60 poderosas razóns para saír da Unión Europea, o Euro e a OTAN


Rompamos coa UE, o Euro e a OTAN
Por un país para a clase obreira

Nestas Eleccións Europeas ningún dos partidos parlamentarios se opón á Unión Europea. Durante a campaña limítanse a ofrecerse como os mellores “representantes de España” diante de Europa, cando en realidade ao que aspiran é a representar aos capitalistas. Porque a UE é ante todo unha unión de Estados capitalistas, á que os monopolios dos diferentes países envían os seus representantes.

As e os comunistas opómonos a esa unión de Estados capitalistas, na que se deseñan gran parte das políticas que despois nos impoñen en cada país. Así sucedeu coa política industrial e enerxética, coa agricultura e coa pesca, destruíndo o noso tecido produtivo, o noso emprego, condicións de vida e de traballo en beneficio exclusivo das grandes empresas. O desenvolvemento industrial e a soberanía enerxética do noso país son imposíbeis na UE.

As políticas de contención do déficit están afogando a educación, a sanidade, etc., que sofren importantes recortes. Para iso o PSOE e o PP reformaron o artigo 135 da Constitución durante o goberno de Zapatero. Frear a degradación e a progresiva privatización dos servizos públicos é imposíbel na UE.

A UE harmonizou á baixa os nosos dereitos laborais. A flexibilidade é un eufemismo para explotarnos da forma más eficaz. Necesitan traballadores á carta, o que esixe terminar cos nosos dereitos individuais e colectivos. Necesitan traballadores que poidan contratar e despedir de xeito doado, baratos, que non protesten, submisos. A UE é incompatíbel co avance dos dereitos dos traballadores e traballadoras.

A UE é un polo imperialista agresivo, dirixido a garantir a exportación de capitais e a estender as áreas de influencia dos monopolios europeos, entrando en contradición con outras potencias, o que  sitúa a humanidade diante do grave risco dunha guerra imperialista xeneralizada. Para iso están impulsando o Euroexército, aumentan os gastos militares e interveñen militarmente nun número crecente de países. A UE é incompatíbel coa paz mundial e coa solidariedade entre os pobos.

A UE é unha unión criminal, como a OTAN. Tras apoiar a distintos grupos terroristas para desestabilizar países como Libia, Siria ou Ucraína e saquear os seus recursos, practican unha política racista e xenocida cos refuxiados vítimas das guerras que ela mesma provocou, sendo directamente responsable dos case 20.000 mortos que xacen no fondo do Mediterráneo.

Nun famoso documento, a Comisión Europea esgrimiu “60 poderosas razóns para a Unión Europea”. Nós presentámosche 60 razóns para a ruptura unilateral coa UE, o Euro e a OTAN, pero hai moitas más.

Non nos estamos referindo a un Brexit, que tan só beneficia a unha parte dos burgueses británicos. As e os comunistas non estamos dispostos a supeditarnos a ningunha sección da clase capitalista. A loita pola ruptura coa UE debe ir unida á loita por un país para a clase obreira. Pois só coa clase obreira no poder é posíbel romper coa UE, o Euro e a OTAN en beneficio dos traballadores e traballadoras.

Non queremos representar aos capitalistas españois diante da UE, queremos terminar coa UE e cos capitalistas españois. Iso votaremos o próximo 26 de maio.


A Unión Europea é unha ferramenta do gran capital
1.    A Unión Europea é, ante todo, unha unión de Estados capitalistas, na que se deseñan gran parte das políticas que despois nos impoñen en cada país os Gobernos de quenda.
2.    O motor da unificación capitalista europea son os intereses dos monopolios, do gran capital. A UE ten as características dun bloque económico, político e militar imperialista, contrario aos intereses da clase obreira e dos sectores populares. 
3.    A Unión Europea existe, fundamentalmente, para xerar un mercado único e de gran tamaño, que concentra e centraliza o capital para permitir aos monopolios europeos  competir nas mellores condicións posibles contra os monopolios norteamericanos, chineses, rusos, xaponeses ou de calquera outra potencia capitalista.
4.    A Unión Europea fomenta a falsa ilusión de que existen uns valores “europeos” baseados na paz, o progreso e a liberdade. Pero as principais potencias da UE son as mesmas que causaron as dúas guerras mundiais, de marcado carácter imperialista e que resultaron en decenas de millóns de vítimas mortais.
5.    A Unión Europea tolera e branquea o nazi-fascismo e alíase cos seus herdeiros en países como Ucraína.
6.    A Unión Europea equipara nazismo con comunismo, esquecendo que foi precisamente a Unión Soviética quen asestou o golpe mortal ao nazi-fascismo. A campaña anticomunista amparada polas institucións da UE supón que varios partidos comunistas sexan ilegais en países da UE, estean en proceso de ilegalización ou non poidan utilizar a simboloxía comunista (Letonia, República Checa, Hungría, Polonia, Lituania, Bulgaria.)
7.    A Unión Europea di defender unha “economía social de mercado”. Usar estes termos ou outros eufemismos para referirse ao sistema económico realmente existente é só un intento de maquillar a realidade e contrapor un suposto capitalismo bo a outro de carácter malvado. Trata de afastar a necesaria crítica do sistema capitalista dirixíndoa cara ao mercado e por tanto levándoa cara a un calello sen saída.
Ao favorecer ao gran capital, a Unión Europea atenta contra a maioría traballadora
8.    A Unión Europea desregula nosas condicións de traballo. Baixo o pretexto de terminar coa “dualidade no mercado de traballo”, e de aplicar unha política baseada na chamada “flexiseguridade”, impulsa constantes reformas do mercado laboral para beneficiar en exclusiva aos empresarios e aumentar nosa explotación. A UE promove a temporalidade, a precariedade e figuras como a dos falsos autónomos.
9.    Baixo a escusa da “harmonización”, os dereitos laborais e sindicais retrocederon en todos os países da UE. Dende a súa creación, no marco da Unión Europea harmonizáronse á baixa os dereitos laborais e sindicais da clase obreira. Todas as reformas laborais adoptadas en España baseáronse nas directrices contidas nas directivas comunitarias.
10.  Na Unión Europea son explotados más de 22 millóns de traballadores e traballadoras de terceiros países, que contan cunhas peores condicións laborais. A política migratoria da UE diríxese única e exclusivamente a procurar man de obra barata aos empresarios.
11.  A UE fai posible que as empresas poidan explotar forza de traballo con contratos precarios, como os chamados “contratos a demanda”, usados polas plataformas dixitais. Más de 5 millóns de traballadores teñen este tipo de contratos ultraprecarios na UE. As empresas desprazan temporalmente a traballadores duns países a outros para empeorar as condicións laborais.
12.  O Tribunal de Xustiza da UE declarou legal que os traballadores e traballadoras interinos españois non perciban indemnización algunha ao finalizar o seu contrato de traballo.
13. O TXUE declarou tamén que é perfectamente legal que nun despedimento colectivo os traballadores temporais cobren unha indemnización menor á do resto do persoal.
 A Unión Europea ampara a maior explotación da mocidade traballadora 
14.  A UE é impulsora do Sistema de Garantía Xuvenil que, en España, se traduce no Plan de Choque polo Emprego Novo 2019-2021, cuxo principal obxectivo é “mellorar a produtividade empresarial”.
15.  A UE potencia os contratos formativos que consagran a dobre escala salarial e a precariedade laboral xuvenil.
16.  A UE fomenta a Formación Profesional Dual, que supón a cesión de man de obra nova e moi barata ás empresas a través do sistema educativo.
17.  A UE ofrece un servizo de voluntariado, o Corpo Europeo de Solidariedade, destinado a xerar unha obra de man desregularizada que suplante postos de traballo.
  
A Unión Europea é unha agresiva alianza imperialista de Estados que recorta liberdades e dereitos

18.  A UE, baixo a escusa da loita contra o terrorismo, implanta sistemas de control da poboación e recorte de liberdades e dereitos.
19.  A pertenza á OTAN foi unha das condicións non escritas para que tanto España como outros países puidesen ser admitidos. A OTAN fomenta manobras militares nas fronteiras exteriores que estiveron a piques de desembocar en confrontacións bélicas abertas.
20.  As fronteiras seguen existindo para os traballadores na UE. O Espazo Schengen garante unicamente a seguridade dos monopolios, que regulan a “libre circulación” en función dos seus diferentes intereses nacionais.
21.  A UE é o terceiro produtor e exportador de armas do mundo. A súa acción cara ao exterior baséase na rapina e o saqueo.
22.  A UE provocou a guerra en Siria, apoiando a grupos terroristas do islamismo radical que desangraron o país durante máis de 8 a anos, e facilitou a desestabilización do Mediterráneo Oriental, o Norte de África e Oriente Medio.
23.  A UE apoiou o golpe de estado en Ucraína que facilitou un crecemento alarmante do fascismo neste país e arruinou a súa economía. En territorio da UE realizáronse adestramentos militares a grupos nazis que combaten no Leste de Ucraína.
24.  A UE e a OTAN provocaron a guerra de Libia para protexer os intereses dos monopolios europeos do petróleo e o gas. Libia pasou de ser o país máis rico de África a ser un país devastado onde imperan os mercados de escravos.

A UE é culpábel da crise mundial dos refuxiados

25.  A UE é responsábel da crise de refuxiados ao provocar a desestabilización de países enteiros. Tras provocar a miseria en África e Oriente Medio, a UE bloquea a fuxida dos damnificados.
26.  A UE asinou un criminal acordo con Turquía para que este país impida, a cambio de millóns de euros dos nosos impostos, o paso de refuxiados sirios. Millóns de sirios malviven en Turquía baixo condicións de tremenda explotación. Os menos traballan nas fábricas téxtiles de empresas españolas como Inditex ou Mango, sen regulación. Unha vez máis, das condicións de miseria do pobo, os capitalistas europeos e turcos sacan tallada.
27.  A UE está levando unha política criminal no mar Mediterráneo, dificultando por todas as vías o salvamento marítimo de seres humanos. Hoxe o Mediterráneo é un dos maiores cemiterios do mundo e a UE é o seu sepultureiro. Son preto de 18.000 persoas as que xa morreron no Mediterráneo dende 2014.
28.  A resposta da UE á entrada de refuxiados nos seus países foi a potenciación das políticas racistas baseadas no endurecemento de condicións de asilo e o aumento da burocracia e tempos de resposta.
O Euro é un dos seus principais instrumentos contra os traballadores e a soberanía
29.  O Euro non é ningún instrumento de converxencia nos niveis de desenvolvemento social dos países da UE, senón que serviu para xerar unha pérdida substancial de soberanía económica e un desplome do poder adquisitivo dos traballadores e traballadoras.
30.  Dende a entrada de España no Euro (xaneiro de 2002), os prezos aumentaron de media un 40%, mentres que os salarios aumentaron de media un 28%. Para entendernos: un café custa 2 veces máis que entón, unha barra de pan custa 3 veces máis e un quilo de tomates custa 4 veces máis.
31.  A presenza de España no sistema Euro foi a orixe do cambio do artigo 135 da Constitución para situar como prioritario o pago da débeda.
32.  No sistema Euro, a emisión de débeda faise en condicións individuais por cada país, pero devólvese ao nivel da economía media do sistema, o que beneficia ás principais potencias como Alemaña ou Francia.
33.  O Pacto de Estabilidade e Crecemento supón unha constante ameaza para os servizos públicos como a sanidade ou a educación, ao establecer importantes limitacións á capacidade de endebedamento do Estado.
34.  A chamada “Gobernanza económica reforzada” supón o fin completo da soberanía económica dos países que forman parte da UE. Supón un reforzamento e vixilancia superior sobre os orzamentos dos distintos países. Non supoñen unha salvagarda fronte a estalidos de crises, senón un mecanismo de submisión dos países máis débiles aos máis fortes.
35. A chamada “Unión Bancaria” non é ningún mecanismo para evitar a quebra de bancos no futuro, senón para favorecer a concentración do capital bancario en cada vez menos mans.
A Unión Europea quere uns servizos públicos sometidos ao capital privado

36. A UE promove a entrada sistemática de capital privado nos servizos públicos de sanidade, educación e servizos sociais.

37. Cando se fala de “lograr obxectivos de servizo público nos mercados abertos e competitivos” búscase someter a prestación de servizos públicos ás necesidades e criterios do mercado capitalista. A UE impide o desenvolvemento dos servizos públicos se chocan coa “libre competencia”.

38.  A UE fomenta a aparición e crecemento dos plans de pensións privados en detrimento dos sistemas públicos de pensións. Recentemente o Parlamento Europeo aprobou o “produto paneuropeo de pensións individuais”, é dicir, pensións privadas con capacidade de traslado a outros países UE e cuxo obxectivo principal é aumentar os investimentos nos mercados de capitais.
39.  En toda a UE consolídase o copago sanitario xeneralizado, o que supón que amplos sectores obreiros e populares poderían quedar fóra do sistema por imposibilidade de facer fronte a estes pagos.
40. A UE promove o Plan Bolonia e o Marco Estratéxico de Formación e Educación 2020 (ET2020) que están supondo un empeoramento da calidade educativa e unha acelerada privatización e mercantilización da educación a todos os niveis.

 A Unión Europea non é, nin pode ser, democrática

41. A UE é un dos espazos políticos do mundo menos democráticos, mesmo desde o parámetros das propias democracias burguesas. A Comisión Europea é o verdadeiro órgano de poder na UE, que non é elixido polos cidadáns senón polos Gobernos, e que responde diante destes, non diante dos pobos.

42. No Parlamento Europeo e noutras institucións da UE, actúan más de 20.000 lobbistas representando as grandes empresas. Ningunha decisión seria tómase sen contar con eles. Estes lobbies contan con orzamentos millonarios e o seu obxectivo confesado é gañar as vontades de altos políticos e funcionarios da UE para facer avanzar os intereses que representan.

43. O lobby con máis poder na UE é a chamada European Round Table of Industrialists, integrada polas 55 maiores empresas dos países membros. Nela reside o verdadeiro poder da Unión Europea.

44. Os capitalistas españois están representados na European Round Table of Industrialists polos presidentes de Telefónica, Iberdrola, Inditex e Ferrovial.

45.  A Unión Europea é, sobre todo, unha unión de capitalistas que defenden o seu mercado e os seus beneficios. Por tanto non é estraño que facilite a existencia de paraísos fiscais dentro das súas fronteiras, como sucede con Irlanda, Países Baixos, Luxemburgo, Chipre ou Malta.

A Unión Europea é unha das principais promotoras dos acordos de libre comercio
46.  Acordos como o CETA (con Canadá) ou o TTIP (por agora paralizado) abren a porta á absoluta desregulación de sectores económicos enteiros, á súa entrega a monopolios americanos e europeos, e ao empeoramento das condicións laborais dos traballadores de América e Europa.
47.  A UE impón monocultivos que atacan a biodiversidade e hipotecan o futuro ecolóxico de vastas zonas do planeta.
48.  A UE promociona o desenvolvemento e agrupación de monopolios europeos, presionando a gobernos de Asia, África e América para que consintan a explotación dos seus recursos naturais en condicións laborais de miseria e cun alto grao de sinistralidade laboral e impacto ecolóxico.
49.  A Comisión Europea favoreceu a fusión Bayer-Monsanto, así como a entrada de grandes monopolios estranxeiros en servizos económicos estratéxicos.
50.  O Tratado de Libre Comercio con Canadá consagra sistemas de arbitraxe privados que somete aos Estados ao capital privado.

A Unión Europea destrúe a nosa agricultura e gandería, a nosa pesca e a nosa industria
51.  A entrada na UE supuxo reducir drasticamente o sector lácteo para converter a España en destino do excedente leiteiro dos países do centro e norte de Europa.
52.  A entrada na UE fomentou o incremento do tamaño medio das explotacións agrícolas, coa consecuente concentración de terra en menos mans e a expulsión de centos de miles de persoas do medio rural.
53.  A entrada na UE destruíu o sector pesqueiro español. Antes de 1986, España dispoñía de 22.300 barcos con licenza para pescar. Hoxe son 9.200 embarcacións, un 58% menos.
54.  A entrada na UE esixiu o desmantelamento de boa parte do sector industrial español: siderurxia, estaleiros, minería. E a súa substitución polo sector hostaleiro. A UE fomenta que España sexa un país para turistas, non para traballadores.

55.  Mentres a demanda de carbón aumenta no mundo, Europa pecha as minas españolas pero permite que se abran en Reino Unido mentres se consumen miles de toneladas de carbón de Rusia, Colombia e Indonesia.
56. Os “fondos europeos” utilizáronse e utilízanse para maquillar o brutal desmantelamento industrial, agrícola, pesqueiro e gandeiro sen ofrecer ningún beneficio real e duradeiro para os traballadores e traballadoras.

A UE fomenta a cultura como mercadoría

57. O programa marco de investigación e innovación da Unión Europea, Horizonte Europa, conta cun orzamento totalmente insuficiente (100.000 millóns de euros para todos os países membros), de modo que abre a porta á entrada masiva de capital privado.

58. O proxecto Nube Europea da Ciencia oriéntase para favorecer o I+D+i dos monopolios, non para que os datos científicos sexan un ben público de acceso universal, en cuxo desenvolvemento e xestión haberían ter un papel determinante os 1,7 millóns de investigadores e os 70 millóns de profesionais que traballan en sectores asociados á ciencia e a tecnoloxía en Europa.

59. A UE promove unha cultura mercantilizada. Na súa Axenda Europea para a Cultura, a promoción cultural exponse “como un axente económico e catalizador do crecemento, o emprego, a innovación e a competitividade”.

60.  A UE utiliza o nomeamento de Capitais Europeas da Cultura de acordo a intereses empresariais, especialmente do sector turístico, que fomentan a competitividade e o chovinismo entre os diferentes pobos de Europa.
Rompamos coa UE, o Euro e a OTAN
Por un país para a clase obreira
#VotaPCTG