O Secretario
Xeral da formación, Ástor García, encabeza a lista
O PCTE participa nas Eleccións Europeas do 26 de maio co obxectivo de “romper coa Unión Europea e co Euro”, segundo declaracións do seu Secretario Xeral, Ástor García, que encabeza a lista europea da formación.
Segundo o
candidato comunista, “a UE é, ante todo, unha unión de Estados capitalistas,
que pensa no interese dos capitalistas, e na que se deseñan gran parte das
políticas que logo se nos impoñen en cada país”. Como exemplo, cita que “só hai
que ver o que pasou en España coa política industrial e enerxética, coa
agricultura e coa pesca, destruíuse o noso tecido produtivo, o noso emprego,
empeoráronse as condicións de vida e traballo en beneficio exclusivo das
grandes empresas”.
García lembrou
que “a UE existe, fundamentalmente, para xerar un mercado único e de gran
tamaño que permite aos grandes capitalistas europeos competir en mellores
condicións contra os capitalistas norteamericanos, chineses, rusos, xaponeses
ou de calquera outra potencia capitalista” e que, “mentres di promover uns
valores de paz, progreso e xustiza social, o único que ofrece realmente é máis
explotación e máis beneficios para as grandes empresas”.
O Secretario
Xeral do PCTE expresou tamén a súa “preocupación polo feito de que a UE,
ademais de atacar os dereitos laborais e sociais da maioría traballadora, estea
a fomentar unha campaña anticomunista que, a día de hoxe, implica que en polo
menos en 6 países da UE non se poidan usar símbolos comunistas como a fouce e o
martelo ou a estrela vermella”.
Finalmente, o
dirixente comunista sinalou que “a ruptura que nós expomos non ten nada que ver
co Brexit, que tan só beneficia a unha parte dos capitalistas británicos. Os
comunistas non estamos dispostos a supeditarnos a ningunha sección da clase
capitalista. A loita pola ruptura coa UE debe ir unida á loita por un país para
a clase obreira. Pois só coa clase obreira no poder é posible romper coa UE, o
Euro e a OTAN en beneficio dos traballadores e traballadoras”.
Nota de prensa PCTE, 10 de maio
Tradución Revista FORXA