Convócannos a unha falsa unidade


(un artigo de Raúl Martínez)
Achéganse as eleccións xerais e, como sabes, o PCTE [PCTG en Galiza, N. do T.] presenta as súas candidaturas nun gran número de circunscricións. Candidaturas comunistas formadas por mulleres e homes que diariamente loitan nos nosos barrios, nos centros de traballo e estudo, que se mobilizan e militan por un país para a clase obreira. Traballadores e traballadoras que dixeron basta! e traballan día a día para que, de novo, contemos cun gran Partido Comunista.
E ante ese paso decisivo, apoiado polas máis de 30.000 persoas que avalaron solidariamente as candidaturas comunistas, desde algúns sectores convócasenos de novo a unha falsa unidade. Dinnos que a nosa presenza nas eleccións dividirá aínda máis o voto da esquerda. Dinnos que o útil é concentrar o voto nos partidos políticos que contan con máis posibilidades.
A unidade é unha necesidade para os traballadores e traballadoras, non nos cabe dúbida diso. Pero non calquera tipo unidade. Non queremos a unidade con quen tan só aspira a xestionar o capitalismo. Non queremos a unidade con quen non cuestiona a Unión Europea nin a pertenza do noso país á OTAN. Non queremos a unidade cos responsables da desindustrialización e das reformas laborais, cos que introduciron no noso país as Empresas de Traballo Temporal e estenderon o despedimento obxectivo. Con aqueles que un verán reformaron o artigo 135 da Constitución para someter completamente ao país ás necesidades do capital, con quen privatiza, con quen recorta os nosos dereitos e liberdades. Con aqueles que apoian golpes de estado en terceiros países e se poñen ás ordes de potencias estranxeiras, como demostraron moi recentemente en Venezuela, ante o silencio clamoroso dalgúns.

Unidade si, pero unidade para que? A unidade á que se nos convoca é unha unidade para que haxa un goberno do PSOE, pois non teñen outra alternativa. Dinnos que hai que votar unidos para parar a dereita, coma se esa dereita non fose unha consecuencia directa das políticas que algúns practicaron en nome da esquerda. Non pode haber unidade con quen pide o voto coa man esquerda, para gobernar o capitalismo que nos condena a unha vida de explotación e opresión. Ese tipo de esquerda, tívonos e teranos en fronte.
Os comunistas queremos a unidade, pero unha unidade doutro tipo. A unidade de quen quere que, de novo, os traballadores e traballadoras conten cun Partido Comunista. A unidade dos traballadores e traballadoras nos centros de traballo. A unidade do estudiantado na defensa do seu futuro. A unidade das traballadoras na loita por preservar e estender os dereitos da muller. A unidade de clase obreira en todas as loitas que se libran para que o noso pobo teña un futuro. A unidade dos que creemos que todas as riquezas do país teñen que supeditarse ao interese colectivo. A unidade dos que consideramos que o traballo é un dereito e un deber, dos que cremos que non hai razón algunha para que se estenda a pobreza, para que os soldos non alcancen para vivir ou para que haxa xente sen casa nun país de casas baleiras. A unidade dos que xamais aceptaremos que nos barrios obreiros de Barcelona a esperanza de vida da nosa xente sexa 11 anos menos que a da burguesía, ou que vivamos 7 anos menos que os capitalistas no caso de Madrid. A unidade dos que nos opomos á guerra imperialista, a unidade dos que defendemos o dereito de autodeterminación, dos que nos guiamos polos principios do internacionalismo e a solidariedade.
Pero esas cuestións non están na orde do día da unidade que nos propoñen. Trátase por tanto dunha falsa unidade. Porque se contrapón á independencia política de quen vivimos do noso traballo, porque pretende que nos supeditemos a programas alleos que non inclúen ningunha das políticas que poderían conducir ao país que aspiramos a construír. Unha unidade á que se nos chama, ademais, sen ofrecernos a posibilidade de discutir as súas condicións, sen haberse dirixido en ningún momento ao PCTE para explorar alternativas, unha unidade que por tanto non só é falsa senón que ademais é imposta.
Temos memoria e experiencia suficiente para rexeitar de plano ese tipo de unidade. Memoria para afirmar que o PSOE é un partido capitalista que cada vez que tivo nas súas mans o goberno realizou unha xestión contraria aos intereses da clase obreira. Experiencia para saber que cada vez que os comunistas nos supeditamos á socialdemocracia, nos vimos envoltos en políticas contrarias aos principios e que conduciron ao enfraquecemento extremo ou á desaparición dos nosos partidos. 
O noso país foi gobernado dende a Transición por un sistema bipartidista baseado na alternancia no goberno entre o PSOE e o PP. Durante a crise capitalista ese bipartidismo ampliouse a esquerda e dereita, tratando de atrapar a aqueles sectores que perderon a confianza nas forzas políticas baixo cuxos gobernos perderon o posto de traballo, a vivenda e os seus dereitos máis básicos. A manobra é hábil, non cabe dúbida, ofrécennos votar a forzas distintas para que ao final volvan gobernar os mesmos. 
Non podemos volver caer na trampa. En realidade  non nos están chamando á unidade, senón á rendición. Chámannos a asumir que non hai outra alternativa, que debemos asumir o capitalismo e as súas políticas; que debemos resignarnos, como moito, a unha xestión menos lesiva para os nosos intereses. Convócannos a negar o noso programa, a negar a nosa esencia, a negar a nosa historia, a negar os nosos principios, a negar toda aspiración a construír un país e un mundo distinto. E a ese chamamento á resignación, contestamos que nós non nos rendemos, que de novo levantamos as nosas bandeiras para proseguir unha loita histórica, á que convocamos a todos os traballadores e traballadoras do país.
Fronte á falsa unidade e a resignación, imos pedir o voto para restar apoios a quen leva toda a vida explotando á nosa xente. Imos pedir o voto para que os traballadores e traballadoras conten de novo cun gran Partido Comunista. Imos pedir o voto para estender ese Partido, para fortalecelo nos barrios e nos centros de traballo, para organizalo onde non exista, para parar en seco o avance da extrema dereita desde a organización e a mobilización social. Porque se os capitalistas levantaron a Vox para defender o seu programa de máximos, a única maneira de facerlles fronte é, precisamente, que os traballadores e traballadoras levanten en resposta o seu propio programa, o daquel Partido que afirma que é posible derrotar  burguesía, que é posible construír un país feito a medida de quen todo o producen, daqueles que nin se renden nin se renderán. Por iso, pediremos o apoio e o voto para o Partido que non conflúe nin confluirá nunca cos partidos do capital.

Pedimos o teu apoio para proseguir unha loita histórica. Pedimos o teu apoio para levantar un Partido ao servizo exclusivo dos traballadores e traballadoras, un Partido que volveu para construír, esta vez si, un país para a clase obreira. Fronte á falsa unidade e a rendición pedimos de novo o teu apoio para o Partido Comunista.

Fonte: Nuevo Rumbo
Traducido a galego pola Revista FORXA