a alianza de Estados que xera esta situación?”, pregúntase Menéndez.

Finaliza o candidato sinalando que “a UE non serve aos traballadores, a UE serve á clase capitalista, aos intereses dos monopolios, á concentración e centralización de capital, por iso hai que romper con ela e construír un país para os traballadores, non para os capitalistas. O país para a clase obreira que propón o PCTE”.

Fonte: PCTE, 20 de maio
Traducido pola Revista FORXA