Programa electoral do PCTG para o 28A: “Por un país para a clase obreira”

O noso lema principal é que queremos construír un país para a clase obreira. Isto significa que aspiramos a un país no que sexan os dereitos e os intereses da maioría traballadora os que se teñan en conta á hora de tomar as decisións políticas, económicas e sociais.

Até agora, todas as decisións importantes tomáronse para defender e promover intereses que son alleos a esa maioría traballadora á que, como Partido Comunista, nos diriximos exclusivamente no noso traballo diario e tamén durante as campañas electorais.

Cando se reformou o Estatuto dos Traballadores, foi para abaratar o noso despedimento ou para facilitar os Expedientes de Regulación de Emprego.

Cando se reformaron as pensións, foi para obrigarnos a traballar máis anos e cobrar menos pensión.

Cando se reformaron a sanidade ou a educación, foi para permitir a entrada masiva das empresas privadas na xestión e prestación deses servizos esenciais.

Cando se tentou paralizar a suba de prezos no alugamento de vivenda, terminouse por legalizar a ocupación mercantil dos nosos barrios históricos.

Isto son só algúns exemplos que deixan claro que non podemos seguir así. O noso país non nos pertence, róubannolo día a día os capitalistas, os empresarios e os seus representantes que, ademais, queren que nos pelexemos entre nós para evitar que nos deamos conta de que a nosa unión é a súa derrota.

Os e as comunistas pensamos que, para ter un país para a clase obreira, un país que sexa verdadeiramente noso, fai falta dar moitos pasos. Pero para dar grandes saltos primeiro hai que andar, hai que empezar por algunha parte.

Os e as comunistas pensamos que, agora, o esencial son tres cousas: recuperar a industria, defender os servizos públicos e ter un país verdadeiramente soberano.

Estes tres obxectivos son necesarios, ineludibles, pero deben ir acompañados necesariamente, do desenvolvemento do poder obreiro. Porque nós non aspiramos a entregar o país a outros capitalistas, a desenvolver outro capitalismo distinto, senón a terminar co capitalismo. Queremos construír un país socialista, que é o único país que pode ser da clase obreira.

Hoxe, xa, neste mesmo momento, propomos unha serie de medidas para artellar a loita obreira e popular coa mirada posta no derrocamento do capitalismo. Sabemos que non as aprobará o parlamento capitalista, pero nós ímolas defender igual, na rúa e nas institucións. Son a nosa guía de acción, a nosa proposta inmediata á nosa clase e ao noso pobo.

  1. Queremos o pleno emprego e condicións de traballo dignas en todos os sectores.
  2. Queremos unha industria que garanta a soberanía industrial e enerxética do país.
  3. Queremos unha sanidade e unha educación universais, exclusivamente públicas e gratuítas.
  4. Queremos implantar unha rede de servizos sociais que cubra as necesidades de todos e todas e sente as bases para a emancipación das mulleres.
  5. Queremos que todo o mundo teña unha vivenda digna. 
  6. Queremos romper coa UE, a OTAN e o Euro.
  7. Queremos unha relación de amizade e cooperación con todos os pobos do mundo.

Queremos un país para a clase obreira. Acompáñasnos?



Descarga o noso programa completo: Programa electoral
PCTG